Falta case un ano para as eleccións presidencias en EEUU, pero a carreira xa comezou. O Partido Republicano non ten problema, o seu candidato está decidido: George W. Bush, vai aspirar á reelección. No bando demócrata, medra a competencia pola nominación entre unha longa listaxe de candidatos: Joe Lieberman, senador por Connecticut e compañeiro de viaxe de Al Gore nos comicios de 2000; Dik Gephardt, ex líder da minoría demócrata na Cámara de representantes; John Kerry, senador por Massachussets; John Edwards, senador por Carolina do Norte; Dean Howard, ex gobernador de Vermont; e Wesley Clark, xeneral retirado e xefe, en tempos das últimas guerras balcánicas, do comando europeo de EEUU.
Simplificando e estirando moito, Dean e Kerry formarían parte da intelectualidade liberal e de centro esquerda; Gephardt é un vello demócrata de sensibilidade de esquerda con proximidades no mundo sindical; Lieberman e Edwards son moderados á americana, co lixeiro matiz de que o primeiro se pronuncia claramente a favor da guerra contra Iraq e subscribe a política fiscal de Bush. ¿Sería o mesmo se gañara Gore? ¡É o pluralismo unitario da política norteamericana que tanto xustifica as dúbidas respecto aos demócratas!
Antes da electoral e antes mesmo da victoria previa nas eleccións primarias dentro do propio partido, a primeira victoria que deben acadar os candidatos é a da recadación de fondos para afrontar unha campaña na que o diñeiro é un factor decisivo. En boa medida, a sorpresa rexistrada en Iowa co inesperado trunfo de Kerry se debe a que a avultada cifra de millóns de dólares recadada por Howard Dean, presentado por uns como unha reencarnación do xenio político clintoniano e por outros como un marxinal dos círculos políticos de Washington, debía conlevar un conseguinte recoñecemento por parte dos votantes. Pese a todo, a Dean debéselle recoñecer o seu distanciamento de Bush tanto na política exterior como fiscal, e mesmo a súa singularidade ao asinar unha lei civil no seu estado de Vermont pola que os homosexuais gozan de dereitos de unión similares ao matrimonio.
Despois de Iowa, toca New Hampshire. Quen gañe nas primarias destes dous "caucus", acostuma a beneficiarse do chamado efecto de bola de neve, encadeando, unha tras outra, as primarias seguintes. De aquí a marzo a carreira demócrata debería quedar definida, esencialmente entre Dean e Kerry, ambos da rexión do leste e a priori con maiores posibilidades que todos os demais. E falta aínda un ingrediente inevitable, os consabidos trapos sucios que emerxen para influír no resultado final e que mesmo poden permitir a Bush, chegado o caso, elixir o candidato rival. O seu director de campaña, Karl Rove, hábil xestor de recursos, estratexias e tácticas electorais, saberá entoar a melodía necesaria.
O paradoxo das eleccións que veñen en EEUU consiste en que unha maioría social, segundo as enquisas de opinión dos grandes medios, unicamente aproba a política antiterrorista de Bush, pero non a xestión económica, o control do déficit fiscal, a seguridade social, os impostos, etc., e sen embargo, esa mesma maioría reproba calquera renovación substancial de ideas que se afaste dunha versión esencialmente dereitista. Por iso as posibilidades de victoria dos demócratas son bastante remotas. As ondas do medo provocado polo 11S e nutrido ata o paroxismo pola extrema dereita republicana, aínda permiten dar prioridade electoral á cuestión da seguridade fronte á do benestar. Malvivir, pero seguros.