montenegro postal cetinja

Serbia e Montenegro e a unión e a desunión: Nós falamos a lingua materna

Apartados xeográficos ARCHIVE Balcáns
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Montenegro foi totalmente independente ate 1918. Era un principado cun goberno monárquico no que o sobriño do soberano herdaba o trono. Cetinje era a capital, e aínda hoxe pódese saber onde estaban as embaixadas de case todos os estados europeos. Unha das peculiaridades é que os montenegrinos antepoñen o seu sentimento de pertenza a un estado antes có relixioso. A maioría é ortodoxa "e non existe a igrexa montenegrina" pero hai católicos e musulmáns sen que houbese tensións éticas entre eles. As diferenzas internas dependen máis da división en clans do país có das distintas relixións. (Foto: Postal de Cetinje).
 

Rompeu o trebón. A decisión do goberno montenegrino de denominar a lingua ensinada nos institutos de educación secundaria e a empregada nas institucións oficiais coma lingua materna rachou coa atención que se puña en Kósovo. Unha parvada pensarán, pero é xa o canto do cisne daquela lingua falada por case 20 millóns de persoas hai quince anos: o serbocroata. Canto do cisne parcial, porque nin serbios nin moito menos os croatas crían falar serbocroata hai 10 anos. Agora ben, pensaban que os seus veciños (bosníacos por unha banda e montenegrinos por outra) si que falaban croata e serbio respectivamente.

Xa tanto ten se alguén o falaba ou se nunca se falou, pero cando a política, nos Balcáns, encerella á cultura, é o sinal indistinto de que estase nunha espiral de divorcio no que o primeiro obxectivo é implicar a xente, xa sexa pola relixión ou coa cultura, que é o caso este. Montenegro é a ex-república iugoslava máis sui generis. Imos revisar a historia recente.

Montenegro foi totalmente independente ate 1918. Era un principado cun goberno monárquico no que o sobriño do soberano herdaba o trono. Cetinje era a capital, e aínda hoxe pódese saber onde estaban as embaixadas de case todos os estados europeos. Unha das peculiaridades é que os montenegrinos antepoñen o seu sentimento de pertenza a un estado antes có relixioso. A maioría é ortodoxa "e non existe a igrexa montenegrina" pero hai católicos e musulmáns sen que houbese tensións éticas entre eles. As diferenzas internas dependen máis da división en clans do país có das distintas relixións.

O curioso foi o que aconteceu nos 90. Os montenegrinos decidiron ficar na Federación antes que optar pola independencia. Dende un punto de pista estratéxico a escolla era obvia: como saída de Serbia ao mar, os beneficios que podía obter eran máis grandes que unha incerta independencia. Rodeada por ex repúblicas e por Albania, non podía esperar axuda de ningún veciño ‘europeo’ ao estilo Austria, Italia ou Hungría nos casos de Eslovenia e Croacia.

Coa chegada de Djukanovich ao poder as tornas mudaron e apareceu un feble sentimento independentista, fornecido polos bombardeos do 1999. Djukanovich desenvolveu unha política de expiación perante Croacia, desculpándose entre outras cousas pola implicación de tropas montenegrinas no asalto de Dubrovnik e a toma de ?aptac en 1991, algo impensábel non xa por Slobodan Milóxevich, senón que entraba moi ben no xogo de Tudjman de "nós as vítimas " eles os culpábeis" que dista moito da "realidade real".

O problema é o seguinte. Parte da poboación montenegrina continuaría con Serbia por vínculos emocionais e sobre todo económicos. O curioso é que neste caso estase a dar unha situación inversa, na que o sentimento de separación emana máis do elemento do que se hai que separar, é dicir, os serbios. O custe en dietas de ter que facer un desprazamento de Podgorica a Beogrado a calquera membro do parlamento é maior có gasto en luz do Pazo da Federación Iugoeslava (agora chamado só Pazo da Federación). O segundo problema é o da discriminación positiva, que tanto amola aos serbios e gusta aos montenegrinos. Montenegro ten un número X de embaixadores e de directores de institucións nacionais (por exemplo, o número de directores de institutos de educación secundaria en Beogrado que son montenegrinos é abraiante). Prodúcense situacións inimaxinábeis, coma que o embaixador de Serbia e Montenegro en Londres dixese que faría todo o que está na súa man para promover a independencia de Montenegro nas Illas.

A irrupción do asunto lingua serbia vs. lingua montenegrina é unha simple acción para acadar un maior rexeitamento por parte dunha elite cultural- nacional serbia na contra dos montenegrinos. As campañas de acoso e derribo á idea foron espectaculares, tanto dun bando coma do outro. E o certo é que o que se fai é promover unha idea de apropiación da identidade curiosa: se se é Montenegrino fetén, falarase a lingua materna (como se o normal fose falar outra cousa) e se non se é, falarase serbio… quen non ía falar a lingua do seu país se non se sinte membro desa comunidade?

Dende un punto lingüístico é certo que as isoglosas montenegrinas son moi semellantes ás do territorio croata. Os dialectos montenegrinos son idénticos aos hercegovinos "Dubrovnik, Mostar…" pero claro, a decisión é directamente política. Incluso, aceptarmos a idea de dúas linguas primordiais na zona (serbio e croata, herdeiras de tradicións parellas pero diferentes) tampouco dá cabida a aceptarmos que agora un país non pode falar a lingua doutro. É un problema nominal, do mesmo xeito que falar castelán ou español non ten por que implicar o mesmo.

É o fin dunha historia, a da existencia dunha lingua que no seu momento representou unha idea: unha lingua que non é de ninguén para un país que é de todos. E foille ben, premio Nobel incluído. Agora xa está, xa temos croata e serbio, e os seus subsidiarios, bosníaco e montenegrino. Enténdense, si, pero non se queren entender.