O 4 de xullo celebrouse en Copenhague o sexto cumio Ucraína – UE. Foi un acontecimento importante para Ucraína e para o seu Presidente, Leonid Kuchma, quen prácticamente non visitaba países de Occidente dende o escándalo da presunta implicación presidencial na desparición e o asasinato do periodista opositor, Gongadze, no ano 2000. O cumio non pasou por alto este asunto, presentado como mostra das lagoas da emerxente democracia Ucrania. Pendiente de esclarecemento está tamén o asasinato do xornalista Aleksandrov quen poñía ao descuberto a corrupción das autoridades da rexión de Donetsk.
O primeiro ministro danés, Anders Fogh Rasmussen, actual Presidente de la UE, e para quen esta foi a súa primeira visita dun xefe de Estado estranxeiro nesta cualidade, manifestou a súa satisfacción coa declaración de Kuchma de facer todo o posible para levar ata o final a investigación dos mencionados casos.
Tanto neste aspecto como noutros, de carácter estratéxico, parece que prevaleceron as declaracións de signo protocolario. A parte europea deixou claro que o fortalecimento de institucións democráticas en Ucraína, da supremacía do dereito e dunha economía de mercado ten unha importancia vital para o desenvolvemento de Ucraína e a intensificación das súas relacións coa UE. Ucraína precisa continuar axustando a súa lexislación e normas ás esixencias europeas. É o que xa se preve no Acordo sobre Partenariado e Cooperación asinado en 1994.
Kuchma dixo nunha rolda de prensa despois do cumio que as relacións bilaterais superaron as marxes dese documento e que urxe buscar outras novas iniciativas para asentar a colaboración. Aínda que a UE saúda a aspiración de Ucraína de sumarse á Unión, esta tende a aplicarlle o estatus de "novo veciño", é dicir, un país colindante cos que próximamente acadarán a condición de membros (Polonia, Eslovaquia, Hungría).
Para a Ucraína significa que aínda ten que recorrer unha etapa máis antes de converterse en candidato a Estado-membro.
A próxima ampliación da UE ten para Ucraína un aspecto negativo máis, que é a introducción do réxime de visados cos seus vecinos ao Oeste, que dificultará contactos. O control fronteirizo foi, segundo Rasmussen, un dos tres asuntos claves tratados no cumio. Dado que Ucraína últimamente se convertiu nun dos principais canais terrestres para a penetración de emigrantes á UE, considerados "ilegais", inevitablemente aparecerán novos obstáculos para a ampliación do movimento de persoas de Ucraína cara a Unión.
O terceiro asunto clave discutido no cumio, o apoio europeo ao acceso de Ucraína á Organización Mundial do Comercio, sí que poderá ter efectos prácticos, posto que a parte europea prevé concluir nos próximos meses as negociacións bilaterais sobre esta demanda. Pero este proceso tamén vai depender en boa medida do progreso ucraíno en reformas estructurais e económicas. A Kiev, a diferencia de Moscova, non se lle recoñeceu aínda o estatus de economía de mercado.