images publicacions requelugris

Ramón Lugrís

 

 


Déixanos Ramón Lugrís

Xosé Luís Franco Grande

03/12/2015

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2015/12/03/span-langgldeixanos-ramon-lugrisspan/00031449099602913960486.htm

http://www.igadi.org/web/analiseopinion/deixanos-ramon-lugris

Onte, de maneira inesperada, faleceu en Ciudad Real Ramón Lugrís. Con el e con outros rapaces, no inicio dos anos cincuenta, unha nova mocidade galeguista comezou a lumbrigar no ceo escurecido deste país. Con Mourullo, Beiras, Baliñas, Vidán Torreira, Rubal, e logo Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo e outros, constituíase o primeiro grupo galeguista mozo posterior á guerra civil. Lugrís tiña por entón uns catro ou cinco anos máis ca nós, razón pola que aparecía como o irmán maior que, ás veces, se sentía lexitimado para berrarnos, se ben sempre con cordialidade.

De todos nós era o que tiña máis concienciación política. Na prensa local compostelá quedan os seus artigos sobre política internacional e sobre europeísmo. Por aqueles anos ser europeísta era unha maneira posible de ser antifranquista, xa que Franco rexeitaba toda idea tocante á unidade europea. Ademais, ese europeísmo era moi mal visto polo mundo oficial de entón e as publicacións europeístas alcumadas de «bazofia», como xa teño escrito noutra parte.

Estas preocupacións súas, que mantivo ata a súa morte, valéronlle para entrar na BBC de Londres no ano 1957, para ser funcionario da ONU, tradutor en congresos por países de todo o mundo e para nutrir artigos, ensaios e diversos traballos, e tamén libros como o que publicou en 1963 sobre Vicente Risco na cultura galega. A claridade expositiva, á par dunha información sempre de primeira man, era unha das súas virtudes mellores.

Fixo de maneira intensa xornalismo por case todos os países do mundo, viaxou por todos os continentes e de todas partes regresou sempre cheo de riqueza a Galicia, a súa Ítaca, como Kavafis quería e escribiu nun coñecido poema.

O 17 do mes pasado xuntámonos con el en Madrid Gonzalo R. Mourullo, Xulio Ríos e mais eu para entregarlle, por sorpresa, un pequeno libro de homenaxe á súa figura. Foi para todos un día moi feliz. Estaba exultante, como tamén estabamos os demais. Unha alegría que pouco durou. Pero nunca poderemos esquecer que no principio de todo estivo Ramón Lugrís. 

 

Un europeísta de verdade

Xulio Ríos

03/12/2015 - http://praza.gal/opinion/2975/un-europeista-de-verdade

http://www.igadi.org/web/analiseopinion/un-europeista-de-verdade

Faleceu Ramón Lugrís. Nacido no Ferrol en 1932, Lugrís  é unha desas voces ignoradas e que, non obstante, non pode faltar en calquera aproximación ao galeguismo da posguerra. Lugrís mantivo sempre un especial interese polos asuntos europeos e internacionais que encarou cunha aptitude extraordinaria para a análise e a interpretación, desenvolvidas cunha destreza e finura peculiares.

Exemplo de oficio, Lugrís, autor daquel “Vicente Risco no nacionalismo galego”, escribiu sempre coa soltura de quen coñece polo miúdo os temas que aborda tanto por ser lector asiduo e ben informado como tamén pola ampla bagaxe cultural acumulada ao longo dunha vida rica en peripecias

Alá onde chegara, en Londres, Nova York ou en calquera país da África ou Asia a onde tivera que se desprazar como tradutor da ONU ou das axencias do seu sistema onusno, Ramón Lugrís facía Patria e exhibía a súa condición de observador atento, pendente dos grandes asuntos e novidades da axenda internacional.

Dada a súa vocación europeísta temperá, o vello continente será un espazo privilexiado de atención, pero igualmente outros mundos que ao longo do seu periplo vital puido coñecer, con sensibilidade para adiviñar os temas de calado e proxección aínda que nun momento dado poidan semellar marxinais.

Co seu horizonte perdido, a actual UE, cada día mais afastada daquela simbiose de democracia e eficacia nunha organización federal que Lugrís tanto celebrou sempre e cuxo proceso acompañou desde o primeiro momento con indisimuladas esperanzas, malvive a mercé dos mercados e secuestrada por unha malentendida soberanía nacional que a incapacita para enfrontar os grandes retos do século XXI, viña a dicir resumidamente o noso Moncho, quen lamentaba o retroceso da conciencia europea no momento presente.

Lugrís, membro do Consello Reitor do IGADI, sempre exerceu a súa capacidade crítica e o seu escepticismo a partir dun compromiso inequívoco coa defensa da democracia, dos dereitos humanos, do pacifismo, coa xustiza social, en suma, cunha serie de valores que están no cerne dunha vida en que alternou a aproximación e o distanciamento cunha Galicia que a duras penas sabe del e por iso mesmo dificilmente soubo reservarlle o recoñecemento que sen dúbida merece.

A ese recoñecemento quixemos contribuír hai uns días en Madrid, cando en compaña dalgúns dos seus amigos daqueles anos escuros, Franco Grande e Rodríguez Mourullo, tivemos a ocasión de entregarlle un libro de agasallo no que el era o merecido protagonista. Daquela faciamos plans. Non imaxinabamos este desenlace tan inesperado.

 


In memoriam Ramón Lugrís

Armando Requeixo

05/12/2015 - http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.14430.php

images publicacions requelugris

O día 2 fóisenos o intelectual Ramón Lugrís, que nacera no Ferrol en 1932. Tradutor na BBC en Londres e na ONU en Nova York, malia a súa diáspora estivo sempre atento á realidade sociocultural e literaria galegas e mantivo o contacto coas figuras principais do galeguismo do seu tempo.

Reproduzo aquí unha carta inédita que enviou a Ramón Piñeiro o 2 de outubro de 1961. Nela, á parte doutras cuestións relativas a envíos bibliográficos, escribiulle ao de Láncara para transmitirlle a súa moi positiva lectura do poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro, opinión que confirmou días despois ao comentar gabanciosamente o libro para o xornal La Noche (9-11-1961).

Piñeiro fíxolle chegar esta carta a Díaz Castro con outra que el mesmo lle escribiu (8-10-1961). Respondendo á mesma (10-10-1961), o de Guitiriz confesoulle ao de Láncara estar asombrado e moi agradecido “polos termos desmesuradamente eloxosos” que Lugrís dedicara a Nimbos, o mesmo que repetiu a Piñeiro noutra carta días máis tarde (24-10-1961), misivas todas estas que hoxe poden consultarse no Epistolario do guitiricense.

Sirvan estas liñas como recoñecemento ao estudoso de Risco, ao galeguista que axudou a pensar os rumbos do país no faladoiro do Derby compostelán, onde coñeceu a Otero Pedrayo, Del Riego, Piñeiro, García-Sabell, Cabanillas e tantos outros e onde logo foi irmán dos Franco Grande, Rodríguez Mourullo ou Cores Trasmonte, o mesmo que na BBC foi compañeiro de Pérez-Barreiro Nolla e Punset e en Nova York compartiu angueiras con Martínez López ou Guerra da Cal.