Serbia e Montenegro… e Kósovo e Voivódina?

Apartados xeográficos ARCHIVE Balcáns
Idiomas Galego

Os feitos acontecidos en Kósovo o pasado mes de marzo tiveron unha grande relevancia a nivel mundial e viñeron ser un novo foco de inestabilidade e violencia étnica nun xa convulso mundo. Porén, dentro da propia Unión de Serbia e Montenegro, e incluso en Hungría, novo socio da Unión Europea dentro de só varios días, introduciu unha serie de interrogantes adicionais derivados da maior inestabilidade étnica que o recrudecemento do conflicto pode ter no país balcánico.

Con inquedanza, a opinión pública húngara observou os acontecementos de Kósovo até que o presidente Kustunitsa anunciou que os refuxiados serbios que desexen abandoar a Metohija non serán reasentados no rico norte de Serbia, a rexión da Voivódina.

A Voivódina é unha rexión de aproximadamente 21.506 km² que conserva un carácter especial, xa que non é unha entidade histórica definida, senón unha rexión politicamente creada onde a convivencia multiétnica e multilingüística foi unha tendencia normal. Parapetada entre Hungría, Croacia, Bosnia e Romanía, a Voivódina "baseada na antiga provincia húngaro do Banato- foi o colchón de defensa que o tratado de paz de Trianón (1921) lle concedeu a Serbia, xa que até entón, Beogrado era unha cidade separada de Austría-Hungría polo Danubio. A capital é Novi Sad (Újvidek en húngaro, Neusatz en alemán). É a rexión máis multiétnica dos Balcáns. Contabílizanse até 11 minorías, algunhas delas chegadas nos anos 60, cando a bonanza económica desta rica rexión fixo que moitos cidadáns de Iugoeslavia Federal procurasen traballo alí. Montenegrinos e albanokosovares foron algúns dos principais recén chegados a esta provincia, parte integral de Hungría até 1921, onde principalmente habitaban serbios, húngaros, rutenos, ucraínos, checos, eslovacos, croatas, alemáns e xudeus ashkenacíes. Foi despois de 1945 cando a rexión deixou de ter unha maioría húngara " aínda que nunca supuxo o 50% do total- e pasar a ter unha maioría serbia. Foi tamén nos anos corenta cando a maior parte dos xudeus foron exterminados e os alemáns expulsados.

Na actualidade, a maioría das comunidades na Voivódina son modelos de convivencia pacífica multiétnica, aínda que o 20 de marzo, o xornal en húngaro Magyar Szó denunciaba ataques contra establecementos rexentados por albanokosovares, principalmente panaderías.

A minoría húngara "e dun xeito non oficial, a meirande parte da poboación serbia local- miraría con malos ollos que posibles refuxiados serbokosovares tivesen asento no banato. Os húngaros consideran esta medida inxusta e prexudicial para os intereses lingüísticos e educativos do seu grupo, xa que unha aceptación dun maior contixente serbio fará moi difícil manter a educación que o estado ofrece de balde en moitas zonas en lingua da minoría. Cómpre lembrar que a Voivódina ten un modelo lingüístico moi moderno, baseado no poder local de oficialización lingüística, no que o alumno pode recibir educación plena e de balde na súa lingua materna sempre que represente a súa minoría unha porcentaxe maior do 5%. Para os serbios, os temores céntranse na desestabilización dunha convivencia secular en paz e harmonía. Xa durante os 90, os distintos partidos autonomistas espallaron a idea de que o concepto de sociedade multicultural tiña a súa principal ameaza na aceptación de poboación serbia pero con fortes sentimentos de odio étnico importados das súas rexións.

O pasado outono, o cemiterio húngaro de Novi Sad foi asaltado por un grupo nacionalista serbio. O rexeitamento dos feitos foi considerado por membros da comunidade serbia da Voivódina coma o primeiro chanzo dos problemas da aceptación de serbios alleos a convivencia pacífica. Dende os noventa, se hai un sentimento autonomista na rexión (que reclama o regreso ao modelo autónomico válido de 1973 a 1986, cando Kósovo e a Voivódina foron consideradas rexións autónomas na república federal de Serbia), non provén exclusivamente das minorías locais, senón que ten un forte pulo e pegada serbia local.

Aos poucos días de prender a mecha en Kósovo, o presidente Kostúnitsa tivo que salientar publicamente que os refuxiados desta nova crise non serían reasentados na Voivódina. A nova tivo eco na prensa húngara, onde sectores tradicionais observan con lupa os acontecementos de Kósovo. Se Kósovo tivese dereito á independencia, non haberá motivo para non llo conceder á Voivódina, e se así for… cal sería o futuro da rexión?