Todos contra Obama

Apartados xeográficos United States ARCHIVE
Idiomas Galego

Se non todos, case todos –incluídas xentes do seu propio partido. En realidade, nas eleccións do vindeiro día 2 de novembro poden pasar varias cousas moi diferentes: que Obama sufra unha boa derrota nas dúas cámaras do Congreso; que a marea do Tea Party divida o voto republicano; que todo siga como ata agora; que a súa derrota resulte levadeira…

O primeiro suposto, derrota nas dúas cámaras, na práctica deixaría moi tocada a súa presidencia, non podería levar adiante o seu programa de lixeiras reformas e aínda os pequenos logros acadados en sanidade e control da crise financeira e económica ben poderían sufrir certos retrocesos.

O segundo suposto podería ser o que máis lle beneficie: os propios republicanos temen tanto ou máis que Obama que o estraño e extravagante fenómeno do Tea Party, un movemento rural e de pailáns inimaxinable en Europa, divida o voto republicano e, polo tanto, prexudique a ese partido en beneficio de Obama.

Os outros dous supostos –que todo siga como ata agora ou que a derrota sexa levadeira-, semellan os máis posibles, se ben, tendo en conta a historia destas eleccións de medio mandato, un tirón de orellas ao presidente, ou tamén algo máis, é o que se espera. Os precedentes contan, se ben non sempre.

Estas eleccións, como é ben sabido, van ter lugar nun ambiente moi negativo: a sociedade non dixeriu os rescates á gran banca, o paro, as guerras do Iraq e Afganistán…, sen esquecer que Obama esperta en moitas capas da sociedade, encirradas polos poderosos medios, desconfianza e mesmo xenreira.