ucraina

Satisfacción razoable pola reunión de Jeddah

"Estamos moi satisfeitos cos resultados do cumio", declarou o luns Andrii Iermak, xefe de gabinete da oficina presidencial da Ucrania, referíndose ao encontro de representantes de arredor de 40 países na cidade saudita de Jeddah, a fin de semana pasada. Pódese dicir que foi excesivamente positivo ao falar de 'cumio' e 'resultados', porque ningún país estivo representado ao nivel máis alto nin se tomou ningunha decisión, nin sequera se emitiu un comunicado de prensa.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Europe
Palabras chave Guerra Ucraína
Idiomas Galego

Con todo, pódense divisar varios indicios, aínda que non definitivos, dunha maior posibilidade de aceptación do plan da paz do presidente ucraíno V. Zelenskii, que se basea no restablecemento total da soberanía de Ucraína e a retirada completa das forzas rusas do seu territorio. Resulta bastante significativo o feito mesmo de que o encontro se celebrou en Arabia Saudita, que adoitaba ter bastante comprensión con Rusia como tamén a asistencia de todos os membros do importante grupo de mercados emerxentes BRICS, que obviaron ao seu membro promotor, Rusia. A neutralidade que trataron de manter eses países fronte ao conflito ruso-ucraíno con severas repercusións globais, xa non é tan pechada.

Tendo isto en conta, existe a esperanza de que se chegue a decisións importantes sobre como chegar o fin da guerra na próxima reunión multilateral, que si se celebrará con xefes de goberno, segundo o acordado en Jeddah, aínda que non se indicou unha data exacta. A disposición dos países participantes a discutir o tema da paz en Ucraína sen Rusia pode considerarse un paso no camiño cara a un illamento global, político e económico do agresor, que pode ser a única vía non militar para conseguir a paz en Ucraína.

Rusia mantense intransixente na súa guerra terrorista e acusa á súa vítima de non querer a paz. Segundo a portavoz do ministerio de exteriores ruso, M. Zajarova, “ningún dos seus 10 puntos [do plan de Zelenskii] está encamiñado a atopar unha solución negociada e diplomática á crise, e a totalidade do plan é un ultimato sen sentido a Rusia, cuxo obxectivo é prolongar as hostilidades”. Pola súa banda, Moscova dixera anteriormente que un acordo de paz só sería posible se Ucraína depoñía as armas e cedía territorios a Rusia.

O cálculo de Moscova, como terrorista que é, baséase en que Ucraína non aguantaría unha guerra prolongada, porque Rusia supéraa xa en termos puramente numéricos e a axuda militar de Occidente chega con importantes demoras e limitacións, e de cada vez, despois de que as forzas rusas realicen algún avance ou consoliden significativamente as súas posicións.

O seu convencemento pode verse alimentado co curso que mostra a actual contraofensiva ucraína, que foi anunciada no inverno, comezou en xuño e só agora rexistra algúns avances e tomas de poboacións. Trátase de avances puntuais dalgúns quilómetros, non obstante, para conseguir algún obxectivo estratéxico, como cortar o corredor na costa, é necesario percorrer máis de 100 km combatendo ao inimigo que ten liñas de defensa ben preparadas. Neste caso, o inimigo conta con outra vantaxe nada desprezable: na defensa sófrense menos baixas que na ofensiva, ademais, para o terrorista a vida humana non ten moito valor. Tamén sabe que Ucraína procura preservar cantas máis vidas dos seus combatentes e que usa o seu material bélico tendo en conta os límites da súa dispoñibilidade.

Estes días producíronse unha serie de ataques que deberían, polo menos, poñer nerviosos aos militares rusos. Drons de fabricación ucraína danaron seriamente tres embarcacións rusas, unha delas foi alcanzada na base naval de Novorossiisk, que parecía absolutamente segura a moitos centenares de quilómetros da zona baixo control ucraíno. Así mesmo, foron atacados dúas pontes que unen a península de Crimea co continente (á parte da ponte de Kerch danado anteriormente). Aínda que estas accións non influíron na ferocidade dos combates na fronte nin nos ataques rusos á retagarda ucraína, mostran claramente que as forzas de defensa de Ucraína poden burlar a defensa antiaérea inimiga e atacar calquera obxectivo no interior de Rusia, cos seus recursos, xa que os amigos occidentais insisten en que as súas armas non se usen contra o territorio ruso.

Especialmente contundente foi o impacto repetido no mesmo piso dun edificio de oficinas no centro de negocios MOSKVA CITY en pleno centro da capital rusa, aínda que as autoridades rusas tratan de explicar que os dous drons foron abatidos pola defensa rusa e foron os seus fragmentos os que alcanzaron o edificio. Obviamente os fragmentos non poden dar dúas veces casualmente co mesmo obxectivo.

O desenvolvemento da situación coa guerra segue no mesmo sentido por agora. A pesar dos intentos occidentais de evitala, a escalada por parte de Rusia continúa, posto que xa entramos na fase na que só pode alcanzar o seu obxectivo aumentando a súa presión terrorista, xa non pode retroceder, porque sería a súa destrución. Pola súa banda, Ucraína non pode senón recuperar a súa soberanía totalmente para poñer fin á guerra, pero perdendo moito tempo e territorio (non sempre pola súa culpa) cada día, o prezo diso faise enormemente máis alto. É necesario que en todo o mundo se tome a conciencia de que, asasinando a ucraínos, destruíndo a Ucraína como país, Putin está a impoñer a súa orde ao mundo: que el pode impoñer os seus intereses ‘lexítimos’ (porque el veos así) pola forza, que é o único dereito para el (porque se cre forte).

Está a facer o mundo retroceder ao pasado, cando todo se resolvía mediante guerras ou ameazas delas, está a matar o soño da humanidade de poder crear un mundo sen guerras.

Oxalá os políticos se guíen por esta conciencia, ao tomar decisións nas súas conferencias.