Revés táctico para Putin

Apartados xeográficos Russia ARCHIVE
Idiomas Galego

A inesperada perda de 77 parlamentarios da gobernamental Rusia Unida nos comicios parlamentarios celebrados o domingo 4, denotan un táctico toque de atención do electorado ruso ás pretensións hexemónicas do primeiro ministro e candidato presidencial Vladimir Putin e do seu partido Rusia Unida (RU), nunha antesala electoral de cara aos comicios presidenciais de marzo de 2012.

Non obstante este resultado, Rusia Unida segue a ser o partido maioritario na Duma ou Parlamento ruso, rozando o 50% da votación e con aproximadamente 238 dos 450 parlamentarios. Con isto, RU consolida a súa hexemonía política nuns comicios amplamente criticados polas constantes denuncias de falta de transparencia electoral en diversas rexións do interior ruso, así como a inhabilitación de máis de 130 candidatos e as denuncias de acoso gobernamental a candidatos opositores.

Con esta inesperada caída de RU (que nos comicios de 2007 obtivo 315 parlamentarios), Putin sofre un táctico golpe a súa imaxe política e electoral pero que, a grandes resgos, non afectará sensiblemente o seu anunciado retorno presidencial tras o breve “interregno” en mans do seu “delfín” político e actual mandatario Dmtri Medveded.

Paralelamente, a oposición tenta agora artellar as súas posibilidades electorais a través dun renacido Partido Comunista da Federación Rusa, que con 20% da votación e 92 escanos será a segunda forza parlamentaria na Duma. Este resultado confirma ao líder comunista Guennadi Zyuganov como un dos actores políticos máis relevantes na Rusia post-soviética, aínda que non existen expectativas de derrota electoral para Putin e RU nos comicios presidencias de marzo próximo. Os outros dous partidos con representación parlamentaria son Rusia Xusta (64 escanos) e a ultradereita do Partido Liberal Democrático (PLD), que conserva os seus 56 escanos e o liderado do populista e xenófobo Vladimir Jirinovski.

Outros partidos que quedaron fóra da Duma, como o liberal movemento Yabloko, anunciaron que recorrerán os resultados electorais, aducindo dos constantes fraudes e irregularidades, unha perspectiva que igualmente será secundada por Rusia Xusta. Por tanto, o escenario político post-electoral nas lexislativas rusas da conta de cómo RU moi probablemente formalizará unha alianza parlamentaria co PLD ao carón da eventual alianza entre o Partido Comunista e Rusia Xusta, definido oficialmente como unha alianza de esquerda, e que tentará conter a hexemonía “putinista” na Duma.

Unha hexemonía que todos consideran un fait accompli de cara aos comicios presidenciais de marzo de 2012. Non obstante, apréciase unha importante fatiga social pola excesiva preponderancia política de Putin e un nivel de resignación cara unha presidencia considerada como “hexemónica e autoritaria”, na que se afianzan os resortes de poder dunha nova oligarquía instalada polo propio Putin no Kremlin desde que, en 1999 foi nomeado como primeiro ministro polo falecido ex presidente Boris Ieltsin.

Nunha Rusia de contrastes, con importantes niveis de crecemento económico (estímase que a economía rusa crecerá un 4% no 2011) pero con marcadas desigualdades socioeconómicas, poucos cidadáns apostan polo desenvolvemento dunha sociedade civil forte e dunha democracia representativa e participativa. O espectro da emigración segue a consolidarse nunha mocidade atenazada polos contrastes da Rusia post-soviética, afirmando así unha gris perspectiva a futuro. Aínda así, e a piques de celebrarse o próximo 22 de decembro o vixésimo aniversario da desintegración da ex URSS, Putin tenta consolidar unha nova hexemonía política que, polo de agora, vese levemente contrastada.