A poucas semanas do referendo en Francia sobre a Constitución europea, a celebrar o próximo 29 de maio, os apuros apreman ó presidente francés, Jacques Chirac, quen, ata agora, parecía seguir a estratexia que en 1992 iniciara Mitterrand, respecto do referendo do tratado de Maastricht: despois de que as enquisas lle desen por primeira vez avantaxe ó non, tomou cartas no asunto, para finalmente chegar ó 51% que evitou que un dos países fundadores se opuxese ó avance da integración, tal e como pasou cos referendos de Dinamarca ou Irlanda.
Chirac, que non se mollou polo momento, entra agora en liza, tal e como Mitterrand fixo daquela. O caso é que a situación é un pouco diferente. Dunha banda, os socialistas franceses están divididos, e François Hollande o número un do Partido socialista, ten problemas para consolidarse. Doutra, dentro do seu partido, as intrigas e a ambición fan que lle medren as pirañas como Sarkozi ou Jean-Pierre Raffarin, que desexan ocupar, algún día, a súa cadeira no goberno francés.
Raffarin, diante de 8 millóns de persoas, representou o xoves pasado, a cara do si á Constitución Europea, e de paso promocionouse un pouco máis como candidato á presidencia francesa. Esta semana, mentres Chirac está de visita de tres días en Xapón, aproveita para seguir representando á dereita presidenciable, respaldado polo comisario europeo, Jacques Barrot, e o ministro de xustiza, Dominique Perben, nunha cea debate sobre a Constitución en Lyon.
Segundo recollía Le Figaro do 21 de marzo, o 52% dos franceses rexeitaría o proxecto de Constitución e a proporción dos indecisos tamén permanece moi alta. ¿Aínda hai tempo para reaccionar?. Segundo outra sondaxe do 23 de marzal, que aparece o sábado 26 no semanario Marianne, o 55% dos franceses opoñeríanse á constitución Europea, o que indica unha forte tendencia ó rexeitamento da Carta Magna europea. Pero o estudo vai máis lonxe, apuntando unha tendencia no "non da dereita". Asemade, o non da esquerda progresa tamén. Dende os resultados apuntados por esta revista, pasaría do 57% ó 58%. E segundo a enquisa, o 50% das persoas interrogadas, indican a intención de absterse ou de votar nulo ou en branco, contra o 53% que se tiña declarado anteriormente.
O presidente freouse ata o de agora na campaña, e isto é un risco que pode pagar caro. Non se sabe moi ben se por motivos económicos ou por preguiza "dise que o presidente francés gusta das campañas curtas- ou porque pensa que este é un asunto de todos, e non só do presidente. Desde Xapón, reclama que interveñan tódolos líderes nas tertulias.
De momento, na dereita parece que o vai conseguindo e senón miren as axendas : Michel Barnier, antigo comisario europeo, ten previstas máis de 70 intervencións ó lado do ministro delegado para a cooperación, Xavier Darcos, que ten previstas outras 23. Xavier Bertrand, secretario de estado para a Seguridade social, apoiará o "si", nun debate , en Saint-Quentin, co antigo primeiro ministro, Jean-Pierre Chevènement, quen aproveita para lanzar o seu libro, "Pour l’Europe, votez non".
Catherine Vautrin, secretaria de Estado para a Terceira idade, afirma que Jean-Pierre Raffarin os enviou na busca de votos onde faga falla, como Cristo enviou os apóstolos polo mundo. E de paso que apelen á unidade da dereita pola causa do si.
O presidente da UDF, François Bayrou, o terceiro partido francés, dirixirase ó público na Television de Francia 1, hoxe martes pola noite, mentres que se desprazará a Lille o xoves. Ese mesmo día, o homólogo do l’UMP, Nicolas Sarkozy, será por terceira vez invitado ó programa "100 minutes pour convaincre" da France 2.
En apoio aparece tamén, o presidente da comisión Europea, José Manuel Barroso, que ten pensado aparecer na cadea pública de televisión France 2, o 21 de abril para dirixirse á opinión pública francesa defendendo a Unión no que son as cuestións candentes do momento, entre elas, a directiva Bolkestein (unha directiva sobre a liberalización dos servizos dentro da Unión), e a aprobación da Constitución europea. O que dunha forma ou outra, lémbranos a gravidade e a importancia do asunto.