O retroceso de Europa

Ás portas dunhas novas eleccións europeas, a apatía cidadá e a “nacionalización” do debate semellan avanzar como lastres inevitables dos próximos comicios. Son poucos motivos de seu para o optimismo. A eles cumpriría sumar outro que non debería deixarse de lado e que, non obstante, podería axudar a comprender mellor a transcendencia do momento presente. Existe a convicción de que, cando menos, no asunto económico, Europa non o fai tan mal. A manifesta incapacidade para consensuar respostas efectivas á crise en curso constitúe unha mostra clamorosa do contrario, o cal vai limitar considerablemente as posibilidades de aproveitar as oportunidades que suxire ese tempo novo que agora mesmo estase a configurar e no que todos intuímos que haberá outros actores poderosos. Na práctica, podemos constatar con nitidez como a crise está a acelerar un dobre proceso: o de decadencia das economías máis ricas e o de emerxencia doutras realidades en proceso de transformación dende hai algunhas décadas. É o caso concreto de países como China e India, pero tamén de Brasil, Turquía ou Sudáfrica.

Antes da crise, a maior parte dos países europeos xa crecían a un ritmo lento (2% anual), pero agora deixaron de medrar e mesmo anúncianse caídas que van do 3% ao 6%. China xa adiantou a Francia, Reino Unido e Alemaña. Este ano probablemente deixará atrás a Xapón, afirmándose como a segunda economía do mundo. Mentres, a India prosegue o seu ritmo ascendente e nunha década, quizais menos, situarase como cuarta potencia mundial. Cando iso chegue, antes de que China supere a EEUU (hoxe representa a penas un terzo do volume estadounidense), tres países asiáticos estarán no grupo de cabeza das economías mundiais. E, por primeira vez en tres séculos, non haberá  presenza algunha europea.

A diferenza de Xapón, país rico e desenvolvido, China e India, dada a súa inmensa poboación, teñen por diante aínda un longo camiño para superar grandes e graves deficiencias internas. O seu PIB per capita seguirá sendo inferior durante décadas ao de europeos ou estadounidenses, pero o incremento do valor bruto das súas economías, a pesares desas taras, non deixará de ter consecuencias políticas destacables que afectarán, en primeiro lugar, á capacidade europea para proxectarse globalmente.