Un plan contra Arafat

¿Arafat? Incontrolable e non de fiar, reliquia dos acordos de Oslo, mortos con Rabin, afirma con retranca Béchir Ben Yahmed en Jeune Afrique. Para Bichara Khader, profesor de Ciencias Políticas, Económicas e Sociais da Universidade de Louvain-la-Neuve, (Bélxica) e director do Centre d’Étude et de la Recherche sur le Monde Arabe Contemporain, o novo plan do presidente Bush vén a ser outro cravo no cadaleito da paz e deixa tempo dabondo a Sharon para continuar coa súa política de asasinatos, de toque de queda, de castigos colectivos, e de feitos consumados en todas as ordes. Semella un plan dictado por Sharon, a extrema dereita cristiana e os falcóns do partido republicano. É a manifestación máis escandalosa do unilateralismo americano, asegura Khader, e dunha arrogancia que ilustra un enorme desprezo polos árabes e a escasa consideración dos aliados europeos.

O plan de Bush ten como principal obxectivo sacar do poder a Iaser Arafat. Daquí ao 2005 conta tamén con librarse de Sadam Hussein e unha nova paz americana irase abrindo camiño na zona da man dos gobernos amigos de Washington e Tel-Aviv, unidos nun "Eixe do Ben", con Turquía, naturalmente, como un sólido peón que contribuirá ó illamento primeiro e desestabilización despois do Irán dos mulás. Situando baixo control o petróleo de Bagdad e asentadas as prazas de Afganistán e Paquistán, velaí a paz máis perfecta e máis rendible.

Un mes despois de pronunciar o seu discurso no Xardín Rosado da Casa Branca, proseguen as manobras de diverso signo, involucrando a boa parte dos países árabes, que alentan, como é tradicional, esas medias tintas que a poucos convencen. Moitos, dirixentes e analistas, aventuran que a insistencia de Bush en defenestrar a Arafat, non fará máis que frustrar o plan. Cando se cumpriron máis de vinte semanas de conflicto intenso entre palestinos e israelís, concluír que a dirección de Arafat é a causa das tensións e que soamente poñendo fin á vida política do vello líder árabe se acabará o conflicto, é un maniqueísmo absurdo. Poida que Arafat teña xa demasiados anos e mermada a saúde para controlar o terrorismo interno e mesmo para establecer e dirixir un Estado palestino, pero é o líder legalmente electo polo seu pobo e goza de enorme prestixio dentro e fóra do mundo árabe. A maiores, a reforma das institucións palestinas é unha esixencia dos proprios palestinos, pero ninguén está autorizado a lles dictar como deben elixir aos seus representantes ou como deben organizarse, sobre todo, mentres dure a presente ocupación traumática que bloquea todos os procesos de cambio social e político, conxelando calquera esperanza de transformación na sociedade palestina.

Salvo que Arafat esté dacordo en retirarse do escenario político, o novo Plan de Bush non será máis que papel mollado: se participa nunhas próximas eleccións sairá elixido de novo. Votarán por el simplemente para amolar a Bush. A transición ao sucesor de Arafat require dun proceso gradual e estable que lle permita gañar o suficiente prestixio para poder controlar a delicada situación palestina e discutir con Israel, plenamente lexitimado, os verdadeiros problemas que están no cerne das actuais tensións: as fronteiras, o estatuto de Xerusalén e os asentamentos xudeus. Ningún novo líder do pobo palestino fará concesións nestas materias. ¿Por qué vai ceder entón a parte israelí se non o fixo ata agora? A retirada de Arafat non é a condición da paz. Unicamente a urxente proclamación dun Estado palestino, con poder suficiente para controlar a situación interna e combatir o terrorismo, e a inmediata retirada de Israel dos territorios ocupados ilegalmente, poden ser medidas auténticamente pacificadoras.