Rebelións en paralelo

Non deixa de constituír unha curiosa “coincidencia” que países tan distantes como Ucraína e Venezuela estean inmersos actualmente en agudas crises políticas, lastradas pola radicalización das accións violentas, fracturas políticas, tensións e presións internas e externas con incertos escenarios abertos. Ambos casos, se ben levemente periféricos dentro da dinámica da xeopolítica global pero con notable capacidade de incidencia de cara a confrontación de intereses dos grandes actores do sistema internacional (particularmente mais visible no caso ucraíno), abren unha diversidade de lecturas, aproximacións, perspectivas e expectativas, dalgún xeito definidos polo confrontación de diversos tipos de intereses, internos e externos, diametralmente enmarcados dentro da dinámica de contestación global motorizada pola crise económica e por diversos aspectos relativos á crise de lexitimidade política. 

Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Non deixa de constituír unha curiosa “coincidencia” que países tan distantes como Ucraína e Venezuela estean inmersos actualmente en agudas crises políticas, lastradas pola radicalización das accións violentas, fracturas políticas, tensións e presións internas e externas con incertos escenarios abertos. Ambos casos, se ben levemente periféricos dentro da dinámica da xeopolítica global pero con notable capacidade de incidencia de cara a confrontación de intereses dos grandes actores do sistema internacional (particularmente mais visible no caso ucraíno), abren unha diversidade de lecturas, aproximacións, perspectivas e expectativas, dalgún xeito definidos polo confrontación de diversos tipos de intereses, internos e externos, diametralmente enmarcados dentro da dinámica de contestación global motorizada pola crise económica e por diversos aspectos relativos á crise de lexitimidade política. 

Nese contexto, concretamente no aspecto relativo á lexitimidade política e a contestación cidadá, os mass media frecuentemente xogan un papel relevante na concreción de pautas de opinión pública, polarizando a tradicional dicotomía entre “autoritarismo” e “democracia” que dilúe a perspectiva de observar cales son os factores de poder realmente existentes detrás destas crises.   

A radicalización como móbil

Sen aparente conexión directa, ambas crises apuntan notables paralelos e antagonismos. Ucraína está sumida nunha prolongada crise de lexitimidade política, dificultades económicas, antagonismos na identidade nacional e intereses contrastados dentro do seu péndulo xeopolítico desde a aparición da célebre “Revolución Laranxa” que en decembro de 2004 levou ao poder a líderes pro-occidentais como Viktor Yushenko e Iulia Timoshenko, esta última en prisión domiciliaria desde 2012.

Pero o contexto 2013-2014 afronta o panorama da violencia política como móbil de actuación. A brutal confrontación entre opositores e forzas gobernamentais acaecida o pasado 18 de agosto na Praza Maiden de Kiev, con saldo de 26 mortos, unido á violencia que se estende polo Oeste ucraíno e as eventualidades dunha fractura estatal (tensións pola eventual separación de feito de Crimea, Lvov, etc), son factores que evidencian os síntomas de polarización política e territorial e de identidades nacionais, mobilizadas obviamente por directos intereses externos (principalmente EUA, Europa e Rusia) que móvense aleatoriamente dentro do estratéxico péndulo euroasiático.  

En comparación, a crise venezolana antecede levemente á ucraína pero apunta a direccións contrastantes. A confrontación de intereses e expectativas xeradas polo triunfo democrático da Revolución Bolivariana a partir da súa chegada ao poder en 1999 dirimiu diversos pulsos internos e externos, os cales contribuíron igualmente a afondar unha polarización social e política que, no contexto 2013-2014, retrotrae a situacións anteriores de violencia social e política, abordando toda serie de expectativas.

Estas expectativas intensifícanse principalmente polos dilemas establecidos en torno ás incertezas do “chavismo post-Chávez” en mans do actual mandatario Nicolás Maduro. A crise económica, a radicalización de diversos sectores (“chavistas” e opositores) e as presións internas e externas (EUA, países veciños, organismos internacionais), os cales contemporizan as súas presións cara unha eventual crise de lexitimidade e de autoridade presidencial, son factores igualmente visibles no actual contexto venezolano.

Sen alcanzar o caudal de violencia e de persistente rebelión (ou sedición) a través de barricadas e asaltos a instalacións gobernamentais como no caso ucraíno, a renovación da violencia en Venezuela ofrece unha perspectiva diametralmente similar.

Os focos de protestas e confrontacións, iniciados a comezos de febreiro a través de manifestacións de estudantes alcanzaron un radio de actuación nacional, que levaron a confrontacións entre cidadáns, organismos de seguridade e incluso bandas irregulares armadas en diversas zonas da capital Caracas e das principais cidades venezolanas, como Valencia, Barquisimeto e San Cristóbal, este último no estado andino de Táchira, fronteirizo con Colombia. Desde mediados de febreiro, estas protestas e confrontacións deixaron cinco vítimas mortais, decenas de feridos e acusacións desde diversos ángulos de represión política e de fomentar focos desestabilizadores.

Este retorno da violencia política, con mediano grao de intensidade, retrotraeu momentos anteriores críticos da historia contemporánea venezolana, como foron o “Caracazo” (1989), as fracasadas tentativas de golpe militar (1992), o breve golpe contra Chávez (2002) e as denominadas “guarimbas” ou “barricadas” de sectores opositores (2003-2004). Tanto como a polarización, estes crises e sucesos violentos manifestan un factor de notable incidencia e influencia de cara ás perspectivas de crise de lexitimidade política.

Así, o contexto actual vese igualmente determinado pola súbita aparición dunha crise económica que xa alcanza o nivel de desabastecemento de produtos básicos (co derivado descontento en diversos sectores sociais), sumado a problemas xa crónicos como a imparable inseguridade cidadá e os ralentizados canais de diálogo entre o goberno e a oposición, cun elevado grado de confrontación e violencia verbal que inflúe dalgunha forma na configuración dunha cultura política regresiva.

A fractura como opción.

Con todo, a xeopolítica xoga un factor relevante nas crises ucraína e venezolana. No mesmo momento en que Kiev e outras cidades ucraínas sumíanse na brutal confrontación entre opositores e as forzas gobernamentais do presidente Viktor Yanúkovich, as tensións nas rúas venezolanas reapareceron tras numerosas protestas e manifestacións, intensificadas esta semana coa entrega do líder opositor Leopoldo López ás autoridades venezolanas, para ser sometido a xuízo pola súa presunta participación nos recentes sucesos violentos.

Ambos aspectos constitúen a creba dunha tensa tregua política en ambos países. En Ucraína, tras tres meses de protestas, o alzamento da praza Maiden rompeu unha tregua de quince días sen protestas, sepultando case definitivamente as expectativas dun acordo político entre o presidente Viktor Yanúkovich e unha oposición cada vez máis radicalizada.

En Venezuela, a fractura da oposición (igualmente visible no caso ucraíno) da a entender unha polarización entre elementos eventualmente “moderados” dentro da plataforma da Mesa da Unidade (MUD), liderados polo candidato presidencial Henrique Capriles Radonski; e un sector máis radical, tendente a focalizar na mobilización persistente nas rúas, aparentemente liderado por López e a deputada María Corina Machado, ambos afiliados ao partido Vontade Popular (VP). Este sector descoñece claramente a lexitimidade presidencial de Maduro, presuntamente fomentando accións de insurrección popular contra o seu goberno.

Tras gañar as eleccións primarias na MUD en febreiro de 2012, cun inicial apoio por parte dos demais líderes opositores (entre eles precisamente Leopoldo López e María Corina Machado) a figura de Capriles foi impulsada e promovida polos sectores “antichavistas” dentro e fóra de Venezuela como unha “nova faciana” da oposición venezolana, aparentemente comprometida cos canais democráticos e constitucionais. Neste sentido, Capriles activou contactos en EUA e América Latina, principalmente en gobernos aliados de Washington como Colombia e Chile.

Non obstante, a estela de Capriles foi esvaecéndose tralas súas derrotas nos comicios presidenciais de outubro de 2012 (contra Chávez) e abril de 2013 (contra Maduro), así como nas recentes eleccións municipais de decembro de 2013 (contra o PSUV). A pesar de que a oposición alcanzou os seus mellores rexistros electorais contra o “chavismo” baixo o liderado de Capriles, en diversos sectores da MUD e da oposición venezolana comezou a cuestionarse a súa lexitimidade como líder unitario da oposición, a pesar de ser elixido nunhas primarias onde participaron tres millóns de cidadáns.

Paralelamente, e a pesar de que o goberno acúsao de presuntamente perpetrar os actos de violencia post-electoral tralos comicios presidenciais do 14 de abril de 2013, Capriles manifestou unha posición mais moderada cara o goberno de Maduro, incluso abrindo canais de diálogo para tentar solucionar os problemas económicos e de inseguridade, o cal causou notable malestar entre os sectores máis radicais, liderados actualmente por López e Machado, e que aparentemente gañan peso dentro dunha MUD cada vez máis dividida.

Como no caso venezolano, en Ucraína pode observarse unha polarización de axendas políticas dentro da oposición na que, igualmente, maniféstase o ascenso dun sector radical liderado por figuras de corte nacionalista como Vitali Klitschko (partido UDAR) e Oleg Tyahnibok, do partido nacionalista Svoboda, en cuxo seo proliferan os grupos paramilitares radicais, algúns deles afiliados a movementos “protofascistas”, moi activos nas barricadas en Kiev e noutras cidades.

Ambos, Klitschko e Tyahnibok, semellan constituír unha “nova oposición” nacionalista e antirrusa, co visible apoio europeo e estadounidense, e que claramente sepultaría a aparente levedade dos herdeiros da “revolución laranxa”, hoxe posiblemente desacreditados entre diversos sectores opositores e que, ante os recentes acontecementos, seguen a apostar pola negociación co presidente Yanúkovich para evitar unha maior radicalización da violencia. A presenza de Klitschko no cumio da OSCE celebrado a finais de xaneiro en Múnic (Alemaña) dá a entender cales son as cartas da Unión Europea en Ucraína.

Por tanto, Ucraína e Venezuela corresponden a escenarios de estratéxico interese xeopolítico para Occidente. No caso ucraíno, as tensións anuncian a alteración do péndulo xeopolítico euroasiático, con especial incidencia e afastar a este país da órbita de influencia rusa e hipoteticamente de China, a tenor dos recentes achegamentos cara Pequín por parte de Yanúkovich, con primordial acento económico.

A inclusión de Ucraína na OTAN e na Unión Europea, fomentada durante a presidencia de Yushenko (2005-2010) supón unha peza estratéxica para Occidente tanto como Rusia calcula incluír a este país no seu proxecto de Unión Euroasiática previsto para 2015, precisamente o ano no que están pautadas as próximas eleccións presidenciais en Ucraína.

Se ben as protestas e manifestacións que desde novembro pasado tentan acabar infrutuosamente co goberno de Yanúkovich non logran o seu cometido, polarizando aínda mais á sociedade ucraína, a perspectiva dunha secesión política e territorial de feito entre un Oeste ucraíno proeuropeo y un Leste prorruso ameaza con cobrar o seu protagonismo, alterando sensiblemente o panorama rexional, en especial pola persistencia de diversas comunidades nacionais e lingüística entre Ucraína e os seus países veciños, en particular Hungría, Eslovaquia, Romanía ou Bulgaria.

No caso venezolano, a persistencia do modelo “chavista” no poder desde 1999 confronta claramente cos intereses xeopolíticos, principalmente enerxéticos, de EUA e dos seus aliados rexionais. Paralelamente, a Venezuela de Chávez manifestou unha reorientación da diplomacia venezolana, alterando a preponderancia de EUA e Europa nas relacións exteriores de Caracas a favor de rivais e polos incómodos para os intereses estadounidenses, principalmente China e Rusia no sector enerxético e militar, e Cuba e Irán no sector político e da cooperación.

As incertezas emanadas do actual contexto dun “chavismo post-Chávez” en mans de Maduro, focalizado nun aparente “triunvirato” no poder xunto a outras figuras do “chavismo” como Diosdado Cabello e Rafael Ramírez, intensifica os parámetros de fractura política en diversas bandas e intensidades dentro da aguda polarización social e política que vive Venezuela nos derradeiros anos.

Estas fracturas políticas crean diversas expectativas tanto como inevitables incertezas. O “chavismo de base”, sen liderados visibles pero que se autoproclama como o herdeiro indiscutible do legado de Chávez, en particular no cometido da construción do Estado socialista e comunitario, recea dos sectores de poder instalados no goberno de Maduro, nas estruturas burocráticas do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e das novas elites económicas. Por tanto, a confrontación política xa non se traduce unicamente contra unha oposición “clasista” cualificada de “dereitista”, “fascista”, “apátrida” e “proestadounidense” senón que o pulso móvese lentamente dentro do péndulo “chavista”, implicando toda serie de tensións e contrapesos para a presidencia de Maduro e as elites no poder.  

Á espera de observar se estas eventuais fracturas dentro do “chavismo” resultan certas e decisivas, o péndulo igualmente móvese dentro da oposición. A visible confrontación de poderes entre unha MUD atomizada polo crecente peso de sectores mais radicais, confirma unha fractura cuxa incidencia pode medirse de cara aos futuros procesos electorais venezolanos, en particular as eleccións lexislativas pautadas para decembro de 2015 e a eventualidade de convocar a un referendo revogatorio da presidencia de Maduro, constitucionalmente previsto a partir de 2016.

Como sucedera coa “Revolución Laranxa” ucraína de 2004, en Venezuela ven sendo persistente, desde 2007, a configuración de espazos de actuación do movemento OTPOR (Resistencia), principalmente dentro de sectores estudantís e outros movementos cívicos, un aspecto que retrotrae no escenario local a reprodución dos movementos contestatarios que levaron a cambios en países da periferia euroasiática en Serbia, Ucraína, Xeorxia e Kirguizistán entre 2000 e 2005, e que tiveron unha clara implicación de EUA e Europa.

No fondo, a aparente crise política dentro do “chavismo”, dunha oposición agrupada nunha MUD cada vez máis debilitada así como de diversos sectores sociais que comezan a emerxer no escenario pero que non manifestan unha representación política clara, son factores que identifican, no fondo, unha crise de lexitimidade dentro da política venezolana que pode resultar persistente e prolongada.

Divide e vencerás?

Un derradeiro factor tería que ver cunha incerta pero non menos potencial manifestación dunha fractura territorial, moito mais palpable e politicamente posible no caso ucraíno.

As discusións na Rada ou Parlamento de Crimea esta semana, onde sectores do Partido das Rexións do presidente Yanúkovich anunciaron a eventualidade de reinserir á península de Crimea cara Rusia ante a perspectiva de alzarse un nacionalismo radical en Kiev, correu paralelo ao asalto por parte de manifestantes antirrusos e anti-Yanúkovich nas cidades de Lvov e Lutsk, ao Oeste de Ucraína, con tomas de edificios gobernamentais e de estacións de policías. Como se sabe, Rusia cedeu en 1992 a soberanía da península de Crimea a favor de Ucraína.

En Lvov, os manifestantes anunciaron a súa autonomía política co respecto a Kiev, toda vez o asalto das estacións policiais permitiu o saqueo de todo tipo de armamento, como eventual preparación para unha pre-guerra civil, imprimindo un clima de “balcanización” en Ucraína. Con todo, compre considerar que no Leste ucraíno, as manifestacións anti-Yanúkovich e antirrusas tiveron menos incidencia e potencialidade.

A eventualidade dunha fractura política e territorial de feito en Ucraína entre un Oeste proeuropeo e un Leste prorruso non só alteraría o péndulo xeopolítico euroasiático senón que confirmaría a plasmación do pulso de intereses entre Occidente e Rusia por controlar as súas respectivas zonas de influencia en Ucraína.

No caso venezolano, a crise política non manifesta ningún tipo de reclamación ou reivindicación de soberanía territorial algunha. Non obstante, existen acusacións de implicacións exteriores, principalmente por parte do goberno de Maduro, que acusa a EUA e Colombia de perpetrar accións violentas a través da fronteira con Venezuela, especialmente nos estados andinos de Táchira e Mérida, a fin de presuntamente tentar desestabilizar ao goberno de Maduro.

Compre considerar que a fronteira colombo-venezolana é escenario desde fai varios anos da incidencia do conflito interno que vive Colombia, coa presenza de grupos paramilitares e da guerrilla das FARC e do ELN, aspecto este último que cobrou intensidade ante os reiterados contactos de Chávez coa guerrilla colombiana e os presuntos vínculos de sectores radicais da oposición venezolana cos grupos paramilitares colombianos. Igualmente, percíbese nas altas esferas do poder en Caracas a percepción de que o Plan Colombia de cooperación militar e antidrogas impulsado por Washington a partir de 1999, ten unha directa incidencia na desestabilización do proceso boliviariano venezolano.

Outros sectores, simpatizantes co “chavismo”, aducen que a fronteira colombo-venezolana, especialmente nos estados venezolanos de Zulia (produtor do 40% da renda petroleira venezolana), Táchira e Mérida (de potencial agroindustrial e gandeiro), pode constituírse nunha especie de “territorio-tapón” entre Colombia e Venezuela, intensificando así unha forte presión territorial e política cara o goberno venezolano. Aínda que non é visible nin potencialmente real a consideración dunha eventual desintegración territorial do Estado venezolano, dende o “chavismo” acusase constantemente a EUA e Colombia de propiciar actos de desestabilización nesa zona, co presunto apoio de sectores radicais da oposición venezolana.

Dentro das tensións e polarizacións da actual xeopolítica global e dos reacomodos de intereses estratéxicos existentes entre os principais actores do novo sistema internacional, que non menoscaban a persistencia das antigas rivalidades e intereses xeopolíticos, as crises paralelas de Ucraína e Venezuela amosan notables similitudes como antagónicas asimetrías. Todo isto enmarcado nun contexto se ben periférico pero de considerable amplitude global.