Xeorxia: ¡todo o poder para Saakashvili!

Apartados xeográficos Others ARCHIVE
Idiomas Galego

A coalición do actual presidente de Xeorxia, o Movemento Nacional " Fronte Democrática, acadou unha maioría esmagadora nas eleccións lexislativas do domingo 28 de marzo. Segundo as sondaxes a pé de furna e os primeiros datos oficiais, o partido do presidente Mijaíl Saakashvili obtivo preto do 80 por cento dos votos e, en consecuencia, os 150 escanos do Parlamento que estaban en xogo, ó non ter superado ningún outro partido a barreira do sete por cento, indispensable para obter representación.

Ademais de gañar as eleccións, semella que o presidente logrou outro éxito non menos importante: os comicios celebrados na provincia "rebelde"de Adjaria foron recoñecidos polo seu líder político, Aslan Abashidze, que hai poucas semanas rexeitara a posibilidade de que "a súa provincia" participara nestas eleccións. Adjaria é unha das tres provincias xeorxianas que non recoñecen a soberanía do estado xeorxiano sobre o seu territorio. Hai dúas semanas, o presidente de Xeorxia decidiu impor un bloqueo económico contra a provincia, porque as autoridades de Adjaria non lle permitiron o libre acceso á rexión cando tentou cruzar a "fronteira" para facer campaña das eleccións parlamentarias.

Unha das promesas fundamentais do presidente cando chegou ao poder hai poucos meses foi unir o país. Na chamada "revolución das rosas" o daquela presidente Eduard Shevardnadze renunciou ao cargo polas acusacións de corrupción e as dúbidas sobre a lexitimidade das eleccións de novembro de 2003. Pero a integridade territorial, reclamo de Saakashvili, non é só un obxectivo da política xeorxiana actual, senón tamén unha preocupación permanente no discurso político dos EEUU, Rusia e a Unión Europea.

Aínda que Xeorxia ten a aparencia de ser un país de escasa importancia internacional, é aquí onde chocan os intereses de varios actores políticos, sobre todo dos Estados Unidos e Rusia. A influencia de Rusia na rexión ten un valor crucial. Pouco despois de que Tbilisi proclamase a independencia de Xeorxia respecto da Unión Soviética, o país viviu dúas guerras internas a principios dos anos 90 coas provincias Abjasia e Osetia do Sur, que, xunto a Adjaria, contan co apoio e a simpatía de Rusia. Moscova apoia aos grupos que actúan en beneficio obxectivo dos seus intereses políticos e económicos ou, aínda máis, estratéxicos, neste caso o mantemento das súas bases militares. Unha destas instalacións castrenses que quedaron no territorio xeorxiano dende os tempos soviéticos atópase na capital de Adjaria, Batumi. O novo goberno de Xeorxia insiste en que Rusia debe retirarse das instalacións que aínda mantén no país. Por iso Rusia apoia de xeito practicamente aberto as esixencias da provincia de Adjaria no que toca á súa independencia, porque así asegura a permanencia da presenza militar e a influencia política na zona. Cando xurdiu o conflicto de novo hai uns días, Rusia advertiulle a Saakashvili das "consecuencias do reinicio dun conflicto armado".

A liña política de Saakashvili simpatiza obviamente cos EEUU, aínda sendo sabedor de que a influencia rusa na rexión sigue a ser inmensa. Os intereses dos EEUU concéntranse sobre todo no oleoducto Baku-Ceyhan, que se está construíndo dende Azerbaiján até Turquía. Este oleoducto permitirá aos EEUU e aos seus aliados transportar petróleo e gas procedente do Caspio cara Turquía sen ter que pasar por Irán ou Rusia. O proxecto, xestionado por Washington, inclúe un capítulo de axuda económica para Xeorxia e, para maior desgusto de Rusia, axuda militar. Os EEUU adestran tropas xeorxianas en "tarefas antiterroristas" e así xustifican a presenza de entidades da súa Mariña en territorio xeorxiano.

E cal é a posición da Unión Europea? Os intereses da Unión están baseados primeiro no ámbito económico, pero tamén no político. A ampliación da UE e as negociacións con Turquía sobre un posible acceso deste país á Unión Europea concretan a preocupación comunitaria acerca da prevención dun conflicto armado na zona fronteira da Unión. A UE considera Xeorxia como un factor de referencia importante para a estabilidade en todo o Sur do Cáucaso e apoia a súa unidade, soberanía e integridade territorial. Economicamente, o interese céntrase nas potencialidades do mercado xeorxiano, sobre todo no oleoducto, que proverá ao continente con petróleo do Caspio.

Para o presidente Saakashvili, os resultados das eleccións significan un paso cara á reintegración de Adjaria, o que podería asegurarlle o acceso aos recursos económicos da rexión, principal tarefa da política de Saakashvili. Adjaria é unha provincia cun alto grao de autonomía, gobernada dende 1991 por Aslan Abashidze. Baixo o seu liderado Adjaria atinxiu un nivel de vida superior ao resto de Xeorxia e plasmou un status de autonomía real único en toda a rexión post-soviética. Saakashvili no só quere garantir a integridade territorial do país; o seu interese principal céntrase na recuperación do control do porto de Batami. A situación xeral de estancamento consentido é producto, até a data, do interese internacional por impor unha "fronte de paz" nunha rexión salpicada por numerosas tensións que acostuman derivar en conflictos armados abertos, que non lle interesan nin aos EEUU, nin a Rusia, nin tampouco á Unión Europea.

É por iso que todas as esperanzas se centran nas habilidades diplomáticas do presidente xeorxiano, reforzadas coa debilidade da forza militar á súa disposición. Pero non esquezamos que, con anterioridade a el, un diplomático de recoñecemento como Shevarnadze fracasou estrepitosamente no seu empeño de pacificar e normalizar plenamente a situación do país.