IgadiPaper nº154 - Panamá, 10-11 de abril de 2015. VII Cumio das Américas: ¿unha nova relación hemisférica?

IgadiPaper nº154

Panamá, 10-11 de abril de 2015. VII Cumio das Américas: ¿unha nova relación hemisférica?

(06/2015)

Panamá, 10-11 de abril de 2015
VII Cumio das Américas: ¿unha nova relación hemisférica?

a) Introdución
IgadiPaper nº154 - Panamá, 10-11 de abril de 2015. VII Cumio das Américas: ¿unha nova relación hemisférica?

Centrada a súa atención na histórica apertura entre Cuba e EUA, así como na polarización hemisférica establecida polas sancións de Washington contra funcionarios do goberno venezolano (marzo de 2015), o VII Cumio das Américas celebrado en Cidade de Panamá entre o 10 e 11 de abril, oficialmente inaugurado en torno ao lema “Equidade na Prosperidade”, anunciaría o ensaio de novos trazos, aínda que moderadamente perceptibles, dunha relación hemisférica distinta, particularmente entre Washington e os países latinoamericanos.

A pesar de non subscribirse unha declaración final, imperou un amplo consenso nas discusións previas establecidas a nivel ministerial. É por iso que este cumio confirmou, cando menos simbolicamente, o fait accompli da apertura iniciada por Washington e La Habana en decembro pasado. Neste sentido, o histórico encontro entre os presidentes Raúl Castro e Barack Obama sinala as variables deste cambio de relación hemisférica, principalmente dende a percepción asumida de Washington que considera a reinserción hemisférica cubana como un elemento prioritario á hora de trazar as súas relacións co restos dos países do continente.

Con todo, o pulso hemisférico con maior capacidade de polarización cómpre referilo ás relacións entre EUA e Venezuela, cun incremento de tensión potenciado pola Orde Executiva do presidente Obama de marzo pasado, que considera a Venezuela como unha “ameaza para a seguridade e a política exterior de EUA”. Se ben suavizouse este tratamento nos momentos previos do cumio, toda vez o presidente venezolano Nicolás Maduro anunciou durante este encontro a súa vontade para dialogar con Washington, o tratamento deste tema será, con case total probabilidade, un asunto estratéxico de calado hemisférico, servindo para pulsar con maior nitidez a capacidade diplomática de resolución de conflitos, os resortes da nova relación hemisférica e a percepción que Washington ten da rexión.

Así, e dende unha perspectiva de carácter xeopolítico, o cumio das Américas de Panamá anunciaría unha nova política hemisférica por parte de Washington. A potenciación de mecanismos autóctonos de integración (CELAC, UNASUR, ALBA) e, principalmente, a relación estratéxica establecida por China na rexión, persuade a Washington a atopar novos mecanismos de relación, a fin de conseguir apoios e simpatías hemisféricas, amparado igualmente na recuperación económica estadounidense. Neste sentido deben observarse a distensión con Cuba, a iniciativa de Seguridade Enerxética no marco do CARICOM, as estratexias de colaboración financeira e de investimentos con América Central e as incertezas sobre como este novo marco hemisférico influirá na tensión con Caracas.  

b) Distensión na polarización

Resulta innegable que o VI Cumio das Américas celebrado o pasado 10-11 de abril en Panamá marcará os trazos dun novo rumbo hemisférico, particularmente na relación entre EUA e os países latinoamericanos, á vista da histórica distensión entre Washington e La Habana. Paralelamente, non deixa de ser moderadamente relevante que, en momentos en que o presidente estadounidense Barack Obama asistía a este cumio en Panamá, a ex secretaria de Estado Hillary Clinton (67 anos) anunciaba a súa candidatura presidencial 2016 para as primarias do Partido Demócrata, na liña dunha eventual sucesión de Obama.

Coas claras perspectivas de distensión entre Cuba e EUA, está por ver en qué medida irán orientándose estes pasos. Por citar algúns exemplos, Obama aínda non decidiu oficialmente a exclusión cubana da polémica listaxe de países que apoian o terrorismo internacional, e o cumio de Panamá tampouco marcou os prazos orientados cara unha apertura diplomática formal. En comparación, asómase outra perspectiva na relación entre EUA e Venezuela, particularmente desde a adopción da polémica Orde Executiva lanzada en marzo pasado polo goberno de Obama contra sete funcionarios venezolanos, así como o tratamento da “ameaza venezolana” para Washington emanada dese decreto.

Moi probablemente persuadidos da necesidade de potenciar neste cumio un clima de cordialidade, que non contrariase a distensión cubano-estadounidense, Caracas e Washington esforzáronse en reducir tensións nas declaracións previas ao encontro hemisférico, a pesar de que o discurso do presidente venezolano Nicolás Maduro (apoiado por varios países, entre eles Cuba, Nicaragua, Ecuador, Bolivia e Arxentina) concentrouse claramente en resaltar os perigos hemisféricos deste decreto, así como en esixir a Obama a súa derrogación.

Neste sentido, a crise venezolana calibrará o momento real desta nova relación hemisférica. Alén do eixe da ALBA, Washington observa a configuración de tácitas alianzas hemisféricas que, dun xeito frontal ou moderado, semellan mais favorables ás demandas de Caracas, entre as que destacan a CELAC e a UNASUR. Este panorama persuadiría a Obama a tentar evitar que a súa política de distensión con Cuba véxase radicalmente esvaecida pola tensión no caso venezolano.  

Estas variables definen en qué medida Obama tenta recuperar a súa credibilidade no concerto hemisférico. Pero ao consolidar unha diplomacia a dúas bandas con Cuba e Venezuela asume igualmente fortes riscos para esta pretendida recuperación da credibilidade, así como da súa eficacia.

Neste ambiente de distensión e tensión, o cumio de Panamá definiu un amplo consenso na maioría das temáticas abordadas, principalmente de carácter social e ambiental, destacando o fortalecemento da educación a través dun sistema hemisférico, o acceso á saúde, á enerxía e á diversidade das súas fontes, a restauración do medio ambiente e a protección dos inmigrantes.

c) A ecuación enerxética de Obama

Pero existen outras variables onde a aparente nova páxina da política hemisférica de Washington pode verse igualmente contrariada, ou mais ben confirmada. Previo ao cumio de Panamá, Obama visitou Xamaica no marco dunha reunión cos membros da Comunidade do Caribe (CARICOM), ocasión na que presentou a súa Iniciativa de Seguridade Enerxética para a rexión caribeña. Posteriormente, en Panamá, Obama reuniuse co anfitrión, o mandatario Juan Carlos Varela, así como con representantes do Sistema de Integración Centroamericana (SICA), con claras intencións de abrir un marco de relación económica, de investimentos e inmigración na área centroamericana.

Ambas iniciativas na CARICOM e na SICA implican imperativos de carácter xeopolítico para Washington. Durante un cumio de Seguridade Enerxética no Caribe realizado na capital estadounidense en xaneiro pasado, o vicepresidente estadounidense Joseph Biden informou sobre esta iniciativa enerxética, con claros trazos de diminuír a dependencia enerxética caribeña de mecanismos de subministro como PETROCARIBE, impulsado por Venezuela a través da ALBA, e que conta con presenza en Cuba, Nicaragua, República Dominicana, Xamaica e outras illas caribeñas.

Os desaxustes observados no sector petroleiro venezolano e, particularmente, a redución dos prezos no mercado enerxético global, complicarían a viabilidade do mecanismo PETROCARIBE. Segundo un informe elaborado polo banco Barclay´s a finais de marzo pasado, apréciase unha notoria redución no subministro de PETROCARIBE, estimada nun 50% desde 2012 (de 400.000 aos 200.000 barrís diarios actuais) de cara a países principalmente beneficiarios (Cuba, República Dominicana e Xamaica), propiciando un déficit fiscal estimado para Caracas en US$ 22.000 millóns a finais de 2015 ([1]).

Debe por tanto observarse en qué medida comezarán a fraguarse as novas perspectivas xeopolíticas hemisféricas traducidas nesta ecuación enerxética de Obama, contida na súa apertura cara Cuba, e particularmente no relativo á diminución (e progresiva cancelación) do subministro petroleiro venezolano a través de PETROCARIBE, reducindo así a súa presenza na área caribeña e igualmente contribuíndo a afogar economicamente a Caracas.

Desta ecuación non está exenta a eventual apertura estadounidense cara Irán, outro obxectivo da política exterior de Obama que comeza a cobrar forza tralo recente acordo nuclear entre Teherán e o G5+1 establecido a principios de abril en Lausana (Suíza). De progresivamente materializarse esta apertura, e observando igualmente a posibilidade de maior diminución dos prezos petroleiros, Teherán podería vender excedente petroleiro aos países caribeños, complicando así a estabilidade do mecanismo PETROCARIBE. Por tanto, o novo contexto amósase contrariado para o goberno de Maduro, socavado pola crise económica, a falta de liquidez financeira e as consecuencias das novas ecuacións hemisféricas impulsadas por Washington, que eventualmente poden alterar as relacións de Caracas con Washington e La Habana.

d) China na recámara

Outro escenario de carácter colateral e con perspectivas mais orientadas a medio e longo prazo que nos deixa este VII Cumio das Américas de Panamá, ten que ver co contexto de relacións estratéxicas establecidas nos últimos anos entre China, América Latina e EUA.

Tralo cumio de Panamá, a voceiro chinesa de Exteriores, Hua Chunying, amosou a benevolencia de Beijing por este novo marco hemisférico de relacións entre EUA e América Latina, sempre que estea baseado no “respecto mutuo e a non inxerencia”. Estas declaracións realizáronse a propósito dunha serie de informacións sobre unha presunta “loita” entre China e EUA por manter esferas de influencia en América Latina([2]).

A incidencia deste eventual pulso entre China e EUA na rexión cobrou maior intensidade trala celebración na capital oriental do cumio China-CELAC en xaneiro pasado, así como das asociacións estratéxicas que Beijing mantén con países latinoamericanos como Venezuela, Brasil, Cuba e Arxentina, entre outros. No marco da CELAC, foro no que están incluídos 33 países latinoamericanos e caribeños sen a presenza de EUA e Canadá, China prometeu a apertura de fondos de investimentos valorados en US$ 35.000 millóns para proxectos de infraestruturas e desenvolvemento.

Na actualidade, China é o segundo socio económico da rexión, por detrás de EUA, cun volume de investimentos e de intercambio económico valorado en US$ 260.000 millóns, e que ambas as dúas partes esperan ampliar a US$ 500.000 millóns na próxima década([3]). Nesta perspectiva, países como Venezuela dependen financeiramente da asistencia e investimentos chineses, outros como Cuba e Brasil manteñen fortes vínculos comerciais con China e outros como México, Chile, Perú e Arxentina aceleran os seus vínculos co xigante oriental.

Os síntomas de recuperación e fortalecemento da economía estadounidense, en comparación coas perspectivas de eventual desaceleración establecidas para China  e, dende a óptica hemisférica, de cara a outros países estratéxicos como Brasil, son variables que igualmente convencerían a Washington a retomar a iniciativa, acelerando novos mecanismos de relación con claros imperativos xeopolíticos. Neste sentido, as iniciativas CARICOM e SICA supoñen para Washington apostar en escenarios estratéxicos dentro da súa periferia xeopolítica, onde actores como Cuba, Venezuela, Brasil e China igualmente ocupan intereses prioritarios. En perspectiva, esta visión estratéxica por parte de Washington moi probablemente exerceu un efecto de maior calado, complementado co simbolismo histórico establecido pola apertura cara Cuba que retrata este Cumio das Américas de Panamá.  

IGADI. 13 de abril de 2015.


([1]) DELGADO, Antonio María, “Venezuela recorta a la mitad la asistencia petrolera a Cuba y el Caribe”, El Nuevo Herald (EUA), 25 de marzo de 2015. Ver en: http://www.elnuevoherald.com/noticias/mundo/america-latina/venezuela-es/article16310159.html

([2]) “China niega estar en lucha con EEUU en América Latina”, Pueblo en Línea (China), 10 de abril de 2015. Ver en: http://spanish.peopledaily.com.cn/n/2015/0411/c31621-8876919.html

([3]) FONTDEGLOIRA, Xavier, “China se afianza en América Latina”, El País (España), 7 de xaneiro de 2015. Ver en: http://internacional.elpais.com/internacional/2015/01/06/actualidad/1420584648_865524.html