Serbia e Montenegro ¿Unidos para sempre?

A Federación Iugoslava deixou de existir oficialmente o pasado 14 de Marzo. Con Milosevic en La Haia, Karadzic e Mladic en fuga pero en busca e captura, unha amnistía en Macedonia que deixa entrever unha normalización política coa minoría albanesa e un acordo en Prístina que senta as bases do entendemento entre Rugova e os ex-guerrilleiros da UÇK, a diplomacia comunitaria e internacional culmina unhas semanas na que semella situar os conflictivos Balcáns nun horizonte substancialmente diferente ao coñecido. Pero ¿será así realmente?

A peza clave deste novo entramado é o acordo asinado na vila Gorica entre o Presidente federal, Vojislav Kostunica, o Presidente montenegrino, Milo Djukanovic, e o responsable da política exterior europea, Javier Solana. A total ruptura dos vinculos existentes entre Serbia e Montenegro repercutiría inevitablemente nas expectativas independentistas de Cosova e nas demandas albanesas de Macedonia a Albania, trasladando do serbio ó albanés, o factor desestabilizador dos Balcáns.

A lectura que cada unha das partes fai do acordo ten os seus matices. Para Javier Solana, sitúa aos dous países na dirección correcta, é dicir, na búsqueda de fórmulas de convivencia común que eviten unha ruptura traumática e violenta. O acordo establece un período probatorio de tres anos no que os dous Estados asociados (en realidade, Montenegro) analizarán a posibilidade de proseguir xuntos ou non, abrindo igualmente a porta á celebración dun referendo de autodeterminación. Pero sobre todo, crea un marco idóneo e mutuamente aceptado para intentar resolver o problema por medios que exclúen unha repetición das confrontacións armadas que nun pasado non tan lonxano sacudiron os Balcáns e a conciencia europea e mundial.

En Montenegro, os optimistas resaltan o feito de que oficialmente o país é recoñecido por primeira vez dende 1918 como un actor internacional. Os máis independentistas, pola contra, o rexeitan por retrasar o referendo e a conseguinte proclamación secesionista ao menos tres anos. Milo Djukanovic debe convencer agora aos seus principais aliados, o Partido Social Demócrata (SDP) e a Alianza Liberal (LSCG) das bondades do compromiso, resaltando a circunstancia da participación de Solana como alto representante da Unión Europea, quen garante que despois do trienio experimental, o referendo poida organizarse e os seus resultados serán plenamente recoñecidos por Bruxelas. Algunhas voces reclamaron xa eleccións anticipadas.

O Presidente de Montenegro xustificou a súa sinatura do acordo por catro razóns. En primeiro lugar, por non estar convencido de obter neste momento unha maioría suficiente de respaldo para o seu proxecto nacional. Conven ter en conta que goberna sen maioría absoluta no Parlamento e que nesas condicións "resultaría extremadamente irresponsable especular cos eventuais resultados desfavorables dun referendo", segundo se recollía en Vijesti o pasado 15 de marzo. En segundo lugar, pola confusión política existente no bloque independentista e nas súas relacións cos adversarios da independencia que deron a impresión de estar dispostos a desestabilizar de novo a rexión, evidenciando a incapacidade actual para resolver a cuestión sen conflicto: "Quen desexe acelerar o curso da historia nos Balcáns a calquer prezo e polo seu desacordo cunha moratoria pactada de tres anos, non pode ter cabida na política montenegrina", sentenciaba a Vijesti.

En terceiro lugar, para conservar todo o conseguido ata o momento. Nese sentido, no trienio que agora se inicia propón darlle a volta ás prioridades. O referendo, segundo Djukanovic, será a culminación da restauración do Estado montenegrino, completando o proceso en dous tempos. Nos próximos tres anos, segundo Podgorica, se dedicarán a restablecer todos os símbolos e actuacións dun Estado que dende 1918 nunca estivo tan preto de selo plenamente. A consulta popular é unha das vías para acceder á independencia, pero o compromiso, asegura o líder montenegrino, sitúa a Montenegro nunha dinámica de construcción estatal irreversible, sen riscos externos nin aventuras internas de difícil prognóstico. En cuarto lugar, a inexistencia de seguridade en canto a obter o recoñecemento internacional se o referendo se organizaba en Maio, como estaba inicialmente previsto.

En suma, con este acordo, asegura Djukanovic, Montenegro conservou o seu dereito a dirixir o país en todos os ámbitos porque seguirá controlando os principais mecanismos para proseguir a súa política económica (como a propia moeda, o euro), pero asegurando tamén a súa proxección exterior, ao participar directamente no traballo dos organismos internacionais, en condicións prácticamente idénticas a Serbia, con representación paritaria e rotatoria.