Iniciativas Destacadas do IGADI
O IGADI constituíuse o 10 de setembro de 1991. En 2016 cumpre 25 anos de existencia.

25 Tarefas en 25 Anos

Entre as accións promovidas neste cuarto de século destacamos:

Apartados xeográficos Otros
Palabras chave IGADI 25 anos
Idiomas Galego

Entre as accións promovidas neste cuarto de século destacamos:

1.      A creación do CIDIC (Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea).

Neste centro atópanse depositadas diversas series de publicacións de referencia no eido das relacións internacionais nun espazo documental único en Galicia.

2.      A promoción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a formulación dunha política de cooperación ao desenvolvemento coordinada cos intereses estratéxicos de Galicia.

O Fondo Galego é un piar do sistema de cooperación. O IGADI foi o seu inspirador e exerce a súa Secretaría avogando por un modelo diferenciado de cooperación que atenda tanto ao espazo local como a unha especialización xeográfica que privilexie o ámbito da lusofonía.

3.      A reivindicación da figura de Plácido Castro

O IGADI formúlase como unha expresión orgánica de continuidade coa mellor tradición do galeguismo universalista e atopa en Plácido Castro (1902-1967) unha referencia persoal que reivindica de modo activo e expreso, dispoñendo medios (Fundación) e axenda (actos, publicacións…) para unha mellor difusión do seu ideario e pensamento.                                                                                  

4.      A creación do Observatorio de la Política China 

Este Observatorio (coa súa Rede Iberoamericana de Sinoloxía, o Taiwan Hebdo, o Jiexi Zhongguo, o programa Minzu, os simposios electrónicos internacionais, etc.) é un referente no acompañamento dos estudos chineses en toda a área iberoamericana.

5.      A creación do Observatorio Galego da Lusofonía

Quixo ser expresión dunha acción exterior con acento na lingua mantendo unha atención constante aos países e rexións de lingua oficial portuguesa a fin de promover o maior aproveitamento da vantaxe comparativa que supón a facilidade con que as persoas galegas poden entenderse e facerse entender nos territorios lusófonos. 

6.      A elaboración do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia

Constituíu a primeira formulación no Estado español neste formato dunha estratexia de acción exterior sistematizada e con vocación de permanencia, identificando as nosas especificidades e intereses neste eido e determinando propostas para facilitar unha ampla e transpartidaria Alianza por Galicia no Eido Exterior.

7.      A promoción dos Foros Bilaterais coa Diáspora

A idea da creación dun terceiro espazo capaz de identificar e dinamizar sinerxías entre a Galicia territorial e a Galicia da diáspora con proxección en diferentes ámbitos responde á necesidade de buscar fórmulas cooperativas e de integración do capital relacional que representa a emigración para nós.

8.      A formulación de estratexias para a promoción exterior da cultura galega

Galicia é un país cun sistema político que asenta en catro poderes. O cuarto é a cultura. A proxección exterior de Galicia non pode prescindir da cultura. Antes ben, este debe ser un valor privilexiado para garantir a nosa presenza global.

 

9.      Servizos á internacionalización empresarial

Dende a proposta dun Observatorio exterior ata as misións de acompañamento empresarial, o fomento da participación galega nos programas de licitación internacional ou a elaboración de estudos de mercado, o IGADI contemplou a internacionalización empresarial como un ámbito inescusable da súa acción.

10.  Novos enfoques para unha acción exterior do poder local galego e a xeración de boas prácticas.

Concellos e Deputacións dispoñen dunha ruta internacional específica que compre percorrer. O IGADI achegou propostas concretas tanto no plano individual como corporativo (FEGAMP) para reivindicar e rigorizar estas prácticas.

11.  A promoción do Foro Iberoamericano e dos Coloquios Euroamericanos.

Galicia ten en Baiona un capital infrautilizado para reivindicar un posicionamento específico arredor das relacións euroamericanas.

12.  Labor constante de lobby respecto de institucións e actores significados da sociedade galega para prestar maior atención ao exterior.

Abrir camiños a unha maior sensibilidade respecto do exterior a fin de incluílo na axenda das principais institucións e actores do país ten sido unha preocupación constante do IGADI. Neste sentido, entre outros, procuramos abondar na comisión da reforma do Estatuto do Parlamento de Galicia.

13.  A creación de Tempo exterior, revista galega de estudos internacionais

Tempo exterior, de periodicidade semestral, sitúanos na vangarda das publicacións en materia de relacións internacionais existentes no Estado español onde é a única que sobresae nunha lingua dunha nacionalidade minoritaria.

14.  A elaboración de informes de referencia.

O IGADI Annual Report, o We in the World, o Informe Mundial de Estados de Feito ou os informes anuais sobre política chinesa e taiwanesa, veñen a ratificar que “en Galicia temos opinión do Mundo”.

15.  A promoción dunha liña de publicacións sobre asuntos internacionais.

Con medios propios ou en colaboración con diversas editoriais, o IGADI estimulou a presenza no noso mercado de propostas bibliográficas sobre temas internacionais. Cabe neste sentido destacar coleccións como Pretextos Internacionais ou Texturas Internacionais.

16.  A posta en marcha de programas de investigación sobre Paradiplomacia, Conflitos, seguridade e Paz, e cooperación ao desenvolvemento.

Estes programas estaban chamados a crear equipos en diversas áreas facilitando a intercomunicación e a especialización así como a xeración de ideas, propostas e voces cualificadas.

17.  A constante presenza en diferentes medios de comunicación.

Os analistas do IGADI comparecen de forma activa en medios de diferentes países para acompañar a interpretación de feitos puntuais da axenda internacional.

18.  A celebración de múltiples cursos, ciclos, seminarios e conferencias arredor de temas internacionais.

Ben por iniciativa propia ou en colaboración con diferentes universidades ou outras entidades, a participación en todo tipo de propostas divulgativas ou formativas é unha nota característica do IGADI. Cabe destacar como proposta singular as sucesivas edicións do Curso Superior de Información e Relacións Internacionais ou os módulos formativos en dereitos humanos para colectivos específicos.

19.  A participación en master e cursos on line sobre temas internacionais.

A xestión de módulos en diversas materias e/ou a elaboración de materiais formativos forman parte do capital académico acumulado polo IGADI.

20.  A presenza na Rede.

A xestión e mellora constante do noso portal e a nosa participación nas redes garante unha presenza cualificada de Galicia nun área de proxección singular e de importancia global.

21.  O establecemento de vínculos con organismos de Nacións Unidas e a tradución ao galego de textos internacionais relevantes.

Sen mingua dos posicionamentos críticos cando procederan, a colaboración co sistema onusino ten sido  unha característica do IGADI, promovendo contactos directos e alentando vías de difusión do seu ideario.

22.  A reivindicación conmemorativa da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas (1933).

Este evento histórico debe pasar a formar parte activa da nosa memoria colectiva. Somos un país no mundo.

23.  Acollemento de alumnos de diversas partes do mundo en estadías de investigación e prácticas.

Nestes 25 anos, o IGADI acolleu estudantes e becarios en réxime de prácticas de diferentes países de Europa, América e Asia.

24.  A creación e participación en redes de colaboradores e institucións afíns.

Tanto a nivel galego como internacional, o IGADI pula pola confluencia e a xeración de oportunidades colaborativas para que a suma de  sinerxías e a converxencia de intereses transcenda os limitados recursos dispoñibles.

25.  Un posicionamento de Galicia na área das relacións internacionais.

A existencia do IGADI e a constancia do seu labor fai que Galicia conte cun think tank capaz de contemplar o mundo desde aquí e de proxectármonos como colectividade nun contexto internacional que brinda posibilidades anovadas de participación.

O modelo do IGADI asenta en catro piares básicos: compromiso, independencia, servizo á cidadanía e combinación de reflexión e xestión.