IgadiPaper nº142 - Referendo soberanista en Escocia: a xestión dos resultados

IgadiPaper nº142

Referendo soberanista en Escocia: a xestión dos resultados

(15/2014)

Referendo soberanista en Escocia: a xestión dos resultados 

IgadiPaper nº142 - Referendo soberanista en Escocia: a xestión dos resultados
a) Introdución

A contundente vitoria da opción “Non” á independencia de Escocia,  cunha votación do 55,3% no referendo soberanista celebrado o pasado 18 de setembro, abre un compás de espera sobre outros procesos de decisión relacionados coa autodeterminación nacional principalmente en Europa, en particular nos casos dos denominados “nacionalismos periféricos” como Cataluña ou Flandres, entre outros. 

Se ben os independentistas escoceses non alcanzaron o seu obxectivo, a histórica celebración deste referendo soberanista supón un punto de inflexión de cara ao futuro para o Partido Nacionalista Escocés (SNP polas súas siglas en inglés), á vista da avultada votación (44,5%) recibida, principalmente nunha cidade da importancia de Glasgow, que votou decididamente a favor da independencia. Á espera de coñecer as futuras estratexias do SNP, a consulta igualmente certificou a renuncia do primeiro ministro escocés Alex Salmond, debendo dar paso agora a un novo liderado.

A atención está agora dirixida a Londres e, particularmente, ás promesas esgrimidas polo conservador primeiro ministro británico David Cameron, en particular de amparar maiores cotas de descentralización política para Escocia a cambio de rexeitar a independencia. Unha oferta igualmente ampliada cara outros territorios que forman parte do Reino Unido de Gran Bretaña, particularmente nos casos de Gales e Irlanda do Norte, ademais da propia Inglaterra.

Con todo, cómpre observar o nivel de influencia do referendo escocés cara outros contextos de reclamación soberanista, en especial Cataluña, que tería previsto realizar unha consulta similar o próximo 9 de novembro, aínda que sen o amparo da legalidade estatal. En perspectiva, compre igualmente observar en qué medida o futuro das aspiracións independentistas escocesas pode reproducir aspectos anteriormente presentados noutros contextos soberanistas, como é o caso de Quebec, tendo en conta determinadas variables de similitude en ámbolos dous casos.

b) A autonomía a debate

Tras unha campaña electoral ateigada de promesas sobre a marcha, principalmente por parte de Londres, algunhas delas efectuadas con certa dose de oportunismo e incluso de desesperación ante as posibilidades electorais dos independentistas escoceses, o contundente triunfo do “Non” á independencia de Escocia deixa no tapete a concreción dunha serie de competencias autonómicas prometidas á carreira polos principais partidos británicos (Partido Conservador, Partido Laborista e Partido Liberal-Demócrata) de cara o goberno de Edimburgo, a capital política e administrativa escocesa.

A discusión e paulatina materialización destas competencias quedará a cargo do ex primeiro ministro británico, o laborista Gordon Brown. O pasado 20 de setembro, dous días despois do referendo, Brown anunciou a presentación dunha Lei de Escocia que contemplaría a discusión destas disposicións a partir de xaneiro de 2015.

Paralelamente, a renuncia como primeiro ministro do nacionalista escocés Salmond, a ser efectiva a partir de novembro, abrirá igualmente o camiño para unha eventual sucesión política dentro do SNP, con especial influencia nas eleccións escocesas previstas para maio de 2016, sen esquecer os eventuais cambios lexislativos que poidan ocorrer previo ás eleccións británicas previstas para maio de 2015.

O problema, cando menos, parece estar nas prerrogativas e facultades destas cesións autonomistas prometidas por Londres. O plan de discusión debe incluír aspectos relativos á política fiscal, estado de benestar, sanidade e a posibilidade de outorgar maior autonomía política, incluída a celebración de eleccións lexislativas separadas en cada un dos territorios que forman parte do Reino Unido de Gran Bretaña: Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte. Inglaterra non ten un órgano lexislativo propio, a diferenza do Parlamento escocés e das Asembleas galesa e norirlandesa.
 
Brown e o líder laborista Ed Miliband, así como o líder da campaña polo “Non” en Escocia, Alistair Darling e outros membros do Partido Conservador, xa deixaron entrever que non están completamente de acordo con estas cesións autonomistas defendidas por Cameron, baixo o lema de “votos ingleses para leis inglesas”, e que aparentemente conta co apoio do líder liberal-demócrata Neil Clegg.

Neste sentido, desvincular a Escocia, Gales e Irlanda do Norte da discusión e votación dos asuntos ingleses (un debate que en Londres denominase “West Lothian”) suporía para os laboristas un duro golpe político, xa que moitos dos seus votantes e dos seus deputados en Westminster proveñen de Escocia. Pola contra, os ingleses non poden decidir nos asuntos lexislativos escoceses, galeses e norirlandeses.

Polo tanto, Londres deberá agora equilibrar unha serie de promesas e de pulsos políticos que, eventualmente, poderían modificar a opinión do electorado escocés post-referendo. Salmond xa deixou entrever a posibilidade de que Londres dea marcha atrás con algunhas destas disposicións autonomistas, argumentando a contundente vitoria do “Non”. Para Cameron, este tema pode derivar nun debate político de elevada intensidade, especialmente de cara ás súas pretensións de reelección nas eleccións lexislativas británicas de maio de 2015.

Pero en caso de moderarse este proceso, unha gran porción do electorado nacionalista escocés, así como doutros indecisos que finalmente optaron polo “Non” (moi probablemente persuadidos pola presión exercida dende Londres), poden sentirse frustrados polo incumprimento destas promesas, un aspecto que eventualmente pode anunciar a medio prazo unha maior adhesión ás teses do SNP, así como unha maior presión política e cidadá para repetir a consulta soberanista.

Este contexto pode igualmente reproducirse en Gales, con pretensións autonomistas e a presenza dunha forza nacionalista como o Plaid Cymru, sen esquecer as presións que dende Belfast, capital de Irlanda do Norte, poden reforzar a demanda dun maior autogoberno, amparados nos acordos de paz estipulados desde 1998 e nas promesas de Londres pre-referendo escocés.

c) Outras realidades soberanistas

Paralelamente, é importante considerar en qué medida o referendo escocés terá influencia noutros contextos soberanistas, non só en Europa senón noutras partes do mundo. Este aspecto ten maior incidencia no contexto europeo, debido a que Escocia constitúe agora unha indubidable referencia histórica, tendo en conta que é o primeiro caso de nacionalismo periférico que puido celebrar democraticamente unha consulta soberanista.

O caso inmediato máis salientable no que o referendo escocés terá incidencia é o de Cataluña, coa convocatoria dunha consulta soberanista prevista para o próximo 9 de novembro. Esta consulta ven sendo anticipadamente cualificada de ilegal dende Madrid, a diferenza da pragmática posición adoptada por Londres con respecto ao referendo escocés. Neste sentido, está por ver en qué medida os resultados do referendo escocés, en particular a derrota do independentismo, gravitarán directa ou indirectamente no contexto catalán a respecto da realización da propia consulta mesmo contravindo a legalidade.

Outro caso é Flandres, onde o partido nacionalista Nova Alianza Flamenca (N-VA) adoptou recentemente unha pragmática posición confederal con respecto a Bruxelas, referendada nos comicios federais belgas e nas parlamentarias europeas celebradas simultaneamente en maio pasado, pero que igualmente estipulará unha maior presión autonómica, aparcando momentaneamente as pretensións independentistas.
En Europa Oriental, o referendo de adhesión de Crimea a Rusia (marzo de 2014), no contexto da crise ucraína, paralizou eventualmente a resolución doutros escenarios (Transnistria, Abxasia, Osetia do Sur), sen esquecer a preeminencia doutros casos de “Estados de feito” dentro da contorna mediterránea e balcánica (República Turca do Norte de Chipre e Cosova).

Fóra de Europa atópase o caso de Taiwán, que adoptou un prudente distanciamento con respecto ao referendo escocés, toda vez o silencio ou as complexidades derivadas dos conflitos internos predominaron noutros casos (Palestina, Sáhara Occidental) nun elenco de complexos marcos territoriais en conflito con diferentes perfís e intensidades.
 
Finalmente, está o caso de Quebec, un contexto que convida aos nacionalistas escoceses a observar con especial atención porque pode reflectir situacións de notable similitude.

As pretensións independentistas do Partido Quebequés (PQ) víronse historicamente frustradas trala celebración de varios referendos soberanistas en 1980 e 1995, aínda que neste último estiveron a piques de alcanzar o 50% da votación.

Non obstante, na actualidade, o PQ vive un momento interno sumamente complexo: nos comicios municipais celebrados en Quebec en marzo de 2014 acadaron a súa peor porcentaxe de votación obrigando a unha remoción do seu liderado, paralizando preventivamente calquera presión a favor da realización dun novo referendo soberanista.

En comparanza, o SNP post-Salmond pode afrontar agora unha nova etapa que lle permita sacar proveito da súa votación (44,5%) e do feito de que unha cidade da importancia de Glasgow votara decididamente a favor da independencia. A pesar das diferenzas de contexto, as dificultades de xestión da derrota alertan ao SNP da importancia de analizar o caso de Quebec.

Estas e outras variables estarán igualmente determinadas polo contexto que se abre agora entre Londres e Edimburgo sobre a Lei de Escocia e a concreción das facultades autonómicas prometidas por Cameron, polo que non resulta descartable a renovación a longo prazo da presión cidadá para celebrar outro referendo soberanista. 

IGADI, 24 de setembro de 2014.