Xapón: as incógnitas do novo goberno

O pasado 29 de agosto, Yoshihiko Noda foi elixido como o primeiro ministro “de 2011” en Xapón. O comentario é relevante: Xapón tivo 6 primeiros ministros nos últimos 5 anos. Vista a estatística, pode argumentarse que anualmente, Xapón cambia de primeiro ministro.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

O pasado 29 de agosto, Yoshihiko Noda foi elixido como o primeiro ministro “de 2011” en Xapón. O comentario é relevante: Xapón tivo 6 primeiros ministros nos últimos 5 anos. Vista a estatística, pode argumentarse que anualmente, Xapón cambia de primeiro ministro.

Significa esta tendencia que a democracia funciona ben en Xapón? É verdade que o Partido Democrático de Xapón (PDX) foi elixido para exercer o poder executivo nas eleccións de 2009 e que, posteriormente, o primeiro ministro foi elixido polos parlamentarios do PDX. Con todo, os primeiros ministros nos últimos anos non puideron dar bos resultados. Por iso, unha vez que é sometido a duras críticas por parte dunha sociedade que esixe inmediatamente bos resultados, cámbiase ao líder do partido para poder sobrevivir politicamente.

É certo que o cambio do primeiro ministro pode ser unha receita médica, pero o seu efecto é temporal. Se Noda non dá bo resultado, o PDX perderá con case total seguridade nas eleccións xerais previstas para 2012. O peor para Noda é que a tendencia nos últimos anos establece que o mandato do primeiro ministro é curto, mentres os cidadáns esixen resultados inmediatos.

O primeiro ministro saínte Naoto Kan non puido ofrecer un bo resultado durante o seu mandato de 452 días. En xuño pasado, Kan dicía que dimitiría no caso de aprobarse tres proxectos: a Lei de Débeda Pública Especial; o Proxecto do Segundo Orzamento Rectificativo; e o Proxecto de Lei de Medidas Especiais para Enerxías Renovables. O pasado 26 de agosto, os tres proxectos foron aprobados, o cal foi interpretado por Kan como unha crítica do proceso de reconstrución iniciado tras o terremoto de xaneiro pasado e a posterior crise do accidente nuclear de Fukushima, un feito que acelerou a súa dimisión ante a perda de confianza no seu liderado.

Posteriormente, o 29 de agosto celebrouse a votación de novo líder do PDX, presentándose cinco candidatos; Seiji Maehara, ex ministro de Asuntos Exteriores; Sumio Mabuchi, ex ministro de Terra, Infraestrutura e Transporte; Banri Kaieda, ministro de Economía, Comercio e Industria do gabinete de Kan; Yoshihiko Noda, entón ministro de Finanzas; e Michihiko Kano, tamén ministro de Agricultura, Silvicultura e Pesca do anterior goberno.

A opinión pública especulou coa vitoria de Maehara ou Kaieda, pero a votación evidenciou a loita política interna entre faccións do PDX. Na primeira votación, Kaieda (que pertence ao grupo do ex primeiro ministro Yukio Hatoyama e que igualmente conta co apoio doutro ex primeiro ministro, Ichiro Ozawa), obtivo máis votos. Con todo, como Kaieda non obtivo a maioría, celebrouse a votación final entre el e Noda, quen ocupou o segundo posto na primeira votación. Finalmente, Noda gañou porque o grupo de Maehara, que se opón ao grupo de Ozawa, votou por el. Así, a votación do novo líder do PDX acabou en vitoria da facción anti-Ozawa.

Por tanto, quen é o novo primeiro ministro Yoshihiko Noda? Ex ministro de Finanzas no gabinete de Kan, Noda ofrece un perfil de sobriedade. No seu discurso durante a votación, Noda explicou que “non podo imitar aos peixes de cores, por iso, non terei o apoio xeral do pobo inmediatamente. Vou desempeñar o cargo ata o final… suando e entregándome ao avance de Xapón en corpo e alma”. No entanto, o seu goberno é unha incógnita. Aínda que dende o exterior foi valorada a súa modestia, moitos analistas teñen reservas sobre a posición de Noda con respecto ás estratéxicas relacións con China e Corea do Sur, tendo en conta que o novo primeiro ministro xaponés provén do sector máis conservador do PDX.

No contexto actual, non parece albiscarse un cambio inmediato na política exterior de Xapón. Con todo, a escasa perdurabilidade no cargo dos primeiros ministros nos últimos anos constitúe un problema político que xera desconfianza no exterior. Se tomamos como base que a diplomacia constitúe unha relación non só entre os países senón tamén entre os líderes, e que polo tanto a boa relación cos países estranxeiros non se constrúe nun día, Xapón non pode por agora elaborar unha estratexia de política exterior a longo prazo.

Tras a depresión económica, Xapón veu perdendo o rumbo mentres os sucesivos gobernos buscaban orientar a dirección correcta. Pero, no contexto actual, Xapón precisa fixar a súa verdadeira liña de conduta.