200701 des browne

Teatro no Golfo

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Des Brown, clic para aumentar
Para rematar e como demostración de que, tivese habido ou non complicidade nunha farsa, houbo clara incompetencia no Goberno, nada menos que o ministro da Defensa, Des Brown (na foto), autorizou, nunha medida sin precedentes, que os cautivos liberados, vendesen á prensa as suas "experiencias". Nun goberno como o de Blair, que presumiu de ter á man os servicios dos millores especialistas en relacións públicas, mestres supremos da arte de espallar noticias con "efecto", é inconcebibel que se fixera tal cousa.
 

Cando Britania mandaba nos mares, que viña sendo o mesmo que mandar no mundo, empregaba moito o que se chamaba "diplomacia da cañoneira". A comparecencia dun deses navíos de guerra, pequeno e todo, impuña respecto, abría portos ao comercio, e, por veces, a partir de certas datas, imterceptaba o tráfego de escravos. A expresión pasou a simbolizar un abuso do poder hexemónico que forma parte da Lenda Negra que tamén ten Albión.

Ese valor simbólico veulle agora que nin pintado aos negociadores da tensión entre a "comunidade internacional" e o Irán. Permitiulles escenificar un episodio irreal con un significado rechamante pero sin importancia ningunha na substancia do que está pasando na diplomacia supersecreta desa tensión.

Que se está negociando freneticamente entre bastidores có Irán non é un segredo nin para o observador menos espelido do mundo internacional. Nesa situación é imposíbel que o episodio dos tripulantes incursores, según parece, nas aguas territoriais iraníes se producise como se presenta. A pouca distancia da fragata "Cornwall" da que foi destacado o bote incursor, o armamento dos tripulantes, a comunicación que tiña que ser perfeita entre a fragata e o bote, o coidado das operacións en momentos tan delicados para evitar o que sería tradicionalmente un "casus belli", todo iso fai inverosímil a falta de resistencia dos capturados. Ninguén pergunta cáles eran as "rules of engagement", as instruccións que levaban para un caso así, ninguén parece que lle teña perguntado nada ao comandante da fragata nin temos unha descrición do sucedido por boca dese oficial.

Nesas condicións, hai que pensar que, como sucede tantas veces na diplomacia, vella ou moderna, o que pasa non é o que pasa. As autoridades iraníes, como as de todos ou cuase todos os países que non están na órbita hexemónica e cuestionan o "status quo", teñen grande interés en amostrar aos seus cidadáns que o país é algúen no mundo, que xa non estamos nos tempos de intimidación por cañoneiras. Imaxinemos que se lles quer dar ese respiro, esa válvula de escape de sentimentos moi fortes, e que darlles ese gusto é un luxo que se pode permitir a parte contraria. O que fai falta é ter quen estea disposto a pasar polo ridículo da situación. E ninguén millor que unha potencia leal á hexemónica, e, a maiores, hexémonica noutro tempo e arrodeada de valores simbólicos provintes dun pasado imperial.

Empézase a sospeitar que Blair fíxolle ese favor a Bush. Si así fose, o precio é alto. Percíbese, todo o discreto que se queira, o malestar da mariña da Súa Maxestade. O asunto irá desaparecendo da actualidade e Blair estase indo de Downing Street, pero hai cousas que non se esquecen nin se perdoan doadamente.

Para rematar e como demostración de que, tivese habido ou non complicidade nunha farsa, houbo clara incompetencia no Goberno, nada menos que o ministro da Defensa, Des Brown, autorizou, nunha medida sin precedentes, que os cautivos liberados, vendesen á prensa as suas "experiencias". Nun goberno como o de Blair, que presumiu de ter á man os servicios dos millores especialistas en relacións públicas, mestres supremos da arte de espallar noticias con "efecto", é inconcebibel que se fixera tal cousa. O encirramento dos medios militares e a carraxe, contida con dignidade pero claramente expresada, dos familiares de militares mortos neses mesmos días, fixeron que houbera que rectificar e revogar a autorización, e o propio Blair tivo que comparecer nos medios para disculparse.

Todo isto amostra que, neste fin de festa blairista, a opinión británica non está para bromas. O cansanzo da política virtual vaise espallando. Mágoa que a clase política, aqueixada toda ela dos mesmos vizos, non estea oferecendo opcións más sólidas e honradas.