images publicacions IgadiPaper132

IgadiPaper nº132

Os Obxectivos do Milenio (II): A axenda post-2015

(5/2014)

Os Obxectivos do Milenio (II): A axenda post-2015

images publicacions IgadiPaper132a) Introdución

En xaneiro de 2012, o Grupo de Alto Nivel da ONU para o Desenvolvemento trazou as liñas estratéxicas de actuación na axenda de consecución dos Obxectivos do Milenio (ODM) para o período 2015-2030, presentando en xuño dese mesmo ano o seu primeiro informe([1]). Integrado por máis de 60 entidades pertencentes á ONU e a diversos organismos internacionais, este grupo de traballo está presidido polo Departamento de Asuntos Económicos e Sociais (DAES) e o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), con especial énfase no consenso cara políticas integrais relativas a garantir o desenvolvemento económico e social inclusivo e a sostibilidade ambiental.

Neste sentido, o Grupo de Alto Nivel acordou once (11) consultas temáticas([2]), divididas en: Conflitos e Fraxilidade; Educación; Sostibilidade Ambiental; Gobernanza; Crecemento e Emprego; Saúde; Fame, Nutrición e Seguridade Alimentaria; Desigualdades; Dinámicas de Poboación; Enerxías; e Auga. As mesmas foron aprobadas polo Secretario Xeral da ONU, Ban Ki Moon, durante unha reunión do Grupo de Alto Nivel en setembro de 2013, como medidas para catalizar e acelerar a Axenda post-2015 dos ODM.

Co horizonte 2030 e alén destas consultas temáticas, a Axenda post-2015 identifica cinco (5) eixes prioritarios: “Non esquecer a ninguén”, relativa á redución da pobreza extrema e a inclusión social (xénero, sexualidade, etc); “Desenvolvemento Sostible no corazón”, con especial énfase no cambio climático e a degradación ambiental; “Transformar as economías e empregos e o crecemento global inclusivo”; “Construír a Paz e institucións pacíficas, efectivas, abertas e responsables para todos”, con principal incidencia nos dereitos humanos e a boa gobernanza; e “Forxar unha nova asociación global”, expresión dun novo espírito de cooperación e solidariedade global.

O espírito deste Grupo de Alto Nivel suxire ampliar as perspectivas de consecución dos ODM deseñados durante o período 2000-2015, para finalmente alcanzar as metas de redución da pobreza, protección medioambiental, creación de empregos dignos e dun modelo de desenvolvemento inclusivo, fortalecemento da boa gobernanza e minimización dos conflitos armados. Con todo, a Axenda post-2015 implica igualmente ter en conta os cambios na ecuación política global, particularmente ante o ascenso das denominadas “potencias emerxentes” (China, Brasil, India, Sudáfrica, etc), e particularmente a repercusión que as visións dende o Sur poden supoñer para fortalecer os cambios e transformacións dos organismos internacionais, particularmente da ONU e das súas respectivas axencias.

b)  O compromiso 2015-2030

A un ano da data límite establecida pola ONU (2015) para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), o Grupo de Alto Nivel da ONU estableceu a partir de 2012 un novo marco de actuación, coloquialmente denominada a Axenda post-2015([3]), con especial incidencia en ampliar os compromisos acadados na Declaración do Milenio (2000).

Este compromiso de ampliación acontece nun marco global basicamente condicionado polos claroscuros, asimetrías e desigualdades([4]) centrados no labor dos gobernos, organismos internacionais, sectores privados e sociedade civil, de cara a  alcanzar os oito (8) obxectivos principais dos ODM establecidos na Declaración do Milenio. Resulta oportuno destacar que estes obxectivos divídense na erradicación da Pobreza Extrema e da Fame; a educación Primaria Universal; a igualdade de Xénero e Empoderamento da Muller; a redución da Mortalidade Infantil; a mellora da Saúde Materna; o combate da SIDA, a malaria e outras enfermidades; o desenvolvemento Ambiental Sostible; e a adopción dunha Asociación Global para o Desenvolvemento. 

No seu informe([5]), o Grupo de Alto Nivel da Axenda post-2015 establece unha serie de prioridades dentro dos cinco eixes anteriormente mencionados, que servirán como “folla de ruta” co horizonte no 2030. Con énfase na concreción dunha Axenda de Desenvolvemento Sostible, entre estas prioridades destacamos:

- a identificación das causas que provocan a pobreza, a exclusión e as desigualdades, abordando políticas públicas orientadas cara as poboacións pobres excluídas, na concreción de espazos de interacción entre o mundo rural e urbano, con especial incidencia na modernización das infraestruturas, na utilización dos avances tecnolóxicos e a promoción das igualdades de dereitos en materia de xénero;

- a certificación no 2030 de que as principais compañías globais informen aos seus accionistas sobre a adopción de políticas de desenvolvemento sostible e de protección ambiental. Na actualidade, só un 25% destas compañías abordan esta perspectiva;

- Os retos establecidos polo desemprego e o acceso ao mercado laboral, especialmente de cara á mocidade. Estímase que en 2030 existirá unha forza laboral a nivel mundial calculada en aproximadamente 470 millóns de persoas, e que o progreso socioeconómico permitirá que miles de millóns de persoas a nivel mundial sexan consideradas “clase media”;

- Capacitación en políticas de “boa gobernanza” e construción de institucións sólidas orientadas a propiciar unha cultura de paz, así como fomentar políticas de transparencia e de responsabilidade en casos de conflito e de loita contra a criminalidade e a ilegalidade;

- Propiciar ferramentas de sensibilidade que permitan construír unha nova cultura de solidariedade, democracia e igualdade, centrada na consolidación dunha plataforma ou asociación global entre gobernos, autoridades locais, institucións internacionais, sectores de negocios e empresariais, sociedade civil, fundacións filantrópicas, o mundo académico e científico e as persoas.

Paralelamente, e co horizonte 2030, a Axenda post-2015 se centrará en temáticas específicas como:

Transparencia e responsabilidade: estímase un gasto gobernamental de aproximadamente US$ 30 trillóns en políticas de transparencia para 2030.

Pobreza e desigualdades: índices de extrema pobreza e de fame estimados en 2030 en 1.200 millóns de persoas.

Ambiente e cambio climático: estímase en 2030 un maior quecemento global, incluso achegándose a índices pre-industriais.

Urbanización: estimacións de maior poboación urbana en 2030, así como dun aumento das persoas maiores e xubiladas, o cal esixirá un maior gasto social en materia de pensións e servizos.

Saúde, Mocidade e Xénero: en 2030, estímase que 100 millóns de nenos morrerán por enfermidades antes de cumpriren cinco anos. Paralelamente, 4,4 millóns de mulleres morrerían durante o embarazo ou o parto.

Consumo sostible e patróns de produción

Migración internacional: estímase en 30 millóns os novos inmigrantes en 2030, que achegarán remesas aos seus fogares de orixe valorados en US$ 600 billóns e a través de canais cada vez máis dinámicos e de baixo custe.

Cambio demográfico: estimacións dunha poboación  mundial de 8 mil millóns de persoas en 2030, 9 mil millóns en 2050.

Finanzas e crecemento económico: en 2030 estímase a preponderancia de novos actores, potencias emerxentes, foros rexionais e mundiais (G7, G20, BRICS), con elevados crecementos económicos e unha notable redución da pobreza extrema.

Tecnoloxía: transformación do sistema económico, do emprego e do aparato produtivo a través dunha masificación dos avances tecnolóxicos. Estímase igualmente que 1.200 millóns de persoas estarán conectadas á electricidade en 2030.

c) Os ODM ante os cambios xeopolíticos

Para a ONU, o horizonte 2030 establecido na ampliación da Axenda Global dos Obxectivos do Milenio implica ter en conta unha serie de cambios e previsións no sistema internacional que, inevitablemente, exercerán un considerable impacto e influencia na consecución dos mesmos.

No período 2011-2050, a ONU estima un aumento da poboación mundial en 2,3 mil millóns de persoas, alcanzando un total de 9,5 mil millóns para a metade de século([6]). Este aspecto repercutirá decisivamente nos cambios na dinámica demográfica, no crecemento económico, principalmente na creación de emprego, na seguridade global e nos fluxos de migración e de capital. Neste sentido, o Alto Panel da ONU para a Axenda post-2015 prestará maior atención aos impactos destes factores no previsible aumento da migración así como dos refuxiados([7]), principalmente condicionados polos avances nos procesos de urbanización, crecemento económico e pola persistencia de conflitos políticos e bélicos.

Paralelamente, a Axenda post-2015 sinala un cambio na dinámica xeopolítica e das relacións internacionais con notable relevancia á hora de configurar un novo sistema internacional, especialmente no relativo ao ascenso de novas potencias emerxentes dende o Sur, con particular atención cara China, Brasil e India. Coas súas respectivas percepcións, prioridades e demandas, esta variación do cálculo de poder pode constituírse nun factor estratéxico á hora de impulsar a Axenda post-2015.

Outro aspecto relevante ten que ver co impacto da loita polos dereitos humanos, as liberdades e a xustiza social, con particular incidencia en movementos recentes como as rebelións que vive o mundo árabe desde 2011, así como as consecuencias para o tecido socioeconómico e político derivado das constantes protestas sociais, particularmente en países “emerxentes” (Brasil, Turquía) así como do ascenso de novas elites e clases medias (China, India).

Con todo, a Axenda post-2015 suxire diversas perspectivas e expectativas a nivel rexional, dividindo a súa atención en catro grandes bloques: África; Asia Oriental e Pacífico; Europa e Asia Central; e América Latina e o Caribe([8]). No caso africano, considérase o máis vulnerable, tendo en conta as persistentes secas e a desertificación (2/3 do territorio) así como a escaseza de fontes de auga para a agricultura e para a seguridade alimentaria, unha perspectiva que se amplía no concerto de Oriente Medio, particularmente para Palestina, igualmente identificado como fonte de conflito xeopolítico.

No caso de Asia Oriental e Pacífico, o foco de atención céntrase na excesiva  poboación vivindo en zonas costeiras, con particular preocupación ante os problemas humanitarios causados polas persistentes choivas e furacáns. No caso de Europa e Asia Central, o énfase está fixado nos efectos da crise económica, en particular na promoción de políticas equitativas na distribución do ingreso, no acceso a fontes de emprego e no mantemento da condición de donantes en cooperación ao desenvolvemento.

Finalmente, no relativo a América Latina e o Caribe, o foco de atención da Axenda post-2015 está centrado na conca amazónica, así como nas desigualdades socioeconómicas e demográficas derivadas da excesiva urbanización, cun índice que ascende ao 83%, moi por riba de África (47%).

IGADI. 12 de marzo de 2014.


([1]) Realizing the Future We Want for All. Report to the Secretary-General, UN System Task Team on the Post-2015 UN Development Agenda, Nova York, Xuño de 2012. Ver en: http://www.un.org/en/development/desa/policy/untaskteam_undf/untt_report.pdf

([2]) Millenium Development Goals And Beyond 2015. Ver en: http://www.un.org/millenniumgoals/beyond2015.shtml#Resources

([3]) High Level Panel. The Post-2015 Development Agenda. Ver en: http://www.post2015hlp.org/

([4]) “Os Obxectivos do Milenio 2015: un compromiso con claroscuros”, IGADI Paper Nº 128, 10 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.igadi.org/web/publicacions/igadipaper/igadipaper-no128

([5]) A New Global Partnership: Erradicate Poverty and Transform Economies Through Sustainable Development. The Report of the High-Level Panel of Eminent Persons on the Post-2015 Development Agenda. Nacións Unidas, 30 de maio de 2013. Ver en: http://www.post2015hlp.org/wp-content/uploads/2013/05/UN-Report.pdf

([6]) “A Regional Perspective of the Post-2015 United Nations Development Agenda”, United Nations, Economic Commission for Europe, Economic and Social Commission for Asia and the Pacific, Economic Commission for Latin America and the Caribbean, Economic Commission for Africa and Economic and Social Commission for Western Africa, 2013, páxina 60. Ver en: http://www.regionalcommissions.org/post2015regionalreport.pdf

([7]) Ibid, páxina 60.

([8]) Ibid, páxina 64.