IGADI-We in the World 2011: Nós no mundo

IGADI-We in the World 2012: Nós no mundo

A necesidade dun modelo de acción exterior crible para Galicia

A necesidade dun modelo de acción exterior crible para Galicia

IGADI-We in the World 2011: Nós no mundoPor terceiro ano consecutivo, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), dirixido por Xulio Ríos, publica o seu informe anual “IGADI WW- We in the World 2012: Nós no Mundo” que baixo o título “Un modelo de acción exterior crible para encarar á crise”, pretende reflexionar sobre os principais parámetros e retos que afronta a acción exterior de Galicia en 2012, nun contexto de crise económica e cambios políticos a nivel estatal.

Nun marco de pluralidade analítica e imprimindo unha visión proactiva, o IGADI WW 2012 reúne unha serie de ensaios elaborados por relevantes personalidades políticas e altos cargos do goberno galego, así como expertos en diversas temáticas relativas á acción exterior galega. Neste sentido, reflexiónase sobre a necesidade de imprimir un novo modelo, alternativo, coordinado e crible, da actualmente minimizada acción exterior de Galicia (Xulio Ríos), que non se limite unicamente ao peso outorgado no seu sector empresarial. Unha visión que, racionalizando as súas prioridades, permita igualmente concertar unha maior participación a nivel estatal, acorde coas potencialidades da nosa Comunidade.

Complétase esta perspectiva coas reflexións emanadas de representantes dos tres partidos políticos galegos. A preponderancia do enfoque empresarial e a busca de novos mercados resulta fundamental para o actual goberno da Xunta, tal e como explica Jesús Gamallo Aller, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Non obstante, esta visión é amplamente contestada, por inoperante e falta de continuidade (José Luís Méndez Romeu, PSdG-PSOE). Paralelamente, resulta imprescindible unha ampliación das competencias da acción exterior galega (Ana Miranda, eurodeputada do BNG), especialmente no actual momento de crise e ante a política recentralizadora do goberno central.

Os cambios socioeconómicos e demográficos experimentados nos últimos anos en Galicia definen un novo panorama ante o marco financeiro da Unión Europea para o período 2014-2020 (Ana Ramos Barbosa). Esta realidade implica novos desafíos para a acción exterior galega, na que precisaríase o fomento dunha estratexia “gañar-gañar” (María Xosé Porteiro e Ignacio R. Covelo) que permita vertebrar unha posición de maior inserción e equilibrio en escenarios clave. Un proceso de internacionalización que se concibe estratéxico e vital para Galicia (Xan López Facal), con especial preponderancia para o seu sector empresarial exportador, principalmente o pesqueiro e acuícola (Juan M. Vieites Baptista de Sousa).

O IGADI WW 2012 complétase cunha reflexión sobre o estancamento e perda de peso de Galicia na súa relación con Portugal (David Reinero) e ilustra as oportunidades e alternativas que ofrecen para a acción exterior galega o ascenso global dos países do BRIC, particularmente Brasil (Enrique Sáez Ponte). A proxección exterior da lingua e cultura galega (Anxo M. Lourenzo Suárez, director xeral de Cultura), con especial protagonismo do seu sector universitario, debe ocupar un lugar relevante.

Tamén inclúe unha análise sobre o difícil panorama que encara a cooperación galega ao desenvolvemento (Carlos Teijo García);  e a necesidade de reconducir un novo modelo de internacionalización do audiovisual galego (Manuel González) acorde coas crecentes potencialidades deste sector. Por último, incorpora unha visión das actividades realizadas en 2011 polo Parlamento de Galicia, de celebración polo seu trixésimo aniversario, en materia de acción exterior, da man da súa presidenta Pilar Rojo Noguera,

Este novo informe do IGADI complementa o seu relatorio anual sobre os problemas do sistema internacional contemporáneo, o IGADI Annual Report, que en 2012 presentou a súa quinta edición.

Illa de San Simón, 27 de xaneiro de 2012