A Corte Penal Internacional vai camiño de cumprir dúas décadas. A creación do primeiro tribunal penal internacional permanente da Historia para xulgar crimes de guerra, crimes contra a humanidade, o xenocidio e os crimes de agresión foi un paso de xigante na loita contra a impunidade se ben está lonxe aínda de revestir un formato ideal.
A Corte Penal Internacional vai camiño de cumprir dúas décadas. A creación do primeiro tribunal penal internacional permanente da Historia para xulgar crimes de guerra, crimes contra a humanidade, o xenocidio e os crimes de agresión foi un paso de xigante na loita contra a impunidade se ben está lonxe aínda de revestir un formato ideal.
Tal como estableceron os estados signatarios, a CPI non dispón de medios propios para investigar nin facer cumprir as súas resolucións e depende por iso da vontade cooperativa dos estados para resultar eficaz. Son os estados parte os que deben proceder ao arresto dos sospeitosos e obter as informacións e probas esenciais que diluciden o proceso. Sen a cooperación dos estados é imposible facer xustiza cos autores dos crimes mais graves con independencia de quen sexan os seus responsables.
A credibilidade da CPI segue sendo un problema maior. Isto obedece ao perfil de facto que se deriva das causas tramitadas ata agora. A Unión Africana, por exemplo, apelou a unha retirada masiva da CPI, restando uns vinte estados do continente tralas significativas saídas de Sudáfrica ou Namibia, entre outros. A maiores existe unha forma de evitar o cumprimento das súas resolucións en virtude da existencia dun convenio bilateral que protexa ao nacional de outro estado que non sexa parte da CPI. Esta excepción foi elevada a norma por parte de EUA. Desde o ano 2003, por exemplo, Washington adopta represalias contra aqueles países que non lle aseguren a cláusula de exención ante o CPI.
A aversión á CPI que medra entre algúns estados parte ou que o foron, apela a unha hipotética condición de instrumento de presión política sobre os países menos desenvolvidos por parte dos estados occidentais. Os líderes africanos, por exemplo, quéixanse de recibir mais atención que outros lugares do planeta onde tamén se desenvolven conflitos. E a opinión pública láiase da reiteración das dobres varas de medir e do feito de que a impunidade, por outra banda, quede garantida para aqueles países (EUA, Rusia, China, India, Israel, Cuba, etc) que non subscribiron o seu estatuto. Todos os non asinantes poden estar tranquilos, as súas violacións de dereitos humanos e crimes de guerra non poderán ser obxecto de imputación. Isto fai que a Corte acabe por impoñerse só aos estados máis febles.
A evolución destas case dúas décadas aboca á CPI a unha reforma en varios campos se aspira a conformarse como un tribunal asentado e con futuro. Indubidablemente precisa medios para reforzar as súas capacidades internas pero sobre todo adoptar medidas para facela máis internacional e máis equilibrada en todos os dominios.