Unha nova era sen umbrais

É a hora da intelixencia e da diplomacia, non da guerra. "Ollo por ollo, todos cegos", viña a dicir Mahatma Gandi. Conforme pasan os días e se suceden feitos e declaracións, confeso que me vou sentindo cada vez máis próximo dos incivilizados árabes ca dos civilizados americanos. A "in-xustiza infinita" que se aveciña e o tono das declaracións de Bush, a medio camiño entre a simpleza máis vulgar e a verborrea belicista da vinganza, augura importantes cambios no escenario internacional que comezan a visualizarse. Non hai seguridade de que fora Bin Laden o autor dos atentados de Washington e New York, pero, de seguro, vai ser o chivo expiatorio preciso.

A nova era que nos anuncian presenta un perfil de poucos amigos. Sinalemos algunhas consecuencias:

Sen umbrais. O enorme salto producido cos atentados de Washington e New York abre un senfín de posibilidades non soamente no actuar do terrorismo senón tamén na dimensión da resposta auspiciada polos Estados da coalición que se está a formar. Xao dicía Bush, pasarán cousas das que nada saberemos ata despois dalgún tempo. É o canto á guerra sucia, ó todo vale, sen máis límite que a propia seguridade.

Criminalización da discrepancia. A crítica ao sistema establecido será máis complexa e difícil. Ou se está con América ou se está co terrorismo. O reforzamento das actividades de intelixencia e de control en masa das conductas cidadás imporá severas restriccións á libre expresión. A capacidade mobilizadora de movementos como os antiglobalización, verase reducida ostensiblemente. A criminalización da discrepancia afectará a individuos, organizacións sociais e mesmo estados. O reforzamento das posicións máis conservadoras en todo o mundo conlevará importantes restriccións no ámbito das liberdades, en primeiro lugar, en USA. A seguridade é a xustificación precisa para que ninguén se opoña á concesión de poderes absolutos ao Presidente Bush, ou para liberar aos servicios secretos das súas ataduras legais e morais.

Intensificación da represión contra os movementos independentistas. De curdos a chechenos, todos corren un serio perigo. Numerosos estados sentiranse agora máis lexitimados ca nunca para reprimir sen contemplacións aqueles movementos políticos de signo secesionista que utilizan a violencia.

Reforzamento da hexemonía americana no mundo. O impulso tecnolóxico e militar da longa guerra que agora se inicia acentuará o perfil hexemónico de Estados Unidos. A coalición internacional é unha falacia. A posición de Washington vese reforzada entre os seus aliados máis próximos mentres medra a súa influencia operativa noutros países.

Perda da identidade de Europa. Bruxelas renuncia a expresarse con voz propia. Os temores e matices expresados polo Presidente francés, Jacques Chirac, non teñen consecuencias reais. Europa podería aproveitar a actual situación para gañar peso específico, en primeiro lugar, no propio continente, favorecendo a saída das tropas USA estacionadas nos Balcáns e asumindo un discurso pacificador.

Desestabilización do mundo árabe. No actual contexto, non é previsible un arranxo en Oriente medio. É unha inxenuidade dos países árabes moderados pensar nun intercambio de apoio por unha mediación a favor de Palestina. A postura intransixente de Israel cobra un novo empuxe acurralando a Autoridade Nacional Palestina. A liña divisoria trazada obriga a decantarse tamén no plano interno, en cada país, os gobernos por unha banda, as sociedades por outra, co conseguinte afortalamento das posicións máis radicais e un incremento da represión política e social.

Reforzamento da influencia rusa en Asia central. Estados Unidos precisa a Rusia para controlar e apoiarse nun área xeográfica que medrou significativamente en importancia estratéxica, un área na que Rusia conserva unha considerable influencia. As repúblicas pos-soviéticas miran de novo cara a Moscovo. Á par do reforzamento da CEI, a nova situación pode favorecer un entendemento con consecuencias de maior calado: afastamento da China e intensificación da colaboración coa OTAN. O futuro do grupo de Shanghai que aglutinaba as Repúblicas de Asia central, Rusia e China, está en entredito.

Minimalización da ONU. A instrumentalización de Nacións Unidas soamente é comparable ó dramatismo da súa ausencia nesta crise. Pese ós esforzos de Kofi Anan, o Stop imposto á ONU pola administración americana, afecta seriamente á súa credibilidade.