Misión cumprida!

As tropas estadounidenses comezaron a abandonar Iraq. Detrás queda un país devastado por tres décadas de guerra, sancións e ocupación. A sociedade, a economía e ata a paisaxe iraquí ofrecen un presente desolador, agravado agora pola persistencia das fracturas internas que enfrontan a xiítas e sunnitas, a árabes e kurdos, a baasistas e non baasistas, a defensores e opositores da ocupación estadounidense.

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Idiomas Galego

A preocupación por unha intensificación dos enfrontamentos entre kurdos e árabes non é a menor de todas as que figuran na axenda. A saída das tropas debilita as posicións kurdas, en boa medida protexidas por EEUU, a expensas agora das rendas petroleiras que lles transfira Bagdad para seguir financiando a súa autonomía no cacho do Kurdistán que administran.

Xunto ás rivalidades entre as diferentes comunidades, a seguridade é outro dos grandes problemas herdados. Certo que hoxe xa non son os 3.000 mortos mensuais de hai un par de anos, pero en maio aínda se contaron 225 vítima da violencia relacionadas directamente coa guerra e os seus efectos. Por outra banda, os desafíos económicos son dunha envergadura considerable. A produción dos seus grandes xacementos petrolíferos leva tempo en caída libre. En maio último, producía 2,41 millóns de barrís fronte aos 3,5 millóns de 1979. O ministro do Petróleo, Hussein Shahristani, non se lle ocorreu mellor solución que convocar ás multinacionais do sector para aumentar a produción, entregándolle o control dos mellores xacementos. A recuperación parcial da súa soberanía ten un prezo, pensarán moitos e non irán desencamiñados. As rendas obtidas deben servir para mellorar as oportunidades dunha poboación tan expectante como escéptica. A chaira da Mesopotamia bíblica, berce da agricultura e da irrigación, é hoxe unha zona árida, ao igual que o 92,5% do territorio do país. Bagdad converteuse nestes anos nun dos principais importadores mundiais de alimentos.

Non todo este penoso cadro é atribuíble á invasión estadounidense. O desastre comezou nos anos oitenta coa guerra contra Irán e seguiu despois coa derrota fronte a Kuwait, as sancións, etc., pero, sen dúbida, a partir de 2003, as circunstancias da guerra fixeron un terrible dano. Agora, co petróleo pasando a mans das grandes petroleiras, principalmente estadounidenses, si que pode dicirse que a misión de Bush cumpriuse en toda regra.