A inmigración estase a converter nun problema e nun drama que pon a proba o poder rexenerador da compaixón humana. Todo canto está a acontecer cos colectivos subsaharianos que tentan saltar os valados que separan o mundo rico do mundo pobre era perfectamente previsible, aínda que dificilmente evitable. Difícil, sobre todo, porque as solucións requiren non soamente axuda puntual, senón a transformación das regras dun comercio internacional que xeran cada vez máis desigualdades e pobreza. Eses son os auténticos valados. E mentres isto non mude, estes perigos aumentarán, tanto como as promesas de solución.
Coa Declaración do Milenio, a comunidade internacional asumiu a actualización dunha morea de vellos compromisos que, a pesar de todo, cando chegue o 2015, non estarán acadados. Ese documento é unha peza valiosa que resume unha visión atrevida do que se debe facer para actuar en materias elementais que cuestionan a dignidade humana, a superación das condicións miserables e inhumanas que habitan na pobreza extrema. Ninguén pode alegar ignorancia. Os gobernos, as empresas, etc, todos saben o que se debe facer. Pero o compromiso manifesto e común cos dereitos humanos universais e coa xustiza social, un avance certamente importante, cae como un castelo de naipes cando se focaliza o drama deses centos de inmigrantes que aspiran a vivir nun mundo mellor. O poder da comunicación está presente, opacando realidades que son aínda máis duras "cada hora morren máis de 1.200 nenos sen que diso se fale nos medios", pero sen orixinar mobilizacións públicas, intervencións cívicas humanitarias que premen aos gobernos para esixir compaixón. Simplemente compaixón. Ata as igrexas, tan acostumadas a conxugar este vocábulo, semellan estar ausentes.
Un día tras outro sucédense as situacións críticas, marcando diferentes puntos de inflexión que esixen un compromiso de renovación da cooperación, unha aposta que non significa só máis diñeiro, tamén máis responsabilidades dos países en vías de desenvolvemento, incluído o respecto aos dereitos humanos, a acción contra as desigualdades ou o combate á corrupción. A axuda internacional é un investimento clave en desenvolvemento humano e debe manterse e mellorarse para conseguir melloras reais e medibles en forma de reducción de enfermidades e de mellora das condicións de vida.
Pero outro piar esencial e decisivo é o comercio internacional, a auténtica proba de que a Declaración do Milenio non acabará por ser simple papel mollado. E que se pode dicir ao respecto? A Rolda de Doha da OMC, iniciada en 2001, non da resultados. Os países ricos non están interesados en crear as condicións necesarias para o desenvolvemento humano. Nada substancial se avanzou en todo este tempo, e os países desenvolvidos desenténdense abertamente de todo compromiso, afirmando políticas comerciais que continúan negando aos países pobres o seu dereito a unha parte da prosperidade mundial.
O comercio, máis aínda que a axuda, ten un poder de transformación de alcance desa situación de pobreza (aínda que tamén outros factores como a violencia) que empuxa a numerosas comunidades a buscarse a vida lonxe do seu lugar de orixe. Limitar este potencial con políticas comerciais inxustas é un exercicio de hipocrisía que desbarata calquera propósito de emenda, por moi nobre que sexa.