Terceira proba nuclear de Corea do Norte

A cordura a raia

A terceira proba nuclear norcoreana levada a cabo este martes co argumento de “defender a  seguridade e soberanía fronte ás políticas hostís de EUA”, chega varias semanas despois de que o Consello de Seguridade da ONU aprobara unha resolución contra Pyongyang polo lanzamento dun foguete o pasado decembro.

Apartados xeográficos Península de Corea
Idiomas Galego

A terceira proba nuclear norcoreana levada a cabo este martes co argumento de “defender a  seguridade e soberanía fronte ás políticas hostís de EUA”, chega varias semanas despois de que o Consello de Seguridade da ONU aprobara unha resolución contra Pyongyang polo lanzamento dun foguete o pasado decembro.

A proba levada a cabo por Corea do Norte bota mais leña ao lume nun contexto rexional cada día mais turbado. Nos últimos meses, os alardes de poderío militar téñense multiplicado en toda a zona con exercicios militares conxuntos de Washington con Seúl e Tokio, tamén de China, nun ambiente marcado pola exacerbación das tensións entre China e Xapón pola disputa da soberanía sobre as illas Diaoyu/Senkaku.

Pyongyang ven utilizando tradicionalmente o programa nuclear como un arma tan desafiante como imprudente fronte as resolucións da ONU. Non obstante, deberamos cifrar igualmente a atención na ausencia de políticas explícitas e perseverantes orientadas a crear medidas de confianza que poidan prever un deterioro da situación. Os riscos seguirán aumentando na medida en que non se aborden as causas fundamentais do contencioso.

Se descartamos, como parece lóxico e aconsellable, o recurso ao uso da forza, a xestión deste novo episodio de tensión pasa pola recuperación do diálogo hexagonal -no que participan as dúas Coreas, Xapón, Rusia, China e EUA- na busca dun equilibrio que satisfaga as preocupacións das partes.

Con independencia da valoración que nos mereza a peculiar tiranía norcoreana, o incremento da tensión en Asia oriental só pode rebaixarse con xenerosas doses colectivas de cordura.