Que México?

 Vendedor de caretas de Obrador, Calderón e Madrazo, clic para aumentar
Tanto López Obrador como Calderón se senten os abandeirados da "necesidade histórica" de impulsar un novo modelo para México, co cal o seu discurso ben engadido aos seus respectivos caracteres personalistas que, a futuro, poderían lastrar a recente transición democrática post-PRI. (Foto: México 30/06/2006. Vendedor ambulante con caretas de López Obrador, Felipe Calderón e Roberto Madrazo).
 

Setenta e dous millóns de mexicanos decidirán o próximo domingo 2 de xullo o seu futuro presidente para o período 2006-2012. Os candidatos son cinco, pero as posibilidades reais de triunfo concéntranse en Andrés Manuel López Obrador, do Partido da Revolución Democrática, PRD/Alianza para o Ben de Todos e Os Pobres Primeiro, e en Felipe Calderón, do Partido da Acción Nacional, PAN, tolda política do actual presidente Vicente Fox.

No entanto, o actual proceso electoral ofrece un momento tan decisivo como preocupante, xa que mide o éxito da transición política post-PRI comezada no 2000. Mais, probablemente, México nunca asistira anteriormente a unha campaña electoral chea de insultos e agravios directos tan pronunciados como inxustificados, evidenciando preocupantes síntomas de deterioro no debate político.

A confrontación López Obrador-Calderón ten tintes dunha mediática "guerra sucia" semellante, aínda que non exactamente igual, á acontecida recentemente en Perú entre Alan García e Ollanta Humala. Pero o problema non é só cómo este panorama inflúe nos contidos programáticos dos candidatos senón na debilidade institucional mexicana, traducida na fráxil posición do Instituto Federal Electoral, sobre quen recaen presuntas acusacións de falta de transparencia.

Este escenario amosa sinais inquietantes diante da celebrada transición política personificada na vitoria de Vicente Fox no 2000 e as medidas reformadoras enfocadas en mellorar un sistema electoral tan pouco transparente como escasamente democrático. O candidato oficialista Calderón, apoiado indirectamente polo actual goberno conservador, polas elites empresariais vencelladas aos grandes negocios transnacionais, influíntes canles de TV como Televisa e un certo desconcerto social, esfórzase en cualificar ao seu rival como unha "ameaza á democracia e o progreso económico" e unha continuación do modelo instaurado por Hugo Chávez en Venezuela.

Pola súa banda, López Obrador, quen comandaba comodamente as enquisas tras recuperarse dunha presunta caída nas derradeiras semanas, denuncia unha evidente conspiración mediática e política na súa contra, busca afastarse da "pantasma chavista" (quizais preocupado polo exemplo peruano a respecto de Humala) e acusa a Calderón de beneficiar política e economicamente aos seus familiares, utilizándoos na campaña electoral. En ambos casos, semella máis importante potenciar as acusacións contra so seu rival que especificar qué futuro esperan construír para os mexicanos.

O contido mesiánico resulta característico nos discursos de ambos candidatos, pero quizás principalmente no caso de López Obrador, co cal se pode intuír que, no caso mexicano, existe unha cargada percepción electoral de fatalismo e mesianismo. Tanto López Obrador como Calderón se senten os abandeirados da "necesidade histórica" de impulsar un novo modelo para México, co cal o seu discurso ben engadido aos seus respectivos caracteres personalistas que, a futuro, poderían lastrar a recente transición democrática post-PRI.

México constitúe un esencial peón no xadrez xeopolítico latinoamericano e non só pola súa veciñanza con EEUU. A pesares de que, tradicionalmente, a política exterior mexicana trata coa maior deferencia a súa relación con Washington que cos países latinoamericanos, o próximo presidente evidenciará se a vaga de cambios políticos electorais cara a esquerda e centro esquerda en América Latina é unha realidade en fase de consolidación ou se ben un aliado estratéxico tan importante para Washington continúa a manter o seu modelo económico neoliberal.

Deste modo, o espello mexicano se ilustrará nos próximos comicios en Nicaragua, Ecuador e Brasil. Pero tamén evidenciará a influencia da diáspora como poder electoral: por vez primeira, máis de 400,000 mexicanos no exterior poderán votar o próximo domingo, a maior parte deles residentes nos EEUU. Todos eles están sensibilizados polas medidas represivas do goberno Bush cara a inmigración. Mais cos ataques directos entre os candidatos, a diáspora pode descifrar varios dos enigmas electorais das próximas presidenciais mexicanas.