Un golpe fracasado

“Saímos máis fortalecidos, máis decididos e máis unidos ca nunca”. Estas foron as primeiras palabras do presidente ecuatoriano Rafael Correa, explicando a situación unha vez se desactivara a confusa e rocambolesca crise coas forzas policiais, derivadas da aprobación dunha Lei de Servizo Público, e na que saíu fisicamente agredido, apresado durante horas nun Hospital capitalino e rescatado por forzas de elite dentro dun caótico escenario nas rúas.

Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

Saímos máis fortalecidos, máis decididos e máis unidos ca nunca”. Estas foron as primeiras palabras do presidente ecuatoriano Rafael Correa, explicando a situación unha vez se desactivara a confusa e rocambolesca crise coas forzas policiais, derivadas da aprobación dunha Lei de Servizo Público, e na que saíu fisicamente agredido, apresado durante horas nun Hospital capitalino e rescatado por forzas de elite dentro dun caótico escenario nas rúas.

Ningunha explicación válida que non sexa unha acción con claros síntomas golpistas pode ilustrar esta rebelión de diversos estamentos policiais contra Correa. O presidente ecuatoriano acusou directamente ao ex mandatario, ex militar e líder da oposición dereitista Lucio Gutiérrez, como cabeceira do golpe. Aínda que Gutiérrez obviamente non recoñeceu a súa implicación, quedarán para a posteridade unhas “reveladoras” declaracións feitas por el mesmo en Brasilia durante o curso da crise, onde aseguraba o “fin da tiranía de Correa”.

Ecuador puido así converterse nun exemplo máis do “laboratorio anti-ALBA” creado a partir do golpe de Estado de Honduras de xuño de 2009. Pero non é nin será o único escenario. A presión sempre constante cara outros procesos de cambio, como Venezuela e Bolivia, ilustra por qué Ecuador e Correa puideron seguir o mesmo exemplo de Honduras co ex presidente Manuel Zelaya. Máis ben, reproducíronse case instantaneamente en Ecuador os acontecementos do golpe de abril de 2002 contra Chávez.

O recente xiro electoral cara a dereita nos recentes procesos electorais latinoamericanos, especialmente na órbita dos países ALBA como Venezuela, puido, igualmente, persuadir a diversos sectores para especular coas aventuras golpistas.

Pódense sinalar varios factores detrás dunha crise incomprensible, como a perda de peso político da dereita ecuatoriana e dos sectores contrarios a Correa, dispostos a  dar curso a mecanismos ilegais e anticonstitucionais ante calquera incidente que permita deslexitimar ao presidente e o seu proceso de cambios.

Pódense, igualmente, criticar certas actitudes prepotentes ou incluso autoritarias do propio Correa á hora de afrontar a crise cos sectores policiais, tal e como acusan os sectores implicados na trama. A pesar da súa popularidade e maioría de apoios políticos dentro da esquerda e dos sectores indixenistas e progresistas, Correa tamén perdeu aliados importantes nestes sectores, como a poderosa Confederación Nacional Indíxena do Ecuador (CONAIE).

Pero o absolutamente inaceptable é tratar de explicar unha evidente trama golpista como se fora unha rebelión illada e espontánea, tal e como fomentan algúns sectores políticos en Ecuador. Tras agredilo fisicamente, os policías rebeldes fixeron un uso excesivo da violencia “secuestrando” durante horas ao presidente mentres ocupaban posicións no aeroporto quiteño, fomentando así un levantamento popular finalmente inexistente e fracasado.

Tras regresar ao palacio presidencial, flanqueado por milleiros de simpatizantes, Correa prometeu que non haberá “nin perdón nin esquecemento”. A purga policial será unha realidade na medida en que o presidente deberá optar entre un diálogo condicionado ou a concentración dos poderes públicos. A pesar de ser desactivada, a aventura golpista seguirá presente en Ecuador, incrementando os temores dunha prolongada inestabilidade política e institucional consecutivamente presente desde 1997, brevemente superada pola asunción presidencial de Correa hai tres anos.