Zelaya regresa

O retorno do deposto ex presidente hondureño Manuel Zelaya e a reinserción deste país centroamericano na OEA (con só o voto en contra de Ecuador), tras ser expulsada tras o golpe militar que desaloxou a Zelaya do poder en 2009, pecha parcialmente un ciclo marcado por unha crise política de magnitude hemisférica e que alterou considerablemente o equilibrio de forzas na rexión.

Este retorno de Zelaya propiciouse tras unha intensa negociación diplomática entre Venezuela e Colombia, certificadas co recente pacto de Cartaxena de Indias, e que igualmente evidencia o óptimo estado nas relacións bilaterais entre Bogotá e Caracas. Obviamente, outros actores como Brasil, Panamá, República Dominicana e Costa Rica, contribuíron significativamente no retorno de Zelaya e no táctico pacto entre o presidente deposto e o actual mandatario hondureño Porfirio Lobo, a fin de pechar a crise e abrir outro ciclo político.

Non obstante, e ante a posible implicación de actores hemisféricos como Brasil, Venezuela e EEUU nos asuntos hondureños, Zelaya e Lobo deberán acometer un panorama político excesivamente complicado. A Fronte Nacional de Resistencia Popular (FNRP), plataforma de partidos de esquerda e sindicalistas que denunciaron o golpe contra Zelaya, tenta erixirse agora como a principal alternativa ao establishment político e económico hondureño, personificado no presidente Lobo e noutras personalidades das elites oligarcas do país, tales como o tamén ex presidente Roberto Michelletti, nomeado polo Congreso hondureño unha vez os militares depuxeran a Zelaya.

A pesar da recente promesa de Zelaya de non presentarse ás eleccións presidenciais de 2013, o seu obxectivo segue a concentrarse en propiciar unha reforma constitucional que se ben foi o aspecto catalizador do golpe na súa contra en 2009, pode agora intensificar as súas perspectivas a curto e mediano prazo, unha vez o FNRP se consolide politicamente.

Por tanto, pode que o tácito pacto Zelaya-Lobo logre perdurar con altibaixos ata as eleccións de 2013, pero o mesmo pode romperse unha vez o FNRP e outros colectivos radicalicen as súas demandas a través dunha nova candidatura. E non hai que esquecer a influencia que poden ter as demandas destes colectivos para investigar a represión militar post-golpe a Zelaya, que levou á desaparición física de militantes e sindicalistas do FNRP, coa implicación das altas esferas do poder en Tegucigalpa.

Finalmente, o retorno de Zelaya e a complexa estabilidade hondureña, reinserción á OEA mediante, foi obviamente recibido con satisfacción para Washington, cuxa ambivalencia e ambigüidade no golpe contra Zelaya foron factores que contribuíron a intensificar e prolongar unha crise política con implicacións hemisféricas. Washington espera así pechar un capítulo confuso que, paralelamente, contribuíu a desprestixiar as expectativas de apertura trazadas polo presidente Barack Obama, cuestionadas coa crise hondureña de 2009.