Os ataques terroristas perpetrados en París en xaneiro último acapararon unha ampla atención internacional. Non obstante, cómpre recoñecer que as repercusións doutros sucesos similares acaecidos noutras latitudes non tan afastadas foron moi limitadas, evidenciando que, tamén neste aspecto, podemos falar de dobres varas de medir ou de vítimas de primeira e de segunda. Case simultaneamente ao atentado da capital gala, en Nixeria, unha acción do grupo extremista de Boko Haram provocaba a morte de 150 persoas. Cando en Australia se produce unha toma de reféns nunha cafetería, as principais cadeas de televisión converten o feito nun fenómeno mediático global. Sen embargo, a masacre de máis de 60 persoas por parte de Al Shabaab en Kenia, apenas foi capaz de saltar o valado informativo que impón unha cruel indiferenza en función de se a acción ten lugar nunha ou noutra parte do mundo.

Pese ao contrario do que puideramos pensar en función dos contidos da axenda informativa, África é o continente máis afectado polo terrorismo, con casos ben destacados en Nixeria, Malí, Somalia, Kenia ou Níxer. O Índice de Terrorismo Global 2014 sinala que desde 2011 o ascenso do fenómeno terrorista neste territorio é imparable, sinalando a Boko Haram, Al Shabaab e Al Qaeda como as redes terroristas mais belixerantes e activas, cobrándose a vida de milleiros de persoas especialmente na África subsahariana nos últimos dous anos.
Occidente, por razóns diversas que non veñen ao caso agora, recibe unha completa atención cando o terrorismo golpea a nosa porta, pero claramente insuficiente cando as vítimas se producen noutras zonas do planeta, establecendo diferenzas non só por razón da xeografía senón tamén do estatus socioeconómico, a cor ou a crenza relixiosa. As estruturas de seguridade en África son en extremo fráxiles e os conflitos, a pobreza, e o desemprego xuvenil constitúen factores potenciadores dun flaxelo que tamén para os países ricos do Norte sinala un risco de potencial extensión.
Ás lacras comúns do continente súmase agora a falta de recursos tamén para encarar con éxito o desafío terrorista, de raíces e manifestacións moi complexas. A ameaza, como nas epidemias doutro signo, transcende as fronteiras físicas e esixe dos países desenvolvidos un compromiso global que xurde en primeiro lugar da debida atención e unha sensibilización respecto deses dramas que as principais cadeas mediáticas do mundo pasan por alto como se tivesen lugar realmente noutro planeta.