Serie de Análise
Fonte: UNFPA DRC/Junior Mayindu

Unha arma invisibilizada: 2. Datos sobre a violencia sexual nos conflitos

Continuando co tema tratado no artigo anterior, nesta semana centrarémonos en datos recollidos por Nacións Unidas sobre a violencia sexual relacionada cos conflitos no mundo. Non obstante, cabe sinalar que estas cifras non reflicten a magnitude nin a prevalencia destes delitos, polo silencio que gardan moitas superviventes e erros estruturais como as posibles dificultades para acceder ao sistema xudicial.

Segundo o último Informe do Secretario Xeral das Nacións Unidas sobre Mulleres, Paz e Seguridade de 2025, nos últimos dous anos produciuse un incremento do 87% da violencia sexual nos conflitos. Ademais, estímase que 676 millóns de mulleres viven a menos de 50 km dalgún conflito (ONU Mujeres, 2025).

Se observamos algún dos conflitos actuais máis relevantes a nivel internacional, podemos observar que existen casos de violencia sexual, os cales están rexistrados de maneira detallada no Informe de Nacións Unidas: Violencia sexual relacionada cos conflitos (xullo 2025).

África continúa a ser o continente co maior número de rexistros de violencia sexual en guerras. En República Democrática do Congo, a intensificación dos conflitos en Kivu Norte e Kivu Sur, xunto ca retirada da MONUSCO (Misión de Estabilización das Nacións Unidas na República Democrática do Congo) de Kivu Sur, derivaron nun aumento da violencia sexual. En 2023, rexistráronse máis de 22 000 casos tan só en Kivu Norte. En Libia, verificáronse varios casos de violencia sexual cometida contra persoas migrantes, refuxiadas e desprazadas por traficantes, contrabandistas e actores armados. En Malí, pese ás dificultades para levar un seguimento da violencia sexual e denunciala, rexistráronse atentados graves contra a infancia. Ademais, distintos actores armados cometeron violacións en grupo contra civís que se desprazaban polas estradas do centro e norte do país, sobre todo mulleres e nenas. En Sudán do Sur, a violencia entre comunidades seguiu caracterizándose por secuestros de mulleres e nenas con fins de escravitude sexual. Por exemplo, no estado sursudanés de Ecuatoria Occidental, obrigouse a mulleres e nenas a presenciar como se executaban aos seus familiares varóns, para despois violalas en grupo e someter a algunha a escravitude sexual. En Sudán, estanse a cometer matanzas, saqueos e actos de violencia sexual contra mulleres e nenas. Documentáronse episodios xeneralizados de violacións individuais e colectivas, sobre todo cando se invadían cidades ou se atacaban emprazamentos de desprazados internos. En Somalia, as tensións locais e a inseguridade xeneralizada expuxo ás mulleres e nenas desprazadas á violencia sexual relacionada co conflito. Neste contexto, estase a producir un aumento dos secuestros con fins de matrimonio forzado como forma de compensar aos combatentes de Al-Shabaab (Organización de las Naciones Unidas, 2025).

Por outra banda, en Ucraína, en 2024, documentáronse 209 incidentes de violencia sexual relacionada co conflito cometidos contra 156 homes, 46 mulleres, 6 nenas e 1 neno polas forzas armadas rusas. Paralelamente, documentáronse 24 casos de violencia sexual no territorio de Ucraína controlado polo Goberno ucraíno cometidos contra civís detidos e prisioneiros de guerra rusos, todos homes (Organización de las Naciones Unidas, 2025).

Por outro lado, en Asia, a violencia sexual tamén afecta a un número elevado de persoas. En Afganistán, someteuse a torturas e a violencia sexual a mulleres e persoas LGTBIQ+ privadas de liberdade. No conflito Palestina-Israel, documentouse casos de violencia sexual cometido por ambos bandos. Reportáronse casos de violencia sexual nos ataques do 7 de outubro de 2023 contra israelís e tamén contra os reféns israelís. Pola outra banda, Nacións Unidas documentou casos de violencia sexual contra palestinos privados de liberdade en centros de detención israelís e contra civís en Gaza e Cisxordania. En Myanmar, segue producíndose casos de violencia sexual relacionada co conflito contra mulleres, homes, nenos, nenas e persoas LGTBIQ+, cometidos principalmente polas forzas armadas do país, sendo especialmente vulnerables as persoas da etnia rohingya. En Iemen, a violencia sexual no país sigue a ser xeneralizada e informouse que mulleres, homes e nenos tiñan sufrido violencia sexual como forma de tortura mentres eran privados de liberdade (Organización de las Naciones Unidas, 2025).

En relación a América Latina, pese a existir máis conflitos nos que a violencia sexual está presente, o informe só recolle datos de Colombia. Nese país rexistrouse en 2024 casos que afectaban a 1 009 mulleres, 73 homes e 15 persoas de diversa orientación sexual e identidade de xénero (Organización de las Naciones Unidas, 2025).

Identificado o noso obxecto de estudo, os impactantes datos sobre violencia sexual nos conflitos recollidos pola ONU, a semana que ven continuaremos ca temática a través dun artigo que expón as consecuencias devastadoras que provoca este tipo de violencia.

Bibliografía

Organización de las Naciones Unidas. (2025). Informe del Secretario General sobre la violencia sexual relacionada con los conflictos (S/2025/389). https://docs.un.org/es/S/2025/389

ONU Mujeres. (2025). Las guerras contra las mujeres se intensifican a medida que los conflictos mundiales alcanzan máximos históricos. https://www.unwomen.org/es/noticias/comunicado-de-prensa/2025/10/las-guerras-contra-las-mujeres-se-intensifican-a-medida-que-los-conflictos-mundiales-alcanzan-maximos-historicos

Accede ao conxunto da serie desde a ficha da autora