Cando falamos de Silesia e da Alta Silesia cómpre facer unha aclaración que non leve a futuras confusións. A Alta Silesia, coñecida na lingua silesiana como Gōrny Ślōnsk, forma parte do territorio histórico – xeográfico de Silesia, un territorio xeográfico máis amplo situado concretamente entre o suroeste de Polonia e o nordeste de Chequia.
A Alta Silesia a pesares de ser concibida como unha rexión per se, a parte polaca está dividida a nivel administrativo en dous voivodatos (provincias polacas): o Voivodato de Silesia e o Voivodato de Opole. Contando no seu conxunto cun total aproximado de 4 millóns de habitantes.
Neste artigo tratarei de presentar a rexión histórica da Alta Silesia, non soamente como un ente puramente histórico-xeográfico se non como o ente político-étnico que representa no contexto actual polaco. Deste xeito, para entender o caso silesiano, empregarei o concepto de comunidade étnica elaborado polo sociólogo británico Antonhy D. Smith [1], que entendía estes grupos “como poboacións humanas que comparten un territorio histórico, mitos e memorias no tempo, un ou máis elementos dunha cultura compartida, un sentimento de asociación territorial e certa solidariedade”.
Ao igual que as nacións, os grupos étnicos tamén contan con mitos ou historias que marcan a identidade política destas comunidades. No caso da Alta Silesia isto xira ao redor do que se coñece como “A Inxustiza Silesiana”, esta cuestión non se reduce a un único evento senón a un grupo de eventos acontecidos ao longo do período de entre guerras, durante e despois da Segunda Guerra Mundial.
Tralo fin da Gran Guerra e a firma do Tratado de Versalles en 1919, o territorio da Alta Silesia atoparíase nunha delicada situación. No Tratado acordábase a realización dun plebiscito no que os cidadáns silesianos decidirían se a rexión seguiría formando parte da Alemaña de Weimar ou pasaría a formar parte da nova República de Polonia. Neste contexto ambos países levarían a cabo fortes campañas de propaganda sen ter en conta que un porcentaxe significativo da poboación nativa (entre o 30% e o 50%), non se identificaba con ningunha nacionalidade e calquera recoñecemento da identidade silesiana era maiormente obviado por ambas partes [2].
Durante os anos 1919 e 1921, é dicir, antes e xusto despois da realización do plebiscito, un total de tres levantamentos estalarían na rexión de Silesia. Algúns autores consideran o ocorrido durante eses anos como unha guerra non declarada entre Polonia e Alemaña, dende a narrativa etnorexionalista silesiana, aqueles episodios son considerados como unha guerra civil. Tras estes tráxicos episodios e un plebiscito que
non convencía a ningunha das partes, acordouse dividir a Alta Silesia entre Alemaña e Polonia, conformando así o primeiro episodio traumático para a identidade silesiana.
A asimilación cultural realizada en ambas partes do territorio tornaríase máis significativa coa invasión da Alemaña nazi a Polonia, que integraría a toda a Alta Silesia nunha mesma provincia e onde se levaría a cabo unha limpeza étnica. Neste senso, é de interese comentar que dende a perspectiva xermana, facíase unha distinción entre a poboación etnicamente silesiana ou silesiana-alemá, á cal pretendíase xermanizar e a poboación polaca á cal deportábase. Deste xeito, arredor de 250.000 silesianos serían chamados a filas do exército alemán [3].
A consideración dos silesianos como parcialmente alemáns, o exercicio militar no bando alemán e “a submisión durante a ocupación” [2] tería graves consecuencias para a comunidade silesiana trala Segunda Guerra Mundial. Así, trala entrada do Exército Vermello no territorio da Alta Silesia e a posterior incorporación da rexión na República Popular de Polonia, levaríase a cabo dende o Goberno polaco unha limpeza étnica da poboación considerada alemá na rexión. Isto afectaría en gran medida á poboación silesiana, que durante a ocupación nazi fora considerada como xermana ou como “xermanizable”. A represión contra a poboación civil traducida en deportacións, internamento en campos de concentración e abusos durante o final do conflito e a posguerra serían algúns dos eventos que conformarían o que se coñece hoxe en día como “A Inxustiza Silesiana” (The Silesian Harm).
Sen dúbida, tanto o caos político e administrativo da rexión durante o período de entreguerras como a represión sufrida unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial marcarían aos habitantes da Alta Silesia e consecuentemente á súa memoria colectiva ata o día de hoxe.
No ano 2021, Polonia realizaba o seu último censo [4]. Os resultados, publicados o ano pasado mostraban unha baixada na porcentaxe de poboación que se identificaba etnicamente como silesiana respecto ao censo de 2011, pasando dun total de 846,700 a un total de 585,700 a día de hoxe. Sen embargo, non deixan de ser a comunidade étnica máis grande do país por detrás dos polacos. No que respecta a lingua silesiana, 460,000 persoas considérana a súa lingua nai.
Se houbera que sintetizar a actualidade política ao redor da Alta Silesia, poderíamos empregar 3 palabras: lingua, centralismo e división. A maior parte das organizacións políticas-culturais e os partidos políticos silesianos teñen como eixe central a reivindicación da lingua silesiana como parte fundamental da súa identidade. A loita polo recoñecemento a nivel nacional da lingua vén de lonxe e segue activa. O último episodio remóntase ao pasado mes de maio, cando o Senado, controlado pola oposición do Primeiro Ministro D. Tusk, aprobaba un proxecto de lei recoñecendo o silesiano como lingua rexional, sendo a Lei vetada días despois polo Presidente Andrzej Duda, principal opoñente político de Tusk.
O proxecto orixinal do Estado polaco xira ao redor da idea dunha nación unitaria e homoxénea. Así pois, movementos rexionalistas como o silesiano supoñen unha
ameaza para esa imaxe que certos partidos, principalmente o PiS (Lei e Xustiza), aínda queren impoñer en Polonia. O Presidente Duda, declaraba abertamente que “o silesiano non era máis que un dialecto do polaco” e que no contexto xeopolítico actual recoñecer o silesiano “podería ser un risco para a seguridade nacional” e a “identidade nacional polaca” [5].
A realidade político-electoral na Alta Silesia non é moi positiva. Neste momento ningún partido rexionalista conta con representación nin na Asemblea Rexional Silesiana nin no Parlamento polaco. As razóns disto deben ser mellor estudadas, se ben, a falta de unidade entre os distintos partidos e a división do voto rexionalista entre estes podería ser unha das causas dos últimos fracasos electorais. De tódolos xeitos, nas últimas eleccións o Partido Rexionalista Silesiano recibiría un total de 50,000 votos. No pasado, o coñecido como RAŚ ou Ruch Autōnōmije Ślōnska (en galego, Movemento pola Autonomía Silesiana) conseguiría estar presente na Asemblea Rexional, durante dúas lexislaturas.
Sen embargo, o traballo pola defensa da lingua, a cultura e as tradicións silesianas van máis alá da esfera política, posto que numerosas asociacións reivindican as mesmas de xeito activo integradas ao redor da Rada Górnośląska (en galego, o Consello da Alta Silesia) [6]. O recoñecemento formal e lexislativo dos silesianos como grupo étnico por parte da República de Polonia e o recoñecemento da lingua como lingua rexional son os dous principais focos de traballo destas asociacións, entre as cales existen tamén algunhas que apostan por unha maior autonomía.
No contexto actual, darlle voz dende o país á loita das minorías polo recoñecemento da súa identidade, cultura e linguas debe estar sempre presente como un xeito de colocar as minorías no mapa e a nós, no mundo.
Referencias bibliográficas:
- SMITH, A. D. (1984). Ethnic myths and ethnic revivals. European Journal of Sociology / ArchivesEuropéennesdeSociologie/EuropäischesArchivFürSoziologie, 25(2), 283–305. http://www.jstor.org/stable/23999274
- Błaszczak-Wacławik, M., Błasiak, W., and Nawrocki, T.. (1990). Górny Śląsk szczególny przypadek
kulturowy. Warszawa: Wydawnictwo Naukowe Jan Szumacher.
- Muś, A. (2020). Silesian Harm and Upper Silesian Awakening. Border andRegional Studies, 8(4), 141– 160. https://doi.org/10.25167/brs2126
- National Census of Population and Housing 2021. Report on preliminary results. (2022). Statistical Office of the Republic of Poland. https://stat.gov.pl/en/national-census/national-population-and- housing-census-2021/
- Tilles, D. (2024, 4 xuño). President vetoes law recognising Silesian as regional language in Poland. Notes From Poland. https://notesfrompoland.com/2024/05/29/president-vetoes-law-recognising- silesian-as-regional-language-in-poland/
- Muś, A. (2021). The political potential of Upper Silesian ethnoregionalist movement : a study in ethnicidentityandpoliticalbehavioursofUpperSilesians. Brill. https://brill.com/view/title/60053