A utilidade dos grandes cumios sempre se pon en cuestión. Demasiada cerimonia e pouca substancia ou simple posta en escena, por regra xeral moi custosa, de acordos que xa foron negociados entre bambolinas polas partes. Desta vez, tanto polo feito de que moitos temas importantes chegaban abertos ás sesións de traballo, como pola propia naturaleza da axenda, semella que en Salamanca, neste foro iberoamericano prenderon novos bríos.
Entre os datos de interese que cómpre salientar debiamos ter en conta os seguintes. En primeiro lugar, a irrupción da axenda social. Sexa pola evidencia dunha realidade obstinada en darnos conta da crueza de determinados problemas, ou sexa tamén pola explícita vontade dalgúns líderes políticos de situar eses asuntos no epicentro dos debates, os problemas sociais colleron máis pulo ca nunca e moitas das sesións xiraron arredor deles, planeando sobre toda a axenda da Conferencia e gañando peso en relación ás tradicionais diatribas políticas da era Aznar.
En segundo lugar, a vontade de confirmar esta comunidade de estados nun suxeito internacional, con voz propia, valedora da concepción dunha realidade multipolar, na que militaría a prol da defensa de valores como a xustiza ou os dereitos humanos, pero tamén da legalidade internacional, o que, en coherencia, a levaría a condenar todas as violacións, incluído o bloqueo a Cuba.
A maior institucionalización dos Cumios, cunha secretaría e un equipo estables, pode servir de garante da acción continuada e da viabilización dos compromisos adquiridos. Ata agora, declaracións máis ou menos aceptables, acababan fracasando na súa aplicación práctica por mor da inexistencia de mecanismos de seguimento adecuado. Nese sentido, pode falarse de que en Salamanca produciuse tamén un salto cualitativo nesta dimensión que abre a esperanza de interlocución para moitos axentes e problemáticas que ata agora non contaban a penas. Cómpre nese sentido un achegamento ás realidades culturais máis ocultas, exhibindo e dignificando esa diversidade.
Poida que o tanto acadado se deba ao feito de que moitos dos líderes que acudiron a esta cita deben afrontar comicios nos próximos meses aos que non se van a presentar ou que dan xa por perdidos. Non obstante, hai impulsos políticos intensos que levaron o cumio a traspasar unha fronteira da que resultará difícil volver atrás. Os cambios producidos nos últimos anos en Sudamérica semellan evidenciar a entrada nun tempo distinto. O cumio tamén é expresión diso, favorecido por unha presidencia española cunha visión máis rica dos compromisos e obxectivos a acadar.
E dous últimos apuntes. Sorprendeu a marxinación de Lula. Escenificáronse tamén en Salamanca as dúas vías de América latina na actualidade, as representadas polos presidentes brasileño e venezolano. Poida que Lula renaza das súas cinzas, pero a estela de Chávez apunta a un maior compromiso e dinamismo. Simpatías ou antipatías políticas aparte, ese dinamismo pode resultar de enorme utilidade para Galicia. Coido que en ningún país do mundo contamos con dous ministros galegos e esa oportunidade debiamos aproveitala para impulsar as relacións bilaterais a todos os niveis.