Un balance de Trump

Co relevo presidencial no horizonte, o balance da Administración Trump quedará marcado pola pésima xestión da pandemia. Non é só que os EUA teñan o maior número de infeccións e de mortes no mundo, unha circunstancia que contrasta chamativamente coa excelencia da súa tecnoloxía médica e os seus abundantes recursos en materia sanitaria, senón tamén a súa abdicación do liderado global na cooperación internacional contra a Covid-19, ata o punto de se retirar da Organización Mundial da Saúde.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos United States
Idiomas Galego

Co relevo presidencial no horizonte, o balance da Administración Trump quedará marcado pola pésima xestión da pandemia. Non é só que os EUA teñan o maior número de infeccións e de mortes no mundo, unha circunstancia que contrasta chamativamente coa excelencia da súa tecnoloxía médica e os seus abundantes recursos en materia sanitaria, senón tamén a súa abdicación do liderado global na cooperación internacional contra a Covid-19, ata o punto de se retirar da Organización Mundial da Saúde.

Pódese culpar deste drama a Trump e o seu equipo mais próximo, quen desatenderon ata os consellos dos seus propios expertos, pero hai en toda esta xestión delirante unha exacerbación das crises que asolan á superpotencia estadounidense. Pese a tan calamitoso balance, incriblemente, Trump obtivo un inxente número de votos nos comicios do pasado novembro, logrando que callase en boa parte da opinión pública a idea de que en vez de controlar urxente e decididamente a expansión da pandemia había que “protexer a economía”. Aínda que non estea de moda, compre denunciar o clasismo desta opción, igualmente secundada por Europa: quen máis paga, mesmo coa propia vida, son as clases máis baixas e os colectivos mais vulnerables.

A estratexia de confrontación social de Trump derivou nunha división irreconciliable baseada na exasperación dos extremos. Pese ás evidencias aceptadas polas institucións do propio sistema, aínda millóns de estadounidenses acreditan na tese do fraude electoral. O traspaso de poder presidencial o próximo 20 de xaneiro ven salpicado de liortas sen precedentes dende a fundación dos EUA en 1776. Ata o mais probable é que Trump non compareza nos arredores do Capitolio o día sinalado.

Externamente, a política de Trump tivo dous referentes esenciais. Primeiro, Israel, a quen primou coa súa estratexia de arrombamento da lexítima causa palestina, alentando os recoñecementos de países como Emiratos, Bahrein, Sudán e ata Marrocos, neste caso mercadeando co aval á soberanía marroquí no Sáhara e cun sacrificado adicional, o pobo saharauí. Pasou a primeiros de decembro e só un par de meses antes, Washington dera o seu visto e prace á renovación do mandato da Minurso. ¿Coherencia? A segunda fixación, claro está, a China, pero aquí acabou cun saldo contraditorio: provocou apuros ao xigante pero este amosou unha resiliencia esmagadora. Para máis inri, salvo contados casos, a política de Trump provocou desafección nos aliados mais próximos. Basta ver o recente acordo Bruselas-Beijing sobre os investimentos.

Para o seu sucesor, someter a control a pandemia é unha prioridade. As vacinas son a grande esperanza, pero a súa eficacia non está probada abondo. A estratexia demócrata podería non diferir tanto da republicana, anque os pille nun momento diferente da xestión. Outro tanto pode pasar nas súas relacións internacionais. Ilusións? As xustas, tirando a poucas.