Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 25 ao 31 de Xullo de 2016

Taiwan Hebdo 30-2016

1. Informe

O Yuan Lexislativo levou a cabo as tres lecturas da emenda da lei sobre a xestión de activos por parte de partidos políticos e entidades afíns. A ministra sen carteira Lin Mei-chu proporá un comité de procedemento que investigará o uso impropio dos recursos partidarios. 
O KMT, principal formación afectada, reaccionou cualificando a lei de “ilegal e inconstitucional”. O seu vicepresidente Steve Chan anunciou medidas legais para salvagardar os dereitos do partido. Outras figuras do KMT, como o director da Comisión Disciplinaria, Liu Han-ting, prevén sancións administrativas. A presidenta do partido, Hung Hsiu-chu, dixo non importarlle a decisión lexislativa. O KMT asegurará o pago das pensións dos membros xubilados, as retribucións do persoal actual e o mantemento das súas oficinas; todo o demais será obxecto de doazón. E así se fará con independencia do resultado dos recursos legais que se interpoñerán, sinalaron fontes da formación.

Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

1. Informe

O Yuan Lexislativo levou a cabo as tres lecturas da emenda da lei sobre a xestión de activos por parte de partidos políticos e entidades afíns. A ministra sen carteira Lin Mei-chu proporá un comité de procedemento que investigará o uso impropio dos recursos partidarios. 
O KMT, principal formación afectada, reaccionou cualificando a lei de “ilegal e inconstitucional”. O seu vicepresidente Steve Chan anunciou medidas legais para salvagardar os dereitos do partido. Outras figuras do KMT, como o director da Comisión Disciplinaria, Liu Han-ting, prevén sancións administrativas. A presidenta do partido, Hung Hsiu-chu, dixo non importarlle a decisión lexislativa. O KMT asegurará o pago das pensións dos membros xubilados, as retribucións do persoal actual e o mantemento das súas oficinas; todo o demais será obxecto de doazón. E así se fará con independencia do resultado dos recursos legais que se interpoñerán, sinalaron fontes da formación.

Pese ás declaracións múltiples dos sucesivos líderes do partido, incluído Eric Chu, a favor dunha clarificación desta cuestión, a falta de vontade efectiva do KMT para resolver o problema motu proprio, permitiulle á oposición gañar simpatía entre o electorado privando aos nacionalistas da última oportunidade de solucionalo con dignidade. A oposición acusoulle reiteradamente de “competencia desleal”, por dispoñer de recursos inxentes para perpetuarse no poder. A perda desa “vantaxe inxusta” lle aboca á refundación e afondar a súa crise. O KMT, con fama de ser o partido máis rico do mundo, afrontará un novo comezo que deberá acompañarse dunha nova imaxe, un novo estilo e un novo discurso. 

Segundo unha enquisa recente da Fundación de Opinión Pública de Taiwan, o KMT estaría perdendo o apoio do sector de poboación con raíces no continente. Si en 2011, un 72 por cento apoiábanlle, agora, esa porcentaxe baixaría ao 29 por cento, evidenciando unha profunda reestruturación das preferencias do electorado. Segundo a mesma sondaxe, as preferencias mostrarían o seguinte perfil: PDP, 30.4 por cento; KMT, 16 por cento; PNP, 14.9 por cento. O KMT burlouse dos comentarios que apuntan a un inminente sorpasso do PNP.. 

2. Observacións de contexto.

* Seguindo a nova política cara ao Sur, o goberno pretende aumentar os empregos do sector turístico para inmigrantes do sueste asiático. O número de viaxeiros de devandita zona creceu máis de dúas veces nos últimos dez anos. Os malaios representaron o maior número de viaxeiros desa rexión en 2015. 

* O ministro de educación, Pan Wen-chung, mostrouse partidario de que “no futuro” os representantes dos alumnos poidan participar nas reunións de revisión do currículo escolar de secundaria, un asunto que mobilizou ao colectivo estudantil.

* O Ministerio de Traballo deixou para setembro os axustes en materia de salario básico e xornada laboral á vista do desacordo entre empresarios e sindicatos. Tsai Ing-wen instou a ambas partes a lograr un acordo.

* Moitas dúbidas pesan sobre a celebración ou non do Foro Taipei-Shanghai deste ano. O alcalde Ko Wen-je destacou que haberá que esperar ata o último momento para a confirmación á vista do estancamento nas relacións a través do Estreito. 

* Un comité consultivo do Consello de Asuntos de China Continental instou ao goberno a iniciar unha “segunda vía” de diálogo nun intento de promover os intercambios a través do Estreito de Taiwan. O comité suxire explorar a vía dos académicos e os expertos para facilitar o diálogo e superar a incerteza trala negativa da presidenta Tsai a recoñecer o chamado “Consenso de 1992”.

* A propósito da illa Taiping, considerada unha rocha pola CPA da Haia, o goberno taiwanés anunciou o seu propósito de reforzar a investigación científica na zona. O territorio atópase baixo administración militar.

* Taiwan pretende reforzar as súas relacións comerciais coas economías africanas emerxentes. En África conta con tres aliados (Burkina Faso, Suazilandia, Santo Tomé e Príncipe) e unha rede de oficinas comerciais en cinco das súas grandes economías (Alxeria, Exipto, Kenya, Nixeria e África do Sur). As exportacións eleváronse a 2,4 mil millóns de dólares en 2015 e representan menos do 1 por cento das exportacións totais. 

* A policía grega descubriu unha fraude telefónica na que estaban implicados 126 taiwaneses, todos eles detidos. Este novo caso podería resolverse coa súa deportación a China continental. 

* Un asesor de Hillary Clinton, Jake Sullivan, asegurou que esta continuará a política de Obama cara a Taiwan.

* As reunións previstas con Xapón para poñer en marcha un sistema de diálogo e cooperación en cuestións marítimas pospuxéronse sine die. 

3. Datos relevantes

* O índice de satisfacción coa presidenta Tsai sitúase no 49,1 por cento fronte ao 36 por cento que non o está.

* A confianza dos consumidores subiu por primeira vez desde febreiro, alcanzando 80,18 puntos. 

* A poboación de Taiwan alcanzou os 23,5 millóns de persoas a finais de xuño. Un 68,98 por cento concéntrase nas municipalidades de Taipei, Nova Taipei, Taoyuan, Taichung, Tainan e Kaohsiung.

* O Instituto de Investigación Económica de Taiwan recortou a previsión de crecemento para 2016 ao 0,77 por cento, cunha redución do 0,5 por cento con respecto á súa anterior estimación. O crecemento no segundo trimestre do ano foi do 0,69 por cento, regresando a índices positivos tras tres trimestres en negativo.

* O Yuan Executivo espera que a finais de 2017 póidase reducir a débeda nacional nun 0,3 por cento que en 2016 supón o 33,9 por cento do PIB trianual. 

* No segundo trimestre do ano, a chegada de turistas de China continental reduciuse un 6,29 por cento pero os visitantes de terceiros países aumentaron un 8,02 por cento polo que o balance final reflicte un aumento do 2,3 por cento. 

* Mentres 2.100.000 taiwaneses visitaron Xapón entre xaneiro e maio deste ano, só 750.000 xaponeses visitaron Taiwan. Taipei quere máis turistas xaponeses na illa. 

4. Nomes relevantes

* Tsai Ing-wen ten previsto ofrecer desculpas como presidenta da República de China ás comunidades aborixes a fin de alcanzar unha “verdadeira reconciliación”, asumindo a autocrítica polos danos causados polos anteriores gobernos. Os activistas reclámanlle feitos concretos. 

* O ex presidente do Yuan Lexislativo e actual deputado do KMT, Wang Jin-pyng, segue xogando aos equívocos coa posibilidade de presidir a Fundación para os Intercambios a través do Estreito de Taiwan.

* Manasseh Sogavare, primeiro ministro de Salomón, converteuse no primeiro xefe de goberno estranxeiro en visitar Taiwan desde o pasado 20 de maio. 

* O ex presidente Lee Teng-hui visitou a illa xaponesa de Ishigaki. É a súa oitava visita a Xapón desde que renunciou como presidente en 2000.