IgadiPaper nº144 - América Latina: perspectivas no ciclo electoral 2014-2019

IgadiPaper nº144

América Latina: perspectivas no ciclo electoral 2014-2019 

(17/2014)

América Latina: perspectivas no ciclo electoral 2014-2019 

a) Introdución
IgadiPaper nº144 - América Latina: perspectivas no ciclo electoral 2014-2019

Coincidindo cun novo ciclo electoral ata 2019, América Latina vai dirimir un prolongado pulso político entre as forzas progresistas e de esquerdas politicamente predominantes na rexión e a complexa reconstitución de novas forzas de oposición, particularmente visibles na  aparición de novos actores de contestación cidadá metabolizados pola presión dos tradicionais intereses clasistas e partidistas así como da atenta mirada dos mercados financeiros internacionais.
 
Este péndulo político e electoral, derivado das expectativas sobre a continuidade e consolidación das forzas progresistas hexemónicas en contraposición coas perspectivas de posibles cambios de tendencias e de modelos políticos e de desenvolvemento, igualmente definirá un pulso hexemónico sobre os modelos de integración hemisférica actualmente existentes, en particular á hora de medir o radio de incidencia que terán os diversos marcos de integración, con especial atención na Alianza do Pacífico, a UNASUR, o MERCOSUR, a CELAC e a ALBA, dentro da evolución dos próximos procesos electorais.

b) A reconfiguración do péndulo político

O péndulo político latinoamericano afronta un novo ciclo electoral. Entre 1998 e 2013, a rexión evidenciou inéditos cambios políticos e de modelos de desenvolvemento, principalmente propiciados pola pluralidade de movementos e partidos progresistas, nacionalistas e de esquerdas que alcanzaron democraticamente o poder en países como Venezuela, Brasil, Bolivia, Nicaragua, Uruguai, Arxentina, Perú, Ecuador e O Salvador, entre outros.
 
En consecuencia, a apertura do período electoral 2014-2019 identifica un novo escenario, o cal calibrará a eventual consolidación desa orientación progresista de esquerdas confrontada coa asunción de novos actores contestatarios, sen menoscabar o peso das forzas opositoras e reaccionarias tradicionalmente existentes, e a posibilidade de que este proceso poida deparar cambios de tendencias políticas e sociais na rexión.
 
Estas alternativas contestatarias agrupan unha complexa amalgama de movementos cívicos, algúns deles aparentemente despolitizados ou sen liderados nin estruturas políticas definidas, nas que o ascenso de novas capas sociais, un visible relevo xeracional e a utilización de novas tecnoloxías (redes sociais) constitúen os seus principais sinais de identificación. Paralelamente, estes novos actores vense contextualizados e incluso polarizados pola incidencia, influencia e incluso presión por parte dos partidos e movementos políticos tradicionalmente existentes dentro do establishment latinoamericano, especialmente á hora de identificalos en termos de representación política.
 
Noutros casos, estes novos actores contestatarios observan a súbita aparición de liderados alternativos provistos dunha nova imaxe política, nalgúns casos persuadidos en atraer, polarizar e incluso contrastar os apoios electorais das clases populares e das novas clases medias en ascenso.

c) Os focos de atención electoral

A intensidade deste pulso ten maior transcendencia xeopolítica nos recentes comicios presidenciais brasileiros, cunhas expectativas cifradas no ballotage previsto para o próximo 26 de outubro, que igualmente coincide cos comicios presidenciais en Uruguai.   
 
En Brasil está en xogo a pervivencia da hexemonía política establecida polo Partido dos Traballadores (PT), no poder desde 2003. Neste sentido, a reelección presidencial de Dilma Rousseff (41% dos votos na primeira volta) vese seriamente contrastada pola sorprendente votación alcanzada polo seu rival Aécio Neves (Partido Social Demócrata, PSDB), quen se erixe como unha alternativa centrista e liberal que pretende igualmente atraer os espazos de descontento cidadá coa xestión de Dilma e do PT.
 
Con todo, o pulso electoral PT-PSDB de cara á segunda volta define a clásica bipolaridade imperante nas últimas dúas décadas dentro do sistema político brasileiro entre “petistas” e “tucanos”, traducida igualmente nas influencias dos ex presidentes Lula da Silva (PT) e Fernando Henrique Cardoso (PSDB) dentro dos seus respectivos partidos.
 
A súbita aparición dun nivel de descontento cidadá contra Rousseff tivo o seu particular énfase na denuncia dos escándalos de corrupción no entorno do poder (co epicentro na estatal enerxética PETROBRAS) e ante o oneroso custe orzamentario en infraestruturas para acometer diversos eventos deportivos (Copa FIFA Confederacións 2013, Mundial de Fútbol 2014, Xogos Olímpicos 2016).
 
As protestas cidadás de 2013-2014 implicaron en Brasil a aparición dun novo actor social, politicamente amorfo e aparentemente despolitizado, que os sectores opositores ao PT tentan aceleradamente monopolizar buscando o seu apoio electoral.
 
Neste sentido, a tentativa máis visible foi a candidatura da ecoloxista e disidente do PT, Marina Silva (Partido Verde-Partido Socialista Brasileiro), cunha irradiación que pasará agora a mans de Neves e do PSDB, ameazando seriamente as aspiracións de reelección de Dilma e igualmente contrariando a pretensión hexemónica dun PT que espera gobernar ata o 2019. En calquera caso, e independentemente do resultado desta segunda volta, o PT moi probablemente verase persuadido a acometer unha etapa de sucesión post-Dilma.
 
Con menor peso xeopolítico, Uruguai reproduce un contexto similar ao caso brasileiro. A hexemonía política e electoral da progresista Fronte Ampla (FA) gobernante desde 2004, vese agora contrariada pola (re) agrupación das forzas opositoras, particularmente pola conxunción de intereses electorais entre conservadores, centristas e liberais.
 
Neste contexto, a FA do presidente Pepe Mújica acude coa candidatura do seu antecesor, o ex presidente Tabaré Vázquez (2004-2009), nun contexto de complexidades derivadas dos efectos da crise económica internacional nun país periférico como Uruguai.
 
Este escenario está sendo aproveitado polo súbito avance do candidato opositor Luís Alberto Lacalle Pou (41 anos, Partido Nacional), fillo doutro ex presidente uruguaio. Esta candidatura ofrecería unha imaxe de renovación dentro das forzas opositoras, simbolizada nun cambio xeracional claramente orientado a contrariar a imaxe máis veterana da FA baixo Mújica e Tabaré.
 
No relativo ao contexto electoral 2015, tres países deben encarar eleccións clave: Arxentina (presidenciais en outubro), Venezuela (lexislativas en decembro) e México (lexislativas en xuño). Nesta conxuntura, o “kirchnerismo” na Arxentina e o “post-chavismo” en Venezuela actualmente liderado polo presidente Nicolás Maduro e o Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), xogaranse as súas respectivas hexemonías políticas ante a reconstitución das forzas opositoras e un marco de crise socioeconómica
 
Desestimada calquera iniciativa legal para reconducir unha nova candidatura para a presidenta Cristina Fernández de Kirchner, o “kirchnerismo” gobernante desde 2003 baixo a Fronte para a Vitoria (FpV) deberá someterse a unha sucesión política que se presume incerta, toda vez a oposición tentará aproveitar este contexto coa candidatura do peronista disidente Sergio Massa e dunha dereita liberal rabiosamente anti-kirchnerista, liderada polo gobernador de Bos Aires, Mauricio Macri.
 
No caso venezolano, o “chavismo” tenta manter a súa hexemonía desde 1998 acometendo problemas crónicos (inseguridade cidadá, crise económica, corrupción) e as expectativas dun eventual novo liderado nunha plataforma opositora, a Mesa pola Unidade (MUD), fortemente fracturada entre sectores radicais e moderados, tal e como se evidenciou durante as violentas protestas contra Maduro entre febreiro e abril de 2014.
 
A MUD debeu afrontar unha urxente reconstitución coa elección como novo secretario xeral de Jesús “Chúo” Torrealba, un comunicador social ligado a sectores populares. Esta elección supón unha clara tentativa da MUD orientada a “xogar no terreo” tradicionalmente “chavista”.
 
Estes comicios para renovar a Asemblea Nacional en 2015 son considerados como estratéxicos para o “chavismo” e a oposición, tendo en conta que moi probablemente definirán o mapa político venezolano a medio e longo prazo. No foco de atención están as eventuais tentativas opositoras de celebración dun referendo revogatorio contra Maduro (constitucionalmente factible a partir de 2016) así como a polarización do escenario político de cara ás eleccións presidenciais de 2019.
 
Por outra banda, os comicios lexislativos mexicanos de xuño de 2015 supoñen a aposta política do presidente Enrique Peña Nieto (Partido Revolucionario Institucional, PRI) para consolidar o seu programa de reformas estatais (sector enerxético, combate á corrupción e o narcotráfico) e para sentar as bases da súa eventual reelección presidencial en 2018. En materia exterior, Peña Nieto impulsa unha estratexia na que predominará o avance da Alianza do Pacífico e o equilibrio nas súas relacións con EUA e China.
 
No ciclo 2016-2017 sinálanse outras tres eleccións clave. Outro membro da Alianza do Pacífico, o presidente peruano Ollanta Humala (Partido Nacionalista Peruano) medirá os embates da súa caída de popularidade nos comicios presidenciais de 2016 sen aínda definir unha candidatura, coas expectativas centradas na eventual entronización da súa esposa Nadine Heredia.
 
En Nicaragua, o presidente Daniel Ortega (Fronte Sandinista de Liberación Nacional, FSLN), no poder desde 2006, buscará unha nova reelección nun contexto igualmente polarizado, á vista dos obstáculos constitucionais para a reelección, a presión exterior polo seu achegamento ao eixe da ALBA e os avances na construción da Canle de Nicaragua, que contando coa cooperación de China supón un claro desafío para a pretendida ampliación da Canle de Panamá (2015).
 
Finalmente, o presidente ecuatoriano Rafael Correa, no poder desde 2007, buscará consolidar con favorables expectativas a hexemonía política da súa formación Alianza País (AP) e o proxecto de “refundar Ecuador”, nuns comicios presidenciais onde as forzas conservadoras comezan a organizarse para tentar erosionar a súa popularidade.
 
Como paréntese, a recente e abraiante reelección do presidente boliviano Evo Morales, no poder desde 2005, constitúe un suceso histórico que, ao mesmo tempo, confirma a pervivencia e consolidación dos modelos progresistas e indixenistas actualmente no poder.

d) Tensión na integración hemisférica

Con este ciclo electoral en marcha, está por ver en qué medida os eventuais cambios políticos exercerán unha tensa evolución dos marcos de integración hemisféricos e dos seus imperativos xeopolíticos.
 
O foco de atención estará centrado no rumbo electoral e dos modelos de desenvolvemento e de integración impulsados desde países estratéxicos como Brasil, Arxentina e Venezuela.
 
Neste sentido, o avance da Alianza do Pacífico, creada en 2012 por México, Colombia, Perú e Chile, define igualmente un marco de influencia para Washington a través da Iniciativa Transpacífico impulsada polo presidente Barack Obama en 2011, toda vez os mercados financeiros decántanse claramente por fortalecer este mecanismo de integración. No actual contexto, a Alianza do Pacífico obtivo un triunfo electoral coa reelección presidencial en maio pasado de Juan Manuel Santos en Colombia.
 
Neste sentido, a presión estará con toda probabilidade concentrada en Brasil en caso de triunfar Aécio Neves na segunda rolda electoral. Este escenario terá efectos inmediatos sobre a conxuntura política en organismos de integración como MERCOSUR, CELAC e UNASUR, así como dos seus socios exteriores estratéxicos (principalmente China), tendo en conta que ambas perspectivas constitúen apostas estratéxicas para os actuais gobernos de Brasil, Venezuela e Arxentina.
 
A mesma perspectiva preséntase para unha ALBA en fase expectante, sen o impulso de antano, a pesar do seu importante triunfo coa recente reelección de Evo Morales. A presión da Alianza do Pacífico e dos seus sectores afíns cara a área de influencia da ALBA será cada vez máis evidente. Ecuador, membro da ALBA, está estudando a posibilidade de integrarse na Alianza do Pacífico, desequilibrando así a xeopolítica do eixe da ALBA.
 
Se ben O Salvador non é membro formal da ALBA, a axustada reelección presidencial en marzo de 2014 da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), a instancias do actual mandatario Salvador Sánchez Cerén, intensificou as presións exteriores tomando en conta os fluídos contactos que desde 2006 mantén o FMLN co goberno venezolano a través de diversos programas sociais da ALBA. Idéntica perspectiva podería observarse no caso da Nicaragua sandinista de Ortega  de cara aos comicios presidenciais de 2016.
 
Paralelamente, a Alianza do Pacífico comeza a deseñar mecanismos de achegamento co MERCOSUR, a UNASUR e a CELAC, con evidentes expectativas cifradas en reducir o peso xeopolítico de Brasil dentro destes organismos de integración, así como en polarizar a inclinación electoral cara a esquerda en América do Sur, tanto como a súa aposta por afianzar modelos alternativos de integración afastados da ideoloxía neoliberal.

IGADI, 17 de outubro de 2014