Xi Jinping, un Presidente sen límites

As sesións lexislativas simultáneas (do macroparlamento e da conferencia consultiva política) que decorren na China ofrecen este ano algunhas novidades de alcance. Con seguridade, a de maior eco mediático refírese á reforma constitucional pero igualmente inclúe outras como a creación da comisión estatal de supervisión para loitar contra a corrupción, un novo impulso á revitalización rural, unha importante reforma estrutural do Partido, do Estado, do exército e das organizacións populares, e o derradeiro pulo á loita contra a pobreza.

Liñas de investigación Observatory of Chinese Politics
Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

As sesións lexislativas simultáneas (do macroparlamento e da conferencia consultiva política) que decorren na China ofrecen este ano algunhas novidades de alcance. Con seguridade, a de maior eco mediático refírese á reforma constitucional pero igualmente inclúe outras como a creación da comisión estatal de supervisión para loitar contra a corrupción, un novo impulso á revitalización rural, unha importante reforma estrutural do Partido, do Estado, do exército e das organizacións populares, e o derradeiro pulo á loita contra a pobreza.

A reforma da Constitución

A nova revisión da Constitución aprobada en 1982 consolidará o papel de Xi Jinping, actual secretario xeral do PCCh (desde 2012) como a figura central da política chinesa, cunha relevancia sen igual nas últimas décadas. Xi acumula nestes momentos os cargos principais do liderado chinés: presidente da Comisión Militar Central, secretario xeral do PCCh e Presidente do país. Esta converxencia dos tres cargos nunha mesma persoa devén dos sucesos de Tiananmen en 1989 e foi pensada para conxurar os perigos da división de criterios ante conxunturas delicadas. A Constitución establece un límite de dous mandatos de cinco anos para o Presidente; nas outras institucións non existen eses límites formais pero nos últimos años a tendencia foi de asumir, por extensión, esa limitación. En consecuencia, a eliminación do límite dos dous mandatos, igualmente por extensión, facilitará mandatos mais longos do habitual en tempos recentes, unha medida procurada por Deng Xiaoping para evitar un exceso de acumulación de poder por unha soa persoa nun sistema con febles controis. As experiencias do Grande Salto Adiante e da Revolución Cultural pesaron no seu día na introdución deste límite e doutros mecanismos tendentes a garantir unha dirección colexiada e fórmulas normativas, escritas ou non, para ordenar o delicado asunto das sucesións.

Oficialmente, rexéitase a idea da recuperación da presidencia vitalicia, que na práctica podería quedar establecida se Xi asume non dous senón tres ou catro mandatos. As razóns principais que argumentan este cambio de criterio apuntan a dous flancos. Primeiro, a China vive unha etapa crucial no seu desenvolvemento e requírese un liderado forte para garantir a cohesión interna e facer fronte aos perigos do proceso derivados do incremento das tensións con Occidente (dende guerras comerciais a doutro tipo). Segundo, as súas políticas atópanse aínda nunha fase inicial e precisan mais tempo para ser debidamente implementadas e tomar velocidade de cruceiro. Ninguén mellor para iso que o seu inspirador principal.

O XIX Congreso do PCCh celebrado en outubro pasado, deixou aberta a cuestión sucesoria. Ningún dos líderes incorporados ao Comité Permanente do Buró Político poderá suceder a Xi por razóns de idade. É un comité de transición ata se incorporar a sétima xeración de dirixentes en cuxa selección as escollas de Xi serán determinantes. Deste xeito, sacódese os límites que supoñen o consenso, a designación cruzada de líderes, a observación da idade, e outras normas que nos últimos anos viñan marcando a ruta para a elección do máximo liderado do país.

En tres saltos, Xi, cos cambios introducidos, asegura en só un lustro unha posición que á volta duns anos puxará coa de Deng Xiaoping pola consideración como segunda figura histórica da China Popular. Mao logrou poñer a China en pe. Deng conseguiu desenvolvela. Pero será Xi quen volva facer dela un país forte e poderoso, recuperando a posición central no sistema global. Consciente desa oportunidade histórica, Xi logrou primeiro ser recoñecido como “núcleo” da dirección, despois conseguiu que o xiísmo emerxera como guía política para realizar o soño chinés da modernización –pensamento que será recollido na Constitución- e agora, asegurándose un poder sen límite de mandatos, poderá entronizarse como a figura que finalmente puxo o broche de ouro á emerxencia de China.

Os nomes desta nova etapa

Por primeira vez en moitos anos, a persoa elixida para o cargo de vicepresidente do Estado pode ser relevante. As especulacións en torno a un hipotético regreso do xa xubilado Wang Qishan, aliado de Xi, ou o nomeamento de Hu Chunhua para o cargo serán indicadores diso. Se é Wang, dinamitando o límite de idade, o cargo gañará peso mesmo podendo instituírse como un segundo de facto na xerarquía, minguando novamente o papel do primeiro ministro Li Keqiang, sobre quen pesan novamente rumores de substitución; se é Hu, chamado a ser o sucesor de Xi en 2022, converteríase nunha especie de príncipe Carlos da política chinesa, cunha compensación que o descarta definitivamente. Noutro caso, Hu Chunhua podería ser un dos catro viceprimeiros ministros, entre os cales emerxerá a figura forte de Liu He, igualmente aliado de Xi Jinping.