¿Que quere facer Occidente?

O Grupo de Contacto para a Antiga Iugoslavia (Alemaña, EE UU, Francia, Reino Unido, Italia e Rusia) ten convocado para o sábado unha reunión en Rambuillet aos dirixentes serbios e kosovares a fin de darlles a coñecer as propostas que nestes últimos días teñen elaborado. Non se trata pois propiamente de iniciar un proceso negociador entre Belgrado e os albaneses do Kosovo senón máis ben de poñer sobre a mesa unha serie de condicións que de non cumprirse suporían a intervención militar da OTAN.

As reaccións ao forzado convite van dende a aparente negativa do goberno de Milosevic que considera a ameaza como un atentado contra a Carta de Seguridade de Nacións Unidas e solicitou a reunión urxente do Consello de Seguridade da ONU, á división provocada pola proposta entre os kosovares, entre os que hai partidarios e opositores a participar nas conversas da vila próxima a París, todo adubado coa permanente incapacidade coa que o Grupo de Contacto aborda dende fai anos a problemática balcánica.

Dende que en 1990 Belgrado eliminou a autonomía do Kosovo estaba claro que nun ou outro momento a tensión iría en aumento. Nove anos máis tarde a tensión tense convertido en guerra aberta e moitos, especialmente o Exército de Liberación de Kosovo, coidan que despois de ter chegado a esta situación non se van conformar cunha autonomía dependente de Serbia e esixen a independencia para despois negociar en pe de igualdade con Serbia e Montenegro.

Mentres o goberno de Belgrado actúa coñecendo as debilidades de Occidente. Milosevic sabe que as potencias occidentais non queren oír falar de máis modificacións no mapa europeo e moito menos daquelas que supoñan a alteración de formas xurídicas anteriores. A independencia do Kosovo suporía a alteración de fronteiras pero sobre todo o cambio de status da provincia Serbia. Ao fin de contas a unificación alemana, a escisión de Checoslovaquia, o recoñecemento de Eslovenia e Croacia e das repúblicas ex-soviéticas ou a falsa solución de Bosnia "unida na forma, na práctica escindida en tres", non supuxo alteración legal da situación precedente: todas eran repúblicas posuidoras de soberanía. Todo esto sabeo moi ben Milosevic, occidente estaría disposto a admitir unha autonomía de Kosovo pero non máis, e con elo xoga. Poderán demonizalo ou sadamizalo pero en última instancia terán que contar con el.

O poder económico, político e militar non é amigo de mudanzas, moito máis cando estas lle podían tocar de preto: Irlanda ou Euskadi. Converter o Kosovo nun suxeito de soberanía abriría a posibilidade de facer o mesmo noutros casos como no Caúcaso, no Indostán ou na cada vez máis urxente necesidade de redefinir as fronteiras africanas herdeiras da rapinar do colonialismo e do neocolonialismo.