Influencias externas nos Balcáns?

Rusia, a Unión Europea e China na Ex-Iugoslavia

A rexión balcánica, xa dende unha perspectiva histórica, foi un territorio de grandes disputas entre imperios, dando como resultado unha multietnicidade actual que, a pesares dos beneficios e riquezas que conlevaría isto, serviu como aliciente para os enfrontamentos nos anos 90 do século XX dentro da dinámica desintegradora do bloque socialista.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Europe
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

A rexión balcánica, xa dende unha perspectiva histórica, foi un territorio de grandes disputas entre imperios, dando como resultado unha multietnicidade actual que, a pesares dos beneficios e riquezas que conlevaría isto, serviu como aliciente para os enfrontamentos nos anos 90 do século XX dentro da dinámica desintegradora do bloque socialista.

Se ben Iugoslavia e a U.R.S.S. ‘separaron’ os seus camiños dende 1948 até a morte de Stalin, o certo é que a Federación Rusa xurdida en 1991 observou a posibilidade (ao igual que China e a UE) de empregar dous elementos fundamentais na teoria das relacións internacionais: o hard e o soft power, é dicir, influir en Estados de menos peso a nivel económico-militar ou ben dende unha esfera cultural e de valores respectivamente. Deste xeito, para analizar as dinámicas de influencia destas grandes potencias sobre os Balcáns occidentais é preciso abordar serie de eventos que nos últimos anos permiten observar con grande detalle a finalidade de influir sobre estes Estados.

Se ben Pekín, en canto ao soft power se refire, non consegue ter un grande calado en Europa a pesares das tentativas do xigante asiático para que así fose – ao crear os Institutos Confucio como fomento da cultura e idioma, a expansión de medios de comunicación como a cadea estatal TVC ou a cada vez máis prolífica participación do xigante asiático en institucións e organizacións internacionais, tal e como aconteceu co aumento da colaboración desta coa OMS a raíz da penademia da COVID-19 -, si son capaces de influenciar sobre a rexión tanto a Unión Europea como Rusia. A primeira sen dúbida a través da expansión dos valores comunitarios (libre mercado, respecto aos dereitos humanos e ao Estado de dereito ou atención ás minorías) ao ir absorbendo, paulatinamente, os Estados ex-iugoslavos ao club dos 27 tal e como reflicten as candidaturas oficiais, pendentes de apertura de capítulos, de Serbia ou Montenegro.

No caso de Rusia, é salientable a súa relación cultural coa República Serbia, xa que se substentan en elementos etnolingüísticos – `pois ambos posúen linguas derivadas do mesmo tronco -, e comparten aspectos culturais relixiosos, ademais do non recoñecemento ruso da independencia de Kosovo ou do xenocidio de Srebrenica. Este achegamento da como resultado que, dentro do conflito ucraíno en 2022, Belgrado, a pesar da votación na Asemblea de NN.UU. condeando a invasión ucraína,  desmarcouse das sancións por parte de occidente.

Se se aborda o hard power ou poder duro, as tres potencias mencionadas exercen unha grande influenza a nivel económico (sobre todo a UE e China) e militar (Federación Rusa). Deste xeito, os dous primeiros entes fanse notar con forza a través da inxección de capital e paquetes económicos como poden ser os PEA (Proceso de Estabilización e Asociación), IAP (Instrumento de Axuda á Preadhesión) do grupos dos 27, así como unha serie de axudas para paliar a pandemia da COVID-19 con cantidades de 3.300 millóns de euros, deixando patente a necesidade de afianzar programas como a Política Europea de Vecindade, unha estratexia para desenvolver relacións entre a UE e Balcáns e outras áreas xeográficas.

No caso de China, son salientables as últimas inversións en países como Serbia – o Estado balcánico que máis fondos recibe de Pekín -, Montenegro (construción da autopista que une o Adriático coa fronteira serbia por un custo de 1.000 millóns de euros cedidos polo banco EXIM, provocando unha grande débeda de capital a Podgorica e inclusive a cesión de zonas portuarias no caso de non poder facer fronte aos pagamentos) ou mesmo Croacia, membro de pleno dereito da UE cuxa ponte de Pelješac, que une o norte e sur de Dubrovnik-Neretva, foi construido pola empresa chinesa CRBC mais co 85% de fondos comunitarios, provocando que salten as alarmas dende Bruxelas dentro do contexto de desenvolvemento da Nova Ruta da Seda e pola inmersión chinesa na rexión. En canto a Rusia, esta está a facerse con sectores estratéxicos da enerxía balcánica a través de empresas estatais como Gazprom ou Zarubezhneft, así como a incorporación de Serbia como membro observador, dende abril de 2013, á Organización do Tratado da Seguridade Colectiva.

Sumado a isto, Moscú posúe grande relevancia noutros Estados locais como Croacia (39 % das accións do grupo Fontenova por parte do Sberbank) ou Bosnia e Hercegovina, posto que a República Srpska, unha das entidades que conforman o país, é maioritariamente de etnia serbia e cunha grande inxerencia rusa, sobre todo co presidente étnicamente serbio da presidencia tricéfala bosnia, Milorad Dodik.

Finalmente, vinculado coa pandemia da COVID-19, é salientable a estratexia común de hard power a través do subministro de vacinas a estes Estados (Unión Europea co reparto da vacina Pfizer-BioNTech, Rusia coa Sputnik V e China con Sinopharm).

A modo de colofón, é preciso salientar que, a pesares das pugnas existentes entre as citadas potencias (sobre todo no ámbito económico e das inversións), o certo é que a Unión Europea, a pesares de ser observada por estes Estados moitas veces como unha organización internacional inactiva da rexión – ainda cando as inxeccións de capital que reciben do grupo comunitario son millonarias -, se postula como o actor máis influinte dos Balcáns occidentais, posto que segundo datos do Consello Europeo, as interrelacións comerciais superan o 73%.

Fronte a isto, o peso de China e da Federación rusa en termos comerciais, a pesares das grandes influencias, non supera en ningún caso o 5%, polo que Bruxelas manterá, a longo prazo, a súa capacidade de dominio na rexión.