Primeiro artigo dunha serie arredor das ligazóns entre relacións internacionais, xeopolítica e deporte.

Tokyo 2020 (+1) e Beijing 2022 no novo contexto internacional da COVID-19

Dende que en 1896 Pierre de Coubertin inaugurara os primeiros Xogos Olímpicos Modernos, tan só as dúas Guerras Mundiais conseguiron evitar a realización de tres das súas edicións. A Covid-19 non logrou, polo momento, a súa cancelación, mais si fixo que por vez primeira na historia foran aprazados durante un ano. Tokyo acollerá en apenas cinco meses, desde o 23 de Xullo, a XXXII edición dos Xogos Olímpicos de Verán e, un mes despois, a XVI dos Xogos Paralímpicos, no medio dun contexto global de incerteza pola aínda presente pandemia que azotou o mundo enteiro nos últimos meses.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Dende que en 1896 Pierre de Coubertin inaugurara os primeiros Xogos Olímpicos Modernos, tan só as dúas Guerras Mundiais conseguiron evitar a realización de tres das súas edicións. A Covid-19 non logrou, polo momento, a súa cancelación, mais si fixo que por vez primeira na historia foran aprazados durante un ano. Tokyo acollerá en apenas cinco meses, desde o 23 de Xullo, a XXXII edición dos Xogos Olímpicos de Verán e, un mes despois, a XVI dos Xogos Paralímpicos, no medio dun contexto global de incerteza pola aínda presente pandemia que azotou o mundo enteiro nos últimos meses.

Os Xogos Olímpicos sempre son unha oportunidade de proxección internacional para as cidades e países que os albergan. Os de Tokyo presentábanse anteriormente como unha mostra ao mundo, incluso homenaxe segundo o vicepresidente do COI, de ter superado as catastróficas consecuencias provocadas polo terremoto,o tsunami e o conseguinte accidente nuclear de Fukushima que afectaron ao país en 2011. Após dun ano que deixou o mundo paralizado, os esforzos procuran tornar á normalidade. Se logran un desenvolvemento das olimpiadas axeitado, brindarán unha moi boa imaxe internacional da xestión da pandemia, e da colaboración entre COI, OMS, goberno do Xapón e cidade de Tokyo, sendo xa un dos lemas: “os xogos que conquistaron á Covid”. Pero non só o país do sol nacente pode facer un bó uso da cita olímpica.

Atopámonos no medio dunha atmosfera global complicada: as tensións no reparto da vacina, onde farmacéuticas e países incumpren as boas intencións plasmadas no Mecanismo COVAX, están a dar pé a un reparto inequitativo que damnifica aos países máis vulnerables. Preséntase Tokyo como un escenario de reunión informal multilateral, coa representación de 202 Comités Nacionais, que, baixo os valores olímpicos de excelencia, amizade e respecto, pode impulsar un ambiente de cooperación e proxección mundial de unidade na loita por unha estratexia de saúde global. Pode así reforzar a imaxe de “unha mostra de que a humanidade foi capaz de movilizarse xunta e vencer o virus”, que propón o primeiro ministro xaponés.

Na promoción da saúde veranse tamén involucrados os deportistas, foco principal da atención internacional durante varios días. Estos, actuando como embaixadores da súa nación e do deporte, terán a responsabilidade de ser un exemplo para os espectadores polo seu comportamento e respeto aos protocolos.

Non estará esta edición exenta de polémica. A última fai uns días, cando uns desacertados comentarios machistas do presidente do Comité dos Xogos Olímpicos de Tokyo, causaron un gran balbordo internacional. A crítica por parte do COI, gobernantes, patrocinadores e deportistas nacionais e internacionais, máis a renuncia de 400 voluntarios, impulsaron a dimisión do que é o cargo máis importante na organización do evento.

Súmase esta polémica ás xa existentes. Dentro do país nipón, cun plan de vacinación aínda sen comenzar, unha ampla parte da poboación amósase en contra da celebración dos Xogos en xullo. Fóra del, púxose de relevo unha desigualdade aínda maior nas posibilidades de preparación dos xogos para os deportistas dos países máis afectados ou con menos recursos económicos; sen esquecer o conflicto coa que será a grande ausencia, Rusia, sancionada polos escándalos de dopaxe institucional, que é segundo os rusos unha campaña de ataque político.

Máis polémicas aínda afectan á versión invernal dos Xogos que albergará Beijing tan só 7 meses despois. Á falta dun ano exacto, atópase a China envolta nunha investigación da OMS acerca da orixe do Sars-CoV-2 e posible ocultación de información, que derivou nun empeoramento da imaxe internacional do país. Engadimos a isto o chamamento por parte de 180 grupos de activistas polos dereitos humanos e algunhas figuras políticas ao boicot na participación desta edición dos Xogos, alegando unha violación dos dereitos no Tibet e das minoría uigures, así como o aumento das tensións cos territorios de Hong-kong e Taiwán que, por riba, participan de xeito independente a China. Esta ferramenta da diplomacia deportiva foi frecuente no século XX, mais xa non está permitida polo COI. De feito, xa foi rexeitada publicamente por algúns países, sen ir máis lonxe os EUA, pese á rivalidade bilateral entre ambas potencias. Veremos se recorren as outras formas de boicot ou protesta existentes, tamén utilizadas con anterioridade.

Non obstante, se con Tokyo falabamos de posibilidades de proxección internacional, ten aínda mais que gañar o caso chinés, malia que a repercusión dos xogos de inverno sexa menor. O 2020 foi un acelerador das tendencias de cambio no poder mundial, rematando a China como unha das poucas economías con crecemento positivo, liderando o bloque comercial máis grande ata o de aquí (RCEP), un acordo de inversión ca UE, e ben posicionada respecto a “Diplomacia da Vacina”. Deste xeito, a realización satisfactoria dos que serán promocionados como os primeiros “Xogos Verdes” pola súa aposta ecolóxica, pode supoñer unha gran axuda para esquecer as polémicas da Covid-19 e os conflictos internos, un lavado de imaxe e unha consolidación do desprazamento do foco mundial, non só económico, tamén mediático á rexión asiática.

Polo tanto, cabe preguntarse ata que punto e de que forma pode influir realmente o deporte nun eido tan complexo como a política internacional. Os vindeiros artigos servirán de tentempé mentres agardamos polas citas olímpicas e o devenir das relacións internacionais, e dotarán de sentido as cuestións expostas, percorrendo dende a base teórica da diplomacia deportiva, os seus actores, estratexias e ferramentas como os grandes eventos ou a “diplomacia do ping-pong”, e outros obxectivos, por exemplo a loita polos dereitos humanos; rematando con como axudar a proxectar Galicia internacionalmente.