Un cambio para Israel

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego

O vindeiro 17 de maio pode ser unha data clave para a historia de todo Oriente Medio. Principiará entón a primeira volta dunhas eleccións de grande relevancia para Israel. O proceso culminará o próximo 1 de xuño. En Tel-Aviv goberna actualmente un partido conservador, o Likud, que dirixe Benxamín Netaniahu, en coalición co Partido da Terceira Vía, de orientación centrista. É un goberno ríxido, nada inclinado a favorecer o proceso de paz cos palestinos e os demáis países árabes e que mantén sólidos residuos dunha mentalidade propia da guerra fría. O cambio de goberno e de política en Israel é condición sine qua non para albergar un mínimo de esperanza e de optimismo a respecto da delicada situación que vive Oriente Medio dende hai máis de medio século.

O mandato de Netaniahu baseouse no acoso incesante a todo aquel compromiso ou iniciativa que mermase os seus plans de mantemento e expansión territorial. Non soamente en relación a Palestina senón tamén a Siria e o Líbano. Unha tras outra, foi pechando as portas que con tanto esforzo abrira o laborista Rabin. O diálogo cos países veciños árabes está estancado, cando
non en retroceso e iso afecta neurálxicamente á estabilidade de toda a rexión.

A pesar da súa perda de popularidade, Netaniahu conta aínda con importantes apoios. O primeiro e principal é o de Estados Unidos. Pode afirmarse que Clinton, a pesar de que un dos seus asesores persoais colabora co Partido Laborista, é o presidente americano máis pro-sionista dos últimos tempos. Case incondicionalmente, a Casa Branca apoia a integridade política e territorial do actual Estado israelí, aínda que tal posicionamento esté en flagrante contradicción coas resolucións da ONU nesta materia e os tratados internacionais, plenamente vixentes, asinados tamén pola Administración americana.

A multiplicidade de partidos que concorren ó proceso electoral é abraiante. Baixo a denominación "Un Israel", os laboristas concorren en alianza co Partido sefardí Gesher. O seu candidato, Ehud Barak, centra o discurso na defensa do legado de Rabin, arroupado polas tradicionais figuras da política israelí (Simon Peres, David Levy ou Slomo Ben Ami). Contan ademais co respaldo dos grupos relixiosos sionistas moderados máis importantes de Israel, os do Meimad, que probablemente decidirán o signo do trunfo. Nas filas de Mordejai, ex-ministro de defensa de Netaniahu, cunde a decepción. O seu partido de centro, de orientacións pacifistas e moderadas, pode ser fagocitado polas grandes propostas. Outro tanto acontece coa extrema dereita de Beguin.

A necesidade de contar cun forte respaldo social e relixioso é maior en Israel que noutros países. Se a incertidume e a inseguridade non votarán con Netaniahu, a súa declaración de obxectivos (hexemonía na zona e liderato compartido cos EEUU) tampouco debería favorecer a adhesión dunha poboación cansa de habitar na permanente hostilidade. Os israelíes buscan a tranquilidade interna que soamente acadarán afianzando o proceso de paz.