20051027hampton court tony blair

UE: A voltas co financiamento

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Tony Blair, clic para aumentar
Blair, ata agora, evitou sutilmente concentrarse no tema dos límites orzamentarios, aínda que si prometeu que a presidencia británica trataría de achegar un acordo antes do final do mandato. Pero, en realidade, prefire pasar con pes de la sobre este asunto para evitar unha confrontación aberta con París. Ademais, desde Londres percíbese un achegamento do presidente da Comisión Europea ás teses francesas, o que sorprende e desagrada ó mesmo tempo.
 

A Comisión Europea intenta armar de novo un orzamento para o 2007-2013. Este asunto, que foi o tema central e da discordia no precedente Cumio de Xefes de Estado e Goberno de xuño 2005, volve agora polos seus propios pasos para incordiar a relativamente calma presidencia británica.

Tony Blair, que coñece ben a dificultade deste asunto, querería que o cumio informal de Xefes de Estado en Hampton Court en Londres se desenvolvera nun ambiente de distensión, un tanto impropio para o momento no que vivimos, rodeados de estancamento económico, crise política e institucional debido á resposta negativa nos sufraxios francés e holandés, división nacida das diferentes percepcións respecto da crise iraquí ou a adhesión de Turquía, e coa sombra do risco dunha pandemia ou a presión migratoria cara o continente, que poñen asemade, o condimento necesario para facer deste cumio unha xuntanza histórica e moi especial.

No fondo do problema orzamentario constátase unha aproximación egoísta e de curto prazo por parte de dous países: o Reino Unido e Francia. O primeiro desexa recortar o gasto agrícola, en torno a un 40%, para incrementar o investimento na tecnoloxía e innovación necesarias para relanzar a economía. Europa non pode competir con potencias emerxentes como India e China, se insiste en manter un gasto agrícola tan avultado, en troques de promover a cohesión e o investimento en sectores de alta tecnoloxía. Ademais, o Reino Unido non está de acordo coa porcentaxe de contribución que lle corresponde, bloqueando as contas como xa fixera en tempos de Thatcher, cando a entrada de España e Portugal na CEE.

Francia, por outra banda, está cada vez máis illada na teima de manter o oasis agrario que zuga a metade do orzamento comunitario. Pero a presión sobre París incrementouse aínda máis coa proposta do presidente norteamericano George Bush de eliminar os subsidios estadounidenses sobre certos productos agrarios se Europa fai o mesmo. E retirados apoios puntuais por parte dos países mediterráneos ou de Irlanda, tódolos socios europeos comprenden a necesidade de deixar atrás o sostemento artificial da agricultura. E polo tanto, Reino Unido e Francia, perden forza na defensa das súas posturas maximalistas na negociación das contribucións, ou ben, das axudas agrarias.

Alén do enroque dos Estados, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Barroso, identifica dous obxectivos primordiais da UE: o crecemento e a creación de emprego. Non obstante, para poder atacar estes obxectivos é necesario un incremento do orzamento, que colisiona cos intereses enfrontados dos Estados membros. É básica a política de cohesión, que debe producir o crecemento e a modernización, ofrecendo postos de traballo. Xa que logo, cómpre, en primeiro lugar, reforzar o gasto en cohesión que conducirá ó crecemento económico, ó progreso e ó emprego. Acelerar a estratexia de Lisboa, onde cada Estado debe sacrificarse concentrando o maior esforzo na busca de competitividade, e finalmente, focalizar dispendio agrícola en desenvolvemento rural, que poida crear emprego. Todo, en conxunto, nos levaría a que un tercio do gasto europeo, despois da ampliación presupostaria, estaría vinculado á estratexia de Lisboa.

Blair, ata agora, evitou sutilmente concentrarse no tema dos límites orzamentarios, aínda que si prometeu que a presidencia británica trataría de achegar un acordo antes do final do mandato. Pero, en realidade, prefire pasar con pes de la sobre este asunto para evitar unha confrontación aberta con París. Ademais, desde Londres percíbese un achegamento do presidente da Comisión Europea ás teses francesas, o que sorprende e desagrada ó mesmo tempo. Confiábase en Barroso como un convencido atlantista. A idea do presidente da Comisión Europea de adxudicar diñeiro europeo para un "fondo solidario" que se dedique a subsanar os males das deslocalizacións, ou das perdas de traballo localizadas en certas rexións polo peche de factorías, non fixo ningunha graza no Whitehall. E ule a antídoto para contentar dos males padecidos en Francia, onde recentemente Hewlet Packard anunciou despidos masivos.

A fin de contas, faga o que faga Bruxelas, servirá para alimentar a desconfianza e o euroescepticismo británico.