Dicía Pascal Boniface, director do Instituto de Relacións Internacionais e Estratéxicas, IFRI, que a elevada popularidade global do fútbol permitía tamén imprimirlle un carácter político á súa dimensión deportiva. Por tanto, estamos a falar de que o fútbol é o máis "político" dos deportes.
Non é nova a relación entre fútbol e política, cousa que cobra a súa importancia diante a proximidade do Mundial de Fútbol que vai a celebrarse en Alemaña. No pasado, existen exemplos moi claros, con diversas repercusións: en 1970, en vésperas do mundial de México, Honduras e O Salvador enfrontáronse militarmente durante breves días, produto de incidentes fronteirizos tras disputarse unha eliminatoria entre ambas as dúas seleccións. En 1998, durante o mundial francés, EEUU e Irán disputaron un partido no seu grupo, primeiro enfrontamento entre estas dúas nacións que non posúen relacións diplomáticas directas. No mundial de 2002, os integrantes da selección turca amosaron fortes diferenzas relixiosas e culturais entre os seus participantes, cunha división entre "laicos" e "urbanos" contra "islamitas" e "rurais".
O mundial de 2006 non se afasta desta tradición que mestura fútbol con política. Pensemos por un momento na selección de Serbia e Montenegro, que disputa o Grupo C xunto a Arxentina, Holanda e Cote d´Ivôire. Hai dúas semanas, Montenegro votou en referendo para a súa independencia da unión con Serbia. Na selección nacional que disputará o próximo mundial existen xogadores serbios como Mateja Kezman e Savo Milosevic, e montenegrinos como Mirko Vucinic. Poderán estes futbolistas afastar as súas lealdades nacionais durante unha competición deportiva? O primeiro ministro montenegrino, Milo Djukanovic, asegurou que a selección permanecerá unida ata o remate do mundial.
As constantes secesións balcánicas, e tamén postsoviéticas, afectaron a configuración xeográfica das eliminatorias europeas dende 1991. Non se debe esquecer que outra ex república iugoslava como Croacia tamén participa neste mundial. Un exemplo como o serbio-montenegrino non se afasta doutra realidade como a da selección española, que sempre se clasifica aos mundiais con xogadores galegos, vascos e cataláns.
Outro caso é Irán. Acude ao seu terceiro mundial cunha selección que moitos consideran que pode complicar (dende a perspectiva futbolística) as expectativas de máis dun participante. Pero tamén posúe os seus factores políticos: en medio da crise global polo seu programa nuclear, o polémico presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad anunciou que irá a Alemaña a presenciar os partidos da súa selección, integrada no Grupo D xunto a Portugal, México e Angola.
Isto provocou unha pequena crise diplomática entre Alemaña e Israel, aos que se unen a comunidade xudía nese país e os grupos neonazis, segundo estatísticas cada vez en máis ascenso social. Ahmadíneyad caracterízase polas súas afirmacións antisemitas e pregoa a destrución do Estado de Israel. Dende Tel Aviv piden ao goberno alemán que asume a negativa de ingreso do presidente iraniano, pero en Berlín xa anunciaron que non poden denegar á entrada dun xefe de goberno electo como Ahmadíneyad. E polas súas declaracións antisemitas, os grupos neonazis xa amosaron a súa simpatía por Ahmadíneyad e o seu apoio á selección de Irán no Mundial. Situación que non deixa de ser curiosa porque a extrema dereita europea é, tradicionalmente, tamén antimusulmá.
Outros exemplos que veremos en Alemaña 2006 non son tan evidentes como os anteriores. Antigas metrópoles como Portugal, Inglaterra e Francia enfrontaranse nos seus grupos a antigas colonias como Angola, Trinidad e Tobago e Togo. Noutros casos, a participación nacional futbolística e, por suposto, unha aceptable actuación da mesma, pode limar as tensións en países con situación inestable. É o caso de Ecuador, que acude ao seu segundo mundial consecutivo. Ou tamén o caso da Arxentina, que necesita dunha importante actuación internacional para recuperar a súa confianza nacional.
As seleccións africanas tamén camiñan por estes exemplos. Neste mundial non estarán potencias como Camerún, Nixeria ou África do Sur, que foron rebordadas pola eclosión de seleccións como Togo, Coté d´Ivôire ou Angola, que debutan nun mundial. Coté d´Ivôire é un país que sofre unha prolongada guerra civil, recentemente aplacada aínda que non pacificada. Angola é un exemplo de saudable transición posguerra civil. Resulta necesario considerar que o próximo mundial de 2010 vaise celebrar, por vez primeira, no continente africano, neste caso África do Sur, outro exemplo de estable transición post-apartheid.
Entre dous e tres mil millóns de persoas presenciarán o mundial Alemaña 2006. Nesta perspectiva, o fútbol amosa quizás o mellor exemplo de globalización das actitudes e identidades, sen necesariamente ocultar ou obviar determinadas particularidades. Son cada vez máis recorrentes os estudios sobre a influencia sociolóxica e a xeopolítica do fútbol. Como fenómeno humano na súa dobre vertente popular ou global, o fútbol amosa un mosaico de identidades políticas, relixiosas e culturais que, en Alemaña, tamén poderemos observar.