Existe unha ameaza real de guerra entre Venezuela e Colombia? Recentemente, o presidente venezolano Hugo Chávez advertiu sobre a posibilidade dunha “guerra de 100 anos” entre ambos países, no caso de que Washington finalmente adiante a súa ampliación militar do Plan Colombia, con sete novas bases militares en territorio do país veciño.
Pola súa banda, o mandatario colombiano Álvaro Uribe Vélez anunciou que o seu goberno elevaría queixas ás instancias legais da OEA e da ONU ante o que consideraron como “veladas ameazas bélicas” por parte de Chávez. Dende o goberno venezolano acusan ás Forzas Armadas colombianas de interferir no seu sistema de comunicacións, mentres Caracas xa ordenou un conato de militarización dos máis de 2.000 km de fronteira compartida con Colombia, co envío de 15.000 efectivos da Garda Nacional.
Diversas variables definen a confrontación, ata agora retórica, entre Caracas e Bogotá, dous países historicamente rivais por diferendos de delimitación territorial en torno á rexión da Guajira e o Golfo de Venezuela. Cómpre observar que, a pesar das rivalidades entre ambos gobernos, non existe absolutamente ningunha vocación belicista entre ambos pobos, considerando as súas estreitas e fluídas relacións sociais e culturais.
Chávez vs Uribe?
Un primeiro factor de identificación desta crise oriéntase cara a xa tradicional confrontación retórica entre Chávez e Uribe, que pode explicarse dende a perspectiva política e ideolóxica (socialismo bolivariano vs neoliberalismo dereitista) ou polas súas consecuencias xeopolíticas, a tenor dos intereses creados.
Chávez observa como unha ameaza real a aplicación do Plan Colombia, instaurado no ano 2000, mentres analiza as consecuencias xeopolíticas que tería para o seu proxecto revolucionario a consolidación da cooperación militar entre Bogotá e Washington. Esta visión de Chávez estivo latente incluso coa anterior administración colombiana baixo Andrés Pastrana, antecesor de Uribe.
Por contra, Uribe, as institucións estatais e as forzas armadas colombianas, consideran a “ameaza de Chávez” como unha especie de tenaza na súa contra, tomando en conta as evidentes relacións entre Chávez e a guerrilla das FARC, así como a alianza xeopolítica co presidente ecuatoriano Rafael Correa e o nicaragüense Daniel Ortega, ambos membros da ALBA e con iguais factores de rivalidade cara Uribe e Colombia. Bogotá tamén acusa a Chávez de fomentar un presunto movemento bolivariano interno en Colombia, con pretensións electorais cara o 2010.
Tanto Chávez como Uribe aplicaron as súas respectivas visións estratéxicas dentro dos institutos de análise e de defensa nacional dos seus países, instaurando programas de simulación de xogos de guerra ante a posibilidade de certificarse un conflito armado.
Non obstante, o recente (e, por conseguinte, probablemente non o último) incidente de tensión entre Caracas e Bogotá, analízase igualmente tomando en consideración os contextos internos en ambos países.
A fin de reavivar o nacionalismo e concentrar forzas populares, Colombia, como EEUU, sempre constituíron temas favoritos para Chávez, toda vez o presidente venezolano se prepara para encarar unha estratexia de carácter pre-electoral, neste caso de cara aos comicios lexislativos de setembro de 2010.
O problema está na complexa conxuntura interna, determinada polos constantes cortes de servizos básicos (electricidade e auga), a escaseza de alimentos e o imparable incremento da inseguridade cidadá, elementos que ameazan con erosionar a sólida popularidade de Chávez. Velaí porqué dende Bogotá consideran que as advertencias bélicas de Chávez poden constituír unha “cortina de fume” para ocultar os problemas internos.
Por contra, Uribe acaba de recibir un sonoro golpe ás súas pretensións de modificar a Constitución para presentarse a outra reelección presidencial nos comicios de marzo de 2010. Un grupo de xuíces do Consello Nacional Electoral invalidaron as firmas entregadas polo oficialismo para posibilitar a petición de reelección, un aspecto que obstaculiza seriamente, ou ben pode finalmente derrubar, o piso legal que sostén as posibilidades de Uribe de presentarse a unha nova reelección.
As pretensións reeleccionistes de Uribe tamén provocaron unha caída dos seus índices de popularidade, aínda que estes seguen a ser sumamente elevados, superiores ao 60%. Igualmente, as estatísticas públicas que presentan un aumento da pobreza en Colombia, erosionan tamén as perspectivas políticas “uribistas”.
As armas de cada un
Por último, está o equilibrio militar. Ambos países están entre os maiores compradores de armamento nos últimos anos en América Latina. As compras venezolanas de armamento a Rusia desde 2005, en especial dos avións Sukhoi, permítelle contar cunha superioridade aérea. Igualmente, Chávez orientou a súa estratexia militar cara Moscova, con exercicios navais conxuntos nas augas do Caribe, tomando en conta a súa percepción de ameaza xeopolítica e militar polo eixe Bogotá-Washington.
Por contra, Bogotá posúe unha evidente superioridade de efectivos militares (aproximadamente 250.000 contra 40.000), maior loxística e experiencia de combate, tomando en conta a perpetuación do conflito armado interno coas guerrillas esquerdistas das FARC e o ELN, así como os paramilitares de ultradereita. Obviamente, as sete bases militares estadounidenses en Colombia e a ampliación da cooperación militar desequilibrarían a favor de Bogotá a ecuación militar con Venezuela.
En caso dun conflito armado, Washington ampliaría a súa alianza con Bogotá a fin de minar a consistencia e, probablemente, desmontar a capacidade de proxección exterior do proxecto de Chávez. Por contra, resulta cando menos dubidoso que Moscova acuda a axudar ao seu aliado venezolano, o cal desmontaría calquera posibilidade de reproducirse na rexión andina unha situación similar ao conflicto caucásico con Xeorxia acaecido en agosto de 2008, onde os factores de equilibrio de poder entre Washington e Moscova entraron en acción.
A fin de aplacar a tensión, a OEA e os gobernos de Brasil e España, garantes do grupo de contacto rexional sobre o conflito colombiano, anunciaron a posibilidade dun cumio de mediación para o próximo 26 de novembro na cidade brasileira de Manaos. Resulta moi probable unha diminución da tensión e da retórica, toda vez funcionen os canais diplomáticos.
Se ben non semella inminente un conflito armado, as cartas parecen xa definitivamente mostradas entre Caracas e Bogotá, con escenarios complexos e radicalizados. Factores que, de seguro, reproducirán en calquera momento e ante calquera incidente, os xa tamén tradicionais niveis de tensión.