IgadiPaper nº143 - Presidenciais en Brasil: a hora decisiva para o PT

IgadiPaper nº143

Presidenciais en Brasil: a hora decisiva para o PT

(16/2014)

Presidenciais en Brasil: a hora decisiva para o PT 

a) Introdución
IgadiPaper nº143 - Presidenciais en Brasil: a hora decisiva para o PT

O próximo 5 de outubro levaranse a cabo eleccións presidenciais en Brasil, comicios nos que a mandataria Dilma Rousseff, do gobernante Partido dos Traballadores (PT), buscará a reelección presidencial enmarcada nun expectante e tenso pulso electoral coa candidata Marina Silva, do Partido Socialista Brasileiro, (PSB – Partido Verde, PV). O terceiro candidato presidencial é Aecio Neves, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), moito mais distanciado en intención de voto.
 
Cun censo electoral de 142 millóns de brasileiros que por vez primeira emitirán o seu sufraxio co sistema de voto electrónico, as enquisas amosan unha práctica igualdade na intención de voto entre Rousseff e Silva, con escasas marxes de vantaxe para cada unha das candidatas, ocupando unha ampla franxa electoral estimada aproximadamente no 30-45%.
 
Esta perspectiva anuncia a máis que probable realización dunha segunda volta electoral, prevista para o 26 de outubro, onde os pactos políticos cobrarán importancia estratéxica, en especial de cara a lograr o eventual apoio de Neves e do seu partido así como a atracción do voto dos indecisos.
 
Estes comicios supoñen o test político máis difícil para un PT, o partido gobernante desde 2003, cando chegou ao poder da man do seu histórico líder e ex presidente Lula da Silva. Como sucedera na pasada elección de 2010, as incertezas sobre o seu liderado e a progresiva caída de popularidade de Rousseff dirimiron a imperiosa participación de Lula na campaña electoral a favor da candidatura da actual presidenta, un aspecto que cobra unha importancia capital para un PT desexoso de instaurar unha inédita hexemonía política de esquerdas na historia contemporánea de Brasil, gobernando consecutivamente a través de eleccións democráticas ata 2019. Neste sentido, o PT se aferra como estratexia electoral ao impacto do balance social herdado dos gobernos de Lula, en particular da saída da pobreza extrema de máis de 30 millóns de brasileiros.
 
Con todo, a emerxencia da candidatura de Silva, quen substitúe ao falecido Eduardo Campos (en agosto pasado nun accidente de aviación) como candidata do PSB, introduce unha densa discusión sobre o modelo político, de desenvolvemento e incluso da xeopolítica brasileira. Co foco nos escándalos de corrupción nas elites de poder do entorno de Lula e Dilma, particularmente no caso da estatal petroleira PETROBRAS, Silva propón reformas no sistema político, unha política ecoloxista que contraste co modelo económico imperante e incluso un cambio de orientación xeopolítica, mais proclive a achegarse a EUA e Europa, potenciando un secular debate na política exterior brasileira establecido entre “autonomistas” e “liberais”.

b) As eleccións e o modelo de desenvolvemento

O peso estratéxico de Brasil a nivel hemisférico e, con cada vez maior intensidade, a nivel global, aconsella seguir con atención os comicios presidenciais previstos para o próximo 5 de outubro. Neste sentido, o pulso electoral entre Dilma Rousseff e Marina Silva, que igualmente dirime unha aproximación de xénero na política latinoamericana, determina a posibilidade de constatar determinados cambios que poden resultar decisivos para Brasil e o seu modelo de desenvolvemento.
 
Rousseff preséntase á reelección amparada na maquinaria política e burocrática do PT, así como na figura de Lula. Non obstante, as incertezas sobre o seu liderado, en particular sobre o modelo socioeconómico derivado da súa xestión presidencial desde 2011, ampararon a súa progresiva caída de popularidade, particularmente visible nas protestas cidadás que desde mediados de 2013 demandan maior atención e melloras en áreas tan sensibles como a educación e a sanidade pública.
 
Pola súa banda, Silva, unha ex ministra de Lula disidente do PT desde que en 2006 liderou diversas acusacións de presunta corrupción contra o entorno de poder en Brasilia, preséntase como unha alternativa visiblemente aleatoria e flutuante, tendo en conta que ven variando un discurso inicialmente máis á esquerda do PT para progresivamente adoptar un centrismo e incluso matices liberais, particularmente polo apoio recibido de diversos sectores económicos contrariados pola xestión macroeconómica de Rousseff.
 
Neste sentido, nesta campaña, ademais de liderar un movemento ecoloxista como o PV, Silva logrou acompañarse dun partido cunha forte estrutura política e militancia a nivel nacional como o é o PSB, tralo pasamento do seu líder Eduardo Campos o pasado 13 de agosto. Paralelamente, a súa condición de fervorosa practicante evanxélica supón outro factor electoralmente mobilizador para gañar adeptos nun sector fortemente asentado e en auxe en Brasil.
 
Á vista do reto que supón o ascenso de Silva así como a práctica certificación de que Brasil irá a unha segunda volta electoral en novembro, Rousseff e o PT vense igualmente contrariados polos recentes escándalos de corrupción en PETROBRAS, os cales potenciarían a necesidade de revisión do modelo de desenvolvemento socioeconómico, un tema electoral imprescindible para Silva, especialmente na área ambiental.
 
Neste sentido, diversos sectores, entre os que aparecerían aqueles que apoian a candidatura de Silva, premen pola privatización da estatal petroleira, un aspecto absolutamente rexeitado por Rousseff e o PT, que ansían potenciar a PETROBRAS como a ferramenta chave do desenvolvemento económico brasileiro, con énfase na explotación enerxética no presal ou plataforma marítima atlántica.
 
O obxectivo do PT cífrase en converter a Brasil nun país enerxeticamente autosuficiente e exportador neto, con proxectos de explotación previstos ata o 2020 para producir máis de 4 millóns de barrís diarios e sinalando a industria petroleira como baluarte para seguir mantendo os programas sociais consolidados polo PT no poder.
 
Non obstante, a actual mandataria brasileira pondera igualmente as presións exteriores emanadas dos recentes datos macroeconómicos que visualizan unha recesión económica para Brasil en 2014, aderezados coa expectativa dun lixeiro aumento da inflación. Esta presión dos mercados financeiros obrigaron a Rousseff a retirar uns 3.500 millóns de reais (aproximadamente 1.150 millóns de euros) do Fondo Soberano brasileiro para cumprir con pagos da débeda pública.
 
Do mesmo xeito, as acusacións de corrupción de Silva van orientadas a convencer ao electorado brasileiro da persistencia do sistema de nepotismo imperante nos gobernos do PT con Lula e Rousseff, e que ten en PETROBRAS o foco principal.
 
Noutra orde de ideas, o pulso entre Rousseff e Silva revela a tensión entre as elites e tecnocracias preponderantes no Brasil contemporáneo, elites tecnócratas moitas delas inseridas de PETROBRAS e do entramado estatal e administrativo que converten á estatal petroleira nun especie de emporio estratéxico hexemónico para o PT.

Un dato electoral chave que pode decidir o curso dos próximos comicios, tanto na primeira como na segunda volta, estará centrado no pulso entre as rexións do Sur e do Sueste brasileiro (Río de Janeiro, Sao Paulo, Pernambuco, Belo Horizonte, Paraná, Goiás, Roraima), as que concentran o maior desenvolvemento económico e o parque industrial, onde Silva disputa con forza a tradicional hexemonía do PT. Este radio xeográfico concentra o voto de 45 millóns de brasileiros e a súa inclinación electoral terá moito que decidir nos próximos comicios.

c) As eleccións e a xeopolítica brasileira

Finalmente, a xeopolítica xoga un papel estratéxico neste comicios presidenciais brasileiros, non só polos imperativos establecidos para a política exterior e os modelos de cooperación adoptados polo Brasil do PT senón en canto atinxe á tendencia electoral progresista e de esquerdas establecidas a nivel hemisférico desde 1999, aspecto no que o PT ten exercido de referencia política.

 
Se ben ambas candidaturas anúncianse de esquerdas, as súas respectivas propostas poden confirmar ou ben alterar o péndulo xeopolítico brasileiro. Rousseff seguirá fomentando unha política exterior “autónoma” para Brasil de cara a potenciar marcos de cooperación coas potencias emerxentes (BRICS, IBSA), así como de asociación estratéxica (China) e da revitalización dos marcos de integración rexional (MERCOSUR, UNASUR, CELAC).
 
Pola súa banda, co foco nunha “economía ecolóxica”, Silva ven criticando a presunta tendencia “hexemónica” da política exterior do PT, así como a frontal defensa de Rousseff de determinados gobernos (Venezuela, Cuba e incluso Arxentina), observados con contrariedade e tensión dende Washington e os seus aliados rexionais.
 
Deste xeito, Silva semella buscar repotenciar aos sectores considerados como “liberais”, que defenden un reacomodo da política exterior brasileira cara EUA e de abrir os canais dun novo acordo de asociación coa Unión Europea, así como tentar contentar a diversos sectores tecnocráticos e dos mercados internacionais.   
 
Por tanto, a definición electoral en Brasil concreta un pulso de modelos de desenvolvemento e de orientación xeopolítica curiosamente protagonizados principalmente por dúas candidaturas de esquerda. A repercusión hemisférica destes resultados electorais son evidentes, con especial impacto nun ciclo electoral 2014-2017 decisivo para as forzas progresistas e de esquerdas gobernantes na rexión.

IGADI, 29 de setembro de 2014.