Venezuela: a “guerra fría” entre Trump e Putin

En Venezuela, sumida nunha trepidante confrontación de lexitimidades presidenciais entre Nicolás Maduro e Juan Guaidó, contextualizado por multitudinarias manifestacións e fortes protestas e unha grave crise humanitaria, estase igualmente suscitando un sórdido pulso xeopolítico entre Donald Trump e Vladimir Putin, con China na recámara. Como sucedera anteriormente noutros escenarios (Ucraína, Crimea, Xeorxia, Siria, Libia), Venezuela apréstase agora como “terreo abonado” desta “nova guerra fría” principalmente existente entre Washington e Moscova.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Palabras chave Venezuela Putin Trump
Idiomas Galego

En Venezuela, sumida nunha trepidante confrontación de lexitimidades presidenciais entre Nicolás Maduro e Juan Guaidó, contextualizado por multitudinarias manifestacións e fortes protestas e unha grave crise humanitaria, estase igualmente suscitando un sórdido pulso xeopolítico entre Donald Trump e Vladimir Putin, con China na recámara. Como sucedera anteriormente noutros escenarios (Ucraína, Crimea, Xeorxia, Siria, Libia), Venezuela apréstase agora como “terreo abonado” desta “nova guerra fría” principalmente existente entre Washington e Moscova.

Nesta recomposición de alianzas xeopolíticas globais, Maduro ten apostado claramente polo “eixe euroasiático” liderado por Rusia, con Turquía, Irán e China como aliados estratéxicos. Caracas ten beneficiado a China e Rusia como socios enerxéticos e na minería, así como noutras ramas da economía. A dependencia financeira de Maduro co respecto a Moscova e Beijing fortalecía a súa viraxe euroasiática. Por tanto, estaba claro que, en 2019, Venezuela ía inserirse como un actor xa non tan periférico dentro deste pulso xeopolítico internacional existente, principalmente entre EUA e Rusia.

Isto da paso a todo tipo de informacións e rumores, non necesariamente confirmados, que ofrecen unha perspectiva de que esta nova “guerra fría” xógase tamén nas redes sociais. Un caso específico foi a información publicada pola Axencia Reuters (25/01/2019) sobre o presunto envío por parte de Rusia, vía Cuba, de 400 paramilitares pertencentes á polémica empresa contratista Wagner para protexer a Maduro. Moscova, evidentemente, negou esta información.

Simultaneamente, as reiteradas declaracións dende Washington de estudar “todas as opcións na mesa” en Venezuela, incluída a intervención militar, eleva esas tensións entre Trump e Putin. Son prolíficos os tweets de altos representantes en Washington, particularmente no caso do senador Marco Rubio, onde vanse ilustrando as aparentes directrices da administración Trump co respecto a Venezuela, especulando incluso cos límites que poden ter os intereses rusos en Venezuela.

Outras informacións, tampouco ata agora completamente confirmadas, dan conta da posibilidade de activación dunha forza de 5.000 marines apostados en Colombia, como medida de presión contra Maduro. Esta información identifica ao asesor de Seguridade Nacional de Trump, John Bolton, como o autor desta presunta petición.

Estas rémoras da “guerra fría” confírmanse igualmente coa designación por parte de Trump de Elliot Abrams como enviado para a crise venezolana. Abrams é un “falcón” da Casa Branca, de coñecida posición na década de 1980 contra a Nicaragua sandinista. En Caracas, medios oficialistas identificaron a Abrams como o cerebro do golpe contra Hugo Chávez en 2002, entón baixo a administración de George W. Bush fillo.

A discusión da crise venezolana no Consello de Seguridade da ONU, o pasado 26 de xaneiro, confirmou os alcances desta confrontación entre Washington e Moscova, traducida nos seus respectivos apoios a Guaidó e Maduro. Toda vez, estanse presentando súbitas rupturas contra Maduro e en apoio de Guaidó, tales como a deserción do coronel José Luís Silva Silva, engadido militar na embaixada de Venezuela en Washington e outros casos de persoal diplomático en EUA, Perú, Chile e Ecuador.

Paralelamente, Guaidó designou a César Vecchio como novo encargado de negocios de Venezuela en Washington. Toda vez, e a pesar da ruptura diplomática ordenada por Maduro, Caracas afirma manter vínculos diplomáticos formais con Washington para substituír as embaixadas venezolanas nese país por “oficinas de intereses”.

Mentres, Washington tamén traspasou a Guaidó os activos financeiros do Estado venezolano en EUA, toda vez o Banco de Gran Bretaña negoulle a Maduro a utilización de reservas internacionais en ouro. Todo isto interpreta a posibilidade dun “fin de época” en Caracas, e a formalización de pasos a seguir nunha eventual transición “post-Maduro”. En Washington, os medios xa falan dunha “Primavera venezolana”.

A consecuencia, e ante a implicación rusa e chinesa en Venezuela, o contexto aparentemente revitaliza o tradicional “eixe atlantista” entre EUA e a Unión Europea, neste caso en apoio á lexitimidade presidencial de Guaidó, ampliado cara organismos e entidades hemisféricas (OEA, Grupo de Lima). O rexeite de Maduro do ultimato da UE (27/01/2019) para celebrar eleccións “libres e transparentes” en Venezuela, determinará claramente este circunstancial achegamento entre Washington e Bruxelas, bastante danado polas estridencias de Trump nos derradeiros tempos.

Neste contexto, Rusia, xunto con China e Cuba, é o país con maiores intereses económicos, militares e xeopolíticos en Venezuela, e está decidido a apostar pola continuidade de Maduro no poder. Así, Moscova impulsa en Venezuela unha especie de “acuse de recibo” contra Washington orientada a contrarrestar a implicación “atlantista” no espazo euroasiático, en aras de reducir a influencia rusa. Outros escenarios, como a crise libia (2011), igualmente planean na estratexia do Kremlin, así como de Beijing.

Non obstante, a crise venezolana tamén afirma canais de pragmatismo e de negociación. Mentres Putin ofrece como mediador da crise venezolana a Aleksandr Schetinin, director para asuntos de América Latina no Ministerio de Exteriores ruso, o plan do Kremlin probablemente consiste en “gañar tempo” e dilatar a presión nas rúas venezolanas así como tamén dende o exterior, a fin de afianzar a Maduro no poder.

A diferenza, China manexa unha posición sumamente hábil e prudente na crise venezolana, instando á “solución pacífica”. É sabido do apoio chinés a Maduro, pero a situación actual, coa súbita aparición de Guaidó e os fortes apoios exteriores para a súa lexitimidade presidencial, aparentemente abre as portas do pragmatismo para Beijing. Neste contexto, aliados de Maduro como Turquía, Irán, Nicaragua e Bolivia ocupan un rol mais ben colateral, moi determinados polas decisións que se tomen en Moscova e Beijing.

Paralelamente, Washington traza un eixe rexional “anti-Maduro” con Brasil, Arxentina, Colombia, Perú e Chile á cabeza. Incluso o Ecuador de Lenín Moreno recoñece a Guaidó como presidente. Tamén os recentes apoios a Guaidó recibidos por parte de países como Israel, Xeorxia, Ucraína (que vai a eleccións presidencias en marzo) e Cosova, dan conta desa recomposición de alianzas xeopolíticas contrapostas, respectivamente manexadas dende a Casa Branca e o Kremlin.

Por tanto, o contexto en Venezuela luce confuso e difícil de predicir. A estrutura de poder “madurista” encoméndase á Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), sen desestimar os apoios de entidades cuestionadas tanto pola oposición venezolana como dende o exterior, particularmente o Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) e o Consello Nacional Electoral (CNE). As redes burocráticas do gobernante PSUV e os colectivos “paramilitares” nas zonas populares completan este panorama de apoios a Maduro.

Pero precisamente as clases populares “chavistas” comezan a erosionar ese apoio a Maduro, traducido pola crise económica e a represión nas manifestacións e protestas. Os violentos enfrontamentos entre colectivos e organismos do Estado (GNB, escuadrón FAES) nas zonas populares, con síntomas de forte represión, da conta desa erosión de apoios dentro do “chavismo”.

Instando á definición da FANB a través de medidas como a Lei de Amnistía, Guaidó  reforza o seu pulso político. Pero é unha incógnita a súa influencia dentro do estamento militar. Se o paso dos días non presenta solucións “efectistas” para a saída de Maduro do poder, Guaidó corre o risco de esgotarse politicamente, esfumándose progresivamente as expectativas inicialmente enfocadas ao seu favor.

O próximo 2 de febreiro de 2019, o “chavismo” conmemorará o 20º aniversario da súa chegada ao poder (1999). Pero o ambiente non é festivo senón mais ben delicado, con posibilidades serias de que o “chavismo” perda o poder e se inicie unha transición. Este contexto interpreta unha metáfora simbólica que explica estas dúas décadas de “revolución socialista bolivariana”.

Como metafórico epílogo, seguramente moi distinto do que soñaba Hugo Chávez en 1999, a revolución realmente non se consolidou en Venezuela. Mais ben, a radiografía actual da conta de pulsos sobre lexitimidades presidenciais, presións exteriores e unha crise humanitaria nunca antes vista, que implican unha mirada crítica, principalmente de cara ao do “chavismo”.

En perspectiva, dúas décadas de confrontación determinan cambios nunha sociedade venezolana que ansía propiciar a transición, un “cambio de temón”, na procura de acicalar un novo pacto social, que ampare renovar o sistema político para recuperar as garantías democráticas, a estabilidade institucional, constitucional, política e social e a reconstrución económica. Un cambio distinto do iniciado en 1999.