Os corredores da ONU están a vivir os primeiros momentos da longa e singular campaña que conducirá ao relevo de Kofi Annan. Unha regra non escrita apuntaría a un asiático, pero a administración Bush ten outras preferencias e tentará facelas valer ante os membros da organización que, polo demais, disporán dun papel limitado á hora de condicionar o resultado final. Ben sabido é que a coherencia democrática non é, precisamente, a variable máis acentuada da ONU e tampouco son tempos, pensarán na White House, de avalar a persoas que logo teñen ideas propias ou presentan dúbidas a respecto da universalidade dos valores occidentais. John Bolton, embaixador estadounidense ante Nacións Unidas, non se morde a lingua, e se un día cualifica de inaceptable a resolución para a formación dun novo Consello para os Dereitos Humanos, outro pecha canta porta semelle entreaberta para conter ou reducir a influenza de EEUU nunha organización que ningunea e desautoriza canto pode pero que, a fin de contas, non pode desprezar de todo e que pode ser útil se lexitima a súa política global que tantas resistencias xera no mundo enteiro.
Confrontado ós seus derradeiros meses á fronte da organización, todo o empeño de Annan estase a centrar na culminación das reformas parciais deste organismo, moi afectado na súa credibilidade ante a opinión pública internacional, tanto polas súas carencias ante os graves problemas do tempo en que vivimos, como polas denuncias de corrupción que atinxiron a numerosos estamentos: dende as tropas de mantemento da paz ata os altos funcionarios, incluído o entorno do propio Annan.
Para o secretario xeral, a prioridade son os dereitos humanos. Non está mal como reclamo. Certamente, os retrocesos experimentados nos últimos anos nesta materia, que como tantas outras xa se daba por consolidada, son alarmantes. A preocupación de Annan tradúcese sobre todo na substitución da Comisión de Dereitos Humanos, que se ven reunindo cada ano durante seis semanas en Xenebra, por un Consello moito máis vigoroso e crible. Annan reclama un status máis importante para a Comisión dentro da ONU, modificando o xeito de elección dos seus integrantes, desta vez elixidos directamente pola Asemblea Xeral a quen informará directamente; con capacidade para emitir recomendacións directas ao Consello de Seguridade; e con maior dinamismo, reuníndose dez semanas en vez de seis, e habilitándoa para levar adiante reunións de urxencia. A proposta de Annan ten lagoas. O número de membros segue a ser alto (47 fronte aos 53 anteriores); os membros elixiranse por maioría simple en vez de 2/3, pero a maior preocupación é se vai conlevar cambios de verdadeira importancia na maneira de afrontar este problema.
Ese será o reto tamén de quen releve o secretario xeral e por iso non será irrelevante a súa identidade nin a súa orixe, por moito que todos teñamos razóns máis que sobradas para criticar severamente o papel dunha ONU desbordada polos acontecementos e polas incoherencias dunha figura que carece de suficiente lexitimidade democrática e de capacidade de actuación para superar tantas impotencias.