Tempo exterior Nº 36: O “soño chinés” en tempos de Trump

Tempo exterior, revista de análise e estudos internacionais dirixida por Xulio Ríos, ofrece como temática principal no seu Nº 36, período Xaneiro-Xuño de 2018, unha panorámica sobre a “nova China” de Xi Jinping, trala celebración (outubro de 2017) do XIX Congreso do Partido Comunista Chinés (PCCh). Este congreso confirmou as bases do “pensamento” de Xi e as súas expectativas para situar a China como novo referente hexemónico global para mediados deste século.

Nesta perspectiva, este número reflexiona en profundidade sobre os alcances que terá o pulso hexemónico entre China e EUA que, en gran medida, definirá as bases do sistema internacional para as próximas décadas. Deste xeito, o “soño chinés” impulsado por Xi Jinping e fortalecido tras este XIX Congreso ten repercusións internas, a través da formulación de novas directrices que influirán nas reformas económicas, no modelo de gobernanza, na defensa e a política exterior (artigos de Xulio Ríos e Marola Padín Novás)

Precisamente, a política exterior chinesa merece unha diagnose particular (Alejandra Peña), así como o marco institucional do modelo chinés de cooperación ao desenvolvemento (Ramón Fernando Flores) e, especificamente, das súas estratexias de asistencia sanitaria en África (Rosa María Rodrigo).

Paralelamente, analízanse as complexas relacións de Beijing coa administración de Donald Trump en EUA (Alfredo Toro Hardy). Unha presidencia, a de Trump, cuxo balance da política exterior (Jared D. Larson), claramente “anti-Obama”, ten a China no foco de atención. Para completar esta temática principal, ofrécese unha perspectiva escasamente estudada: o factor relixioso, a través da presenza da Igrexa católica en China e o seu proceso de “sinización” (André Saraiva Santos e Larissa Ma Kehan).

Como temas complementarios, analízase a política migratoria de Trump na contorna centroamericana (Alexandre Rey Parrado), finalizando este número de Tempo exterior cunha reflexión sobre a interdependencia dos dereitos humanos ante a liberdade de relixións e de crenzas (Antonietta Elia).

Podes ver o índice do Tempo Exterior nº36 aquí, e de todos os números da publicación aquí. Para máis información e subscricións: Tlf: 986 84 34 36. E-mail: info@igadi.org