images publicacions IgadiPaper92

IgadiPaper nº92

Venezuela: perspectivas ante a reelección de Chávez

(16/2012)

Venezuela: perspectivas ante a reelección de Chávez

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper92

Como incontestable e sólida debe cualificarse a cuarta reelección presidencial do mandatario Hugo Chávez (58 anos) nos comicios celebrados en Venezuela o pasado 7 de outubro. Co aval de 7.444.082 votos, correspondendo ao 54,42% do total, Chávez asumirá un novo mandato presidencial, desta vez para o período 2013-2019, superando así ao candidato opositor Henrique Capriles Radonski (40 anos), abandeirado da Mesa pola Unidade Democrática (MUD), quen obtivo 6.151.544 votos, un 44,97% do escrutinio total.

O resultado consolida e lexitima unha vez mais tanto o liderado de Chávez como a continuidade do proceso de cambio iniciado en 1999, baixo o reclamo da Revolución Bolivariana e do modelo do Socialismo do Século XXI. Paralelamente, debe salientarse a consolidación do sistema democrático reflectida na elevada participación electoral, cun índice que foi do 80,2%; na transparencia e rapidez do escrutinio; no clima de civismo rexistrado durante os comicios; e finalmente no inmediato recoñecemento da vitoria de Chávez por parte de Capriles e a oposición.

En paralelo, os comicios do 7/O abren un momento de definicións e non menos incertezas para o devir sociopolítico venezolano, cun mapa electoral que debe completarse a curto prazo cos comicios de gobernadores previstos para decembro próximo e as eleccións municipais a celebrar en abril de 2013. Cun novo período presidencial de seis anos por diante, Chávez completará en xaneiro de 2013 a mais prolongada hexemonía política da historia contemporánea venezolana, con catorce anos de goberno referendados en diversos procesos democráticos, que se ampliarán a dúas décadas no poder unha vez complete o próximo período en 2019. 

As incertezas políticas dentro do “chavismo” se cifran basicamente no estado real da saúde de Chávez, en particular trala detección dun cancro a mediados de 2011, e como este factor exercerá unha evidente influencia política directa na consolidación institucional e social do seu modelo revolucionario e ante a eventualidade de definir unha sucesión presidencial. Albíscanse, por tanto, eventuais escenarios de tensión e confrontación internas dentro do “chavismo” para posicionarse nas estruturas de poder e, principalmente, erixirse como eventuais sucesores dun liderado practicamente insubstituíble, á vista do carisma e enerxía esgrimidos por Chávez.

Escenario levemente reproducible no caso da oposición, quen nestas eleccións logrou aumentar levemente o seu número de votantes, como consecuencia do desgaste e comprensible erosión dentro do “chavismo” tras catorce anos do poder. Cómpre observar agora se Capriles Radonski logrará ou non consolidar o seu liderado dentro da MUD así como se esta heteroxénea plataforma opositora asegurará a continuidade da súa pretendida unidade, en especial de cara aos próximos comicios de gobernadores e alcaldes.

Outros aspectos que gravitarán como esenciais no próximo período presidencial de Chávez teñen que ver coa aínda persistente polarización sociopolítica, os alarmantes índices de inseguridade cidadá e a crise económica, en particular ante a elevada inflación, a excesiva dependencia do mercado petroleiro, a necesidade de manter o gasto público social e as tensións permanentes cos sectores privados a resultas do pretendido avance do modelo socialista, en especial polo fortalecemento do sector estatal. 

b) Un “chavismo sen Chávez”?

A cuarta reelección presidencial de Hugo Chávez alcanzada trala vitoria electoral do pasado 7 de outubro confirma un indubidable liderado que transformou profundamente os cimentos da vida pública venezolana da última década. Á vista das diversas dificultades e retos que debeu afrontar nos seus tres mandatos anteriores (1999-2000; 2000-2006; e 2006-2012) nun país visiblemente polarizado, este liderado impulsado polo seu carisma e enerxía confire a Chávez unha salientable capacidade de resistencia, supervivencia e visión estratéxica que, principalmente, se reafirma ante as incertezas suxeridas trala detección a mediados de 2011 dun cancro aparentemente superado.

Por tanto, a saúde de Chávez eríxese nun principal factor político de influencia a medio e longo prazo para Venezuela. Este aspecto cobra especial importancia ante a evidencia de que a revolución “socialista e bolivariana” precisa indefectiblemente de Chávez como “líder máximo” impulsor deste proceso. Non se outean eventuais liderados internos dentro do “chavismo” que reúnan o suficiente carisma, capacidade de proxección e visión estratéxica necesarios para impulsar con forza a consolidación deste modelo.

Paralelamente, a aínda inacabada consolidación a nivel institucional e social do proceso revolucionario incrementa estas incertezas, fraguadas igualmente pola posible emerxencia de tensións internas dentro do “chavismo”, derivadas dunha eventual loita pola sucesión, sen desprezar a erosión que pode experimentar o “chavismo” a nivel social ante o presumible desgaste da xestión gobernamental e pola persistencia da polarización social e política venezolana.

Estas incertezas sobre a eventualidade dun “chavismo sen Chávez” e a posibilidade de definición dun liderado substitutivo foron temporalmente aparcadas unha vez o presidente venezolano obtivo o triunfo no referendo de reforma constitucional sobre a reelección indefinida celebrado en febreiro de 2009. Non obstante, a inesperada detección do cancro a partir de mediados de 2011 intensificou as especulacións e expectativas sobre qué sucedería en caso de ausencia de Chávez e se realmente existe a noción dun “chavismo sen Chávez”.

Observando a composición actual do goberno, cómpre considerar a existencia de diversos “pesos pesados” dentro do “chavismo”, que eventualmente poden figurar como presumibles candidatos a sucedelo. Cabe sinalar: o ministro de Exteriores Nicolás Maduro; o vicepresidente Elías Jaua; do presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello; e inclusodo irmán do presidente, o actual gobernador do estado Barinas Adán Chávez. Todos eles igualmente ocupan cargos directivos dentro do comando táctico nacional do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) pero, ao mesmo tempo, aparentemente lideran diversas perspectivas e intereses de poder dentro do “chavismo” que moi probablemente aflorarán en caso de eventual ausencia presidencial por razóns de saúde.

Neste sentido, o artigo 233 da actual Constitución da República Bolivariana de Venezuela establece que “se a falta absoluta do Presidente ou da Presidenta da República se produce durante os primeiros catro anos do período constitucional, se procederá a unha nova elección universal, directa e secreta dentro dos trinta días consecutivos seguintes. Mentres se elixe e toma posesión o novo Presidente ou a nova Presidenta, se encargará da Presidencia da República o Vicepresidente Executivo ou a Vicepresidenta Executiva”. Fóra dos problemas de saúde, Chávez non tería electoral e politicamente en risco a súa presidencia ata mediados do seu mandato, isto sería en 2016, principalmente a resultas do eventual impulso por parte das forzas opositoras dun referendo revogatorio contra Chávez, tal e como ocorrera en agosto de 2004.

No caso de que a saúde presidencial force de forma inevitable o problema da sucesión, un factor de poder esencial estará en mans da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), probablemente o segmento de poder institucional mais homoxéneo e visible como garante da legalidade constitucional. Non sería tampouco descartable que a incapacidade por atopar unha sucesión adecuada para Chávez derive na conformación concertada dunha “dirección colexiada” en mans do actual Consello de Estado, que se complete coa anuencia da FANB e eventualmente da presenza de dirixentes da oposición.

c) A formación dun modelo comunitario

No marco político e ideolóxico, asúmese como incontestable para o próximo período presidencial a persistencia, afondamento e ampliación da revolución “socialista e bolivariana”, especialmente nun ámbito público onde comeza a erixirse como referencia a adopción dun modelo comunitario, a través da concreción dos Consellos Comunais como entidade política, social e territorial de afirmación do modelo revolucionario, incluso coa pretensión de eventual substitución das alcaldías e gobernacións.

Estes consellos, cuns núcleos embrionarios que comezaron a crearse a partir de 2007 en diversos sectores populares, estarían integrados por membros comunitarios facultados polo Poder Popular para administrar e solucionar os problemas da comunidade, expresando unha descentralización aparente do poder público que contrasta co posible risco de definir unha excesiva centralización política presidencial, á vista da dependencia destes consellos dos fondos públicos.

Non obstante, o escenario actual dentro do “chavismo” igualmente aduce doutros compoñentes non menos relevantes. É posible que a ampliación do modelo comunitario implique a aparición de novas forzas sociais con autonomía política que permitan consolidar o modelo revolucionario e que, ao mesmo tempo, intensifique unha especie de “masa crítica revolucionaria”, con maior capacidade tecnocrática e administrativa que equilibre certa tendencia oficial a preservar un excesivo acervo ideolóxico do proceso “socialista e bolivariano”.

De definirse como un modelo autónomo, os Consellos Comunais terían  especial incidencia na xestión e solución de problemas comúns nos que o goberno de Chávez amosa deficiencias, tales como a inseguridade cidadá, a eficacia dos servizos públicos ou a construción de novas infraestruturas, en especial o pretendido plan de construción de máis de dous millóns de vivendas que espera acometer o goberno en 2019.  Por tanto, e de asentarse e institucionalizarse este modelo comunitario no próximo período presidencial, estaríase observando un cambio absolutamente revolucionario no sistema político e social venezolano, definindo o ascenso de unidades populares que demandan ampliación da participación nas decisións públicas e na xestión dos problemas comunitarios e nacionais.

d) Qué pasará coa oposición

Todas estas variables (saúde presidencial, eventualidade dunha sucesión, ampliación do modelo comunitario, etcétera) gravitarán igualmente como factores específicos dentro da problemática relación entre Chávez e a oposición no próximo período presidencial 2013-2019.

Resta saber se, tralas eleccións do 7/0, Capriles Radonski logrará consolidar non só o seu liderado dentro da posición senón garantir e vertebrar aínda máis a incerta unidade da oposición agrupada na actual plataforma establecida pola MUD. Este escenario terá os seus momentos de definición de cara aos comicios de gobernadores de decembro próximo, as eleccións municipais de abril de 2013 e os comicios lexislativos para a conformación dunha nova Asemblea Nacional previstos en 2015, en particular ante as estratexias electorais que poida decidir unha oposición que nos últimos procesos electorais (municipais de 2008; lexislativas de 2010; e presidenciais de 2012) ven restando levemente votos ao “chavismo”.

Se ben os resultados do 7/0 outorgan a Chávez unha incontestable lexitimidade, o inevitable peso do “factor saúde”, a excesiva dependencia do seu liderado para avanzar no proceso revolucionario (que implicaría a eventual delegación de poderes) e os urxentes problemas de inseguridade cidadá, crise económica, deficiencia de servizos públicos e estado das infraestruturas, poderían abrir un canal inédito de cooperación entre o goberno e a oposición.

Neste sentido, celébrase como tacticamente esencial o clima de cordialidade mutua reflectido entre Chávez e Capriles Radonski tralo anuncio dos resultados electorais. Precisamente, a solución da inseguridade cidadá e dos servizos públicos podería implicar unha deriva “tecnocrática” do goberno de Chávez, dando pe a actores privados e públicos na xestión destes problemas, evitando afondar unha excesiva “politización” e “ideoloxización” dos mesmos. Pero as tensións poden aflorar se os sectores radicais, tanto dentro do “chavismo” como na oposición, esixen protagonizar o actual momento político, especialmente en temas sensibles como a propiedade privada, a polarización entre o goberno e os medios de comunicación e o avance do control estatal na economía.

e) Sen cambios na política exterior

Tampouco debe esquecerse o plano internacional. A pesar das friccións e tensións existentes a nivel continental polo “modelo Chávez”, a súa reelección presidencial foi inmediatamente recoñecida a nivel rexional, confirmando o mantemento dun statu quo hemisférico, especialmente en materia de integración rexional.

Chávez seguirá mantendo alianzas estratéxicas cos países do “eixe da ALBA” (Cuba, Nicaragua, Ecuador, Bolivia, illas caribeñas) mentres o recente ingreso venezolano en MERCOSUR propiciará a dinamización deste organismo e unha nova relación con Brasil e Arxentina, tradicionalmente simpatizantes coa revolución de Chávez. Incluso a participación venezolana na recente apertura de negociacións de paz en Colombia confirma o actual estado de distensión e cordialidade na relación bilateral entre Bogotá e Caracas. A nivel internacional, Chávez seguirá defendendo o modelo multipolar e multilateral, con especial atención en afianzar as relacións con China e, eventualmente, con Rusia e Irán.

Con respecto ás relacións con EUA, se ben non se observan variables de cambio, a mesma igualmente dependerá dos resultados dos comicios presidenciais estadounidenses previstos para novembro próximo. O prudente distanciamento na actual relación bilateral entre Washington e Caracas non se modificaría substancialmente en caso de eventual reelección do actual mandatario Barack Obama, pero pode traducirse en maiores tensións ante un retorno republicano en mans do candidato Mitt Rowney.  En todo caso, en Washington semellan persuadidos de que, a medio prazo, descartado as tentativas aventureiras, deberán afacerse a convivir con Chávez.

IGADI, 9 de outubro de 2012.