Ramón Lugrís, Sempre Galicia, Sempre Europa, novo volume do IGADI

O IGADI ven de publicar esta obra, da que son editores Xosé Luis Franco Grande e Xulio Ríos, que tenta reivindicar a figura de Ramón Lugrís (Ferrol, 1932).

O IGADI ven de publicar esta obra, da que son editores Xosé Luis Franco Grande e Xulio Ríos, que tenta reivindicar a figura de Ramón Lugrís (Ferrol, 1932).

O volume conta con colaboracións dos editores e tamén de Gonzalo Rodríguez Mourullo, Carlos Baliñas e Miguel Barros. Asemade, inclúe unha pequena escolma de colaboracións xornalísticas do propio Ramón Lugrís, fundamentalmente da súa mais recente etapa (2009-2011) e centrados na política británica, froito en grande medida da súa colaboración co IGADI, do que forma parte

O libro inclúe un pequeno percorrido biográfico a modo de entrevista que fora publicada na revista Grial de xeito inevitablemente resumido. Aquí reprodúcese o texto íntegro daquela conversa xunto cunha selección fotográfica.

Ramón Lugrís é unha desas voces ignoradas e que, non obstante, non pode faltar en calquera aproximación ao galeguismo da posguerra. Mantivo sempre un especial interese polos asuntos europeos e internacionais que encarou cunha aptitude extraordinaria para a análise e a interpretación, desenvolvidas cunha destreza e finura peculiares.

Os textos recollidos inciden especialmente na súa dimensión de “britanólogo”, que traen ao maxín aquelas Crónicas desde Londres que Plácido Castro escribía para El Pueblo Gallego nos anos vinte do pasado século. Cada unha destas pezas é un exemplo de oficio desenvolvido con singular habelencia para significar unha das principais carencias desa análise internacional que a cotío nos asalta: a contextualización. Lugrís, que escribe coa soltura de quen coñece polo miúdo os temas que aborda tanto por ser lector asiduo e ben informado como tamén pola ampla bagaxe cultural acumulada ao longo dunha vida rica en peripecias, é quen de aproximarse e de distanciarse dos fenómenos tratados, ofrecendo ao lector un ronsel de pistas decisivas para conformar a súa propia opinión.

Dada a súa vocación europeísta temperá, o vello continente será un espazo privilexiado de atención, pero igualmente outros mundos que ao longo do seu periplo vital puido coñecer, con sensibilidade para adiviñar os temas de calado e proxección aínda que nun momento dado poidan semellar marxinais.

Co seu horizonte perdido, a actual UE, cada día mais afastada daquela simbiose de democracia e eficacia nunha organización federal que Lugrís tanto celebrou sempre e cuxo proceso acompañou desde o primeiro momento con indisimuladas esperanzas, malvive a mercé dos mercados e secuestrada por unha malentendida soberanía nacional que a incapacita para enfrontar os grandes retos do século XXI, pensa resumidamente o noso autor, quen lamenta o retroceso da conciencia europea no momento presente.

Lugrís exerce a súa capacidade crítica e o seu escepticismo a partir dun compromiso inequívoco coa defensa da democracia, dos dereitos humanos, do pacifismo, coa xustiza social, en suma, cunha serie de valores que están no cerne dunha vida en que alternou a aproximación e o distanciamento cunha Galicia que a duras penas sabe del e por iso mesmo dificilmente soubo reservarlle o recoñecemento que sen dúbida merece.

A ese recoñecemento quere contribuír esta iniciativa coa esperanza engadida de que sirva igualmente para espertar a curiosidade polo noso autor e a súa obra.